Chus Pato ingresa na RAG o 23 de setembro nun acto en Ourense

Chus Pato ingresará como membro de número na Real Academia Galega o 23 de setembro nunha sesión extraordinaria e pública que terá lugar no IES Otero Pedrayo de Ourense, centro educativo do que foi alumna. A poeta, que ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén escritor ourensán Xosé Fernández Ferreiro, lerá na sesión de recepción o discurso titulado Baixo o límite. O académico de número Francisco Fernández Rei será o encargado da resposta en nome da institución.

A poeta Chus Pato. Fonte: RAG


Coa entrada de Chus Pato na RAG (Ourense, 1955) incorpórase á institución unha das poéticas máis persoais e vangardistas da literatura actual. A súa é unha voz renovadora e rupturista que se caracteriza tamén por un fondo compromiso ético. Recoñecida internacionalmente, foi traducida ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como Poésie en Galice aujourd'hui (Sources, 1999), Las poetas de la búsqueda (Libros del Innombrable, 2002) New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell'Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry (Salmon Poetry, 2010).

Os versos de Secesión (2009) lidos na súa propia voz son, desde 2015, os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. A autora foi tamén convidada aos festivais internacionais de poesía de Barcelona, Rosario, La Habana, Buenos Aires, Bratislava ou Rotterdam.

Os primeiros poemas de Chus Pato viron a luz na revista Escrita (1984) e parte da súa obra pode lerse tamén en revistas como Luzes de Galiza, Festa da palabra silenciada, Andaina e Clave Orión..., e en antoloxías e libros colectivos. Urania (1991) foi o seu primeiro libro, ao que seguiron Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive (1996), co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu o Premio da Crítica por Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez. Este título é parte da pentaloxía Decrúa (antes Método), iniciada no ano 2000 con m-Talá, e da que tamén forman parte Charenton (2003), Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandade do Libro como mellor autora do ano.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar