Camiño Noia responde o Cuestionario Filgueira Valverde

Especializada no eido da literatura galega e da escrita de mulleres, a catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos (Santiago de Compostela, 1945) ten publicado libros como A nova narrativa galega e Palabra de muller.
Camiño Noia
Camiño Noia.


Que importancia tivo a figura e a obra de Filgueira Valverde na vida cultural galega nos dous segundos terzos do século XX?
Nesa etapa de tantas carencias no ámbito do galego, Don José Filgueira foi unha figura relevante no mundo académico e cultural de Galicia. Malia ou grazas á súa presenza nas institucións políticas do franquismo, sendo como era un galeguista convencido, foi quen de facer o que outros non podían para manter viva a nosa lingua e a nosa cultura. E cómpre salientar, entre outras xestións, a importancia da súa intervención na rehabilitación profesional de homes tan significativos na etapa de preguerra como Otero Pedrayo ou Carballo Calero.

Filgueira é recoñecido como experto en literatura medieval desde os anos de universitario no Seminario de Estudos Galegos. En 1940 publica un artigo sobre os "Cantores da Ría de Vigo" –ós que o ano 1998 se lles dedicará o Día das Letras– e no seu discurso de entrada na Academia Galega en 1941, "Da épica na Galicia medieval", fala dos textos épicos inseridos nos cancioneiros galegos e da presenza de Compostela nas lendas carolinxias; exemplos dos seus primeiros traballos ós que lles seguiron moitos máis.

En 1942, desde o Instituto Padre Sarmiento, substituto do Seminario de Estudos Galegos, Filgueira crea con Francisco Javier Sánchez Cantón a revista Cuadernos de Estudios gallegos, onde apareceron e seguen a aparecer importantes artigos sobre literatura, arte ou historia de Galicia. En 1949 crean tamén a editorial Bibliófilos Gallegos, na que se publicaron obras en lingua galega antes do nacemento de Galaxia. Organizaron concursos de narrativa e de tradución ó galego e publicaron as obras premiadas; todo tentando manter prendida a chama da literatura en galego.

Por outra parte, como profesor de Literatura española no instituto pontevedrés, Filgueira aprendeulle ó seu alumnado e ó público das súas conferencias a importancia da literatura, da historia e da cultura popular galegas e faloulles de autores deostados polo Réxime, como Castelao ou Otero Pedrayo. Como director do Museo, que desde 1927 garda importantes documentos, obras de artistas galegos e boa parte do espolio do Seminario de Estudos Galegos, Filgueira coidou o seu patrimonio e enriqueceuno con importantes adquisicións. E, como alcalde da cidade, soubo conservar as antigas edificacións da vila preservándoa da destrución urbanística que outras cidades padeceron. É certo que no tempo en que el a rexía foi instalada a factoría de Ence que veu emporcar a ría e apetrenar a cidade, mais parece que nada puido facer Don José, porque, segundo me dixo nunha ocasión respondendo unha pregunta miña, "estaba todo moi asentado en Madrid".

E, sen dúbida, seguen sendo de lectura obrigatoria para calquera galeguista, de dereitas ou de esquerdas, os artigos sobre temas de etnografía, literatura, onomástica, etimoloxía, documentación… que Figueira publicaba nos xornais galegos, especialmente, no Faro de Vigo e que Isaac Díaz Pardo lle editou en nove tomos dende Adral (1979) ata IX Adral (1996).

Cales foron as súas achegas máis importantes ás letras galegas e aos estudos históricos e artísticos en Galicia?
Dadas as imposicións do uso do castelán na primeira etapa da Ditadura, Filgueira apenas escribe en galego, mais sempre que os receptores o demandan utilizábao nas súas conferencias. E foron importantes para os estudos literarios as súas achegas en castelán no eido da literatura medieval así como a información que foi deixando en centos de artigos académicos e xornalísticos sobre autores e temas da nosa cultura. Sarmiento, por exemplo, foi un autor da súa devoción, mais tamén deixou achegas interesantes sobre toponimia ou sobre cantigas populares.

Respecto ós estudos históricos e sobre as artes plásticas, desde a miña condición de profana nesas materias, non dispoño de datos para responder.

Que vixencia conserva a súa obra hoxe en día?
Sen dúbida, ten plena vixencia a súa tese de doutoramento sobre a Cantiga CIII, das Cantigas de Santa María na que estuda a noción do tempo e gozo eterno na narrativa medieval. Calquera persoa que se achegue a ese tema, tanto cunha perspectiva folclórica (popular) como erudita (culta) deberá consultala, pois segue a ser un traballo de consulta obrigada pola ampla documentación que contén.

Outro tipo de traballos de Filgueira, como os de literatura medieval, foron xa reformulados e ampliados por outros investigadores con novas investigacións e bibliografía moderna. Con todo, as persoas interesadas neste campo deberán telos en conta como traballos pioneiros, contextualizándoos na época en que foron escritos.

Que pegada deixou a súa obra nos estudos e nos pensadores e ensaístas galegos contemporáneos?
Filgueira foi un pioneiro en varios ámbitos da cultura galega. Para a xente das primeiras xeracións de posguerra que fomos universitarios en Compostela, as achegas de Filgueira deixáronos inesquecibles pegadas na nosa formación. Os numerosos limiares que escribiu e os artigos biobibliográficos sobre Sarmiento, Otero, Cunqueiro, Losada Diéguez ou Cotarelo deixaron unha lembranza viva en licenciados e licenciadas que estiveron a piques de perder o fío da tradición. Aínda que os tempos son moi distintos, a revista Encrucillada (1977) ben pode considerarse continuadora de Logos. Revista de cultura relixiosa (1931-1936). Nesta publicación, Filgueira tivo un importante papel como xestor, e ademais das colaboracións asinadas co seu nome, está presente co pseudónimo «J. Acuña» nos artigos sobre mosteiros galegos e na sección de novidades bibliográficas.

É difícil que un polígrafo, e pioneiro en moitos campos, deixe discípulos en todos pero non hai dúbida que os seus herdeiros no Museo pontevedrés son os auténticos discípulos do mestre; as súas pegadas percíbense ben.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar