Clausura do XXVI curso de verán

O pasado 24 de xullo tivo lugar, no salón de actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, o acto de clausura dos XXVI cursos de verán organizados pola Academia, o ILGa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Henrique Monteagudo, Ernesto González, Alonso Montero, Valentín García e Manuel González
Henrique Monteagudo, Ernesto González, Alonso Montero, Valentín García e Manuel González


No peche dos cursos estiveron presentes o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane; o director do curso, Manuel González, o secretario da Academia, Henrique Monteagudo; a tesoureira, Rosario Álvarez; os membros numerarios Ramón Lorenzo, Antón Santamarina e Xosé Luís Regueira, Francisco Fernández Rei e o profesor da Universidade de Casteddu (Cagliari), Diegu Corraine.

"Hoxe temos que expresar, en primeiro lugar, a nosa satisfacción ao vermos incrementada a familia dos falantes de galego con persoas que escolleron libremente coñecer a nosa lingua". Deste xeito empezou o seu discurso o membro numerario da Academia e director dos XXVI cursos de verán de galego para estranxeiros, Manuel González quen, despois de agradecer a súa axuda aos colaboradores que participaron de balde no curso, rematou a súa intervención reclamando a súa continuidade nos vindeiros anos.

"De aquí en adiante, esta é a vosa casa" declarou o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, dirixíndose aos alumnos da XXVI edición dos cursos de verán. "Hoxe queremos transmitir tamén unha mensaxe optimista e de confianza no futuro", declarou González Seoane logo de manifestar o firme compromiso do ILGa na continuidade dos cursos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, empezou a súa alocución manifestando a súa confianza na continuidade dos cursos de verán, e, en referencia aos alumnos comentou: "Vós sodes unha parte moi importante na proxección exterior da nosa lingua, os embaixadores do galego no mundo. Querémosvos comunicar hoxe a nosa esperanza na vosa colaboración na construción desa grande obra colectiva que é unha lingua".

Na súa intervención, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, declarou o seu interese en coñecer a impresión que os alumnos do curso tiraran sobre a nosa situación sociolingüística: "Esta é a primeira vez que moitos de vostedes tiveron relación íntima coa lingua galega, e a nós gustaríanos saber cal é a impresión que vostedes levan sobre a relación entre o que nós explicamos nas aulas e o que efectivamente acontece na rúa, a súa impresión sobre a problemática da lingua galega, en definitiva. Para nós, esta sería unha información moi valiosa, e por iso lles pedimos que nos envíen, cada un de vostedes, un pequeno informe coas súas observacións que logo nós nos encargaremos de publicar".

Alonso Montero entregando un diploma a unha alumna
O acto de clausura rematou coa entrega aos alumnos do diploma acreditativo da súa participación nos cursos
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar