Basilio Losada ingresa este sábado na Real Academia Galega como membro de honra

A Real Academia Galega acollerá este sábado, 3 de outubro, a cerimonia de ingreso de Basilio Losada Castro na institución como membro de honra. O tradutor, investigador e docente, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60, dedicará o seu discurso ás primeiras novelas de Rosalía de Castro. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, responderalle en nome da Academia, que recoñece con esta distinción o labor incansable de Losada na defensa e na difusión da nosa cultura.

Basilio Losada Castro

Basilio Losada (Láncara, 1930), emigrante en Cataluña desde cativo, é unha das figuras máis senlleira da cultura galega do noso tempo, cunha produción polifacética que vai da investigación e o ensaio á crítica literaria, a tradución e mesmo a creación. O seu ingreso na RAG celebrarase no salón de actos da institución, na rúa Tabernas, 11 da Coruña, nun acto de entrada libre a partir das 12 horas.

As letras galegas chegaron da súa man a espazos hispánicos alleos á nosa literatura a través das súas traducións ao castelán de Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Xohana Torres e un longo etcétera. Salientan os seus traballos Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües por editoras de fóra de Galicia. Tamén cómpre mencionar as súas traducións de voces poéticas catalás ao galego, así como de clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, faceta que foi recoñecida en 1991 co Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

Losada é ademais autor de traballos de investigación e ensaios de carácter literario, parte deles publicados desde os anos 60 en Galicia, pero tamén activo divulgador a través dos medios de comunicación (prensa e radio), libros colectivos e conferencias. Unha dimensión esta última non menos importante, na que actuou como auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica.

O seu labor mereceu o recoñecemento tanto do seu alumnado como de institucións do ámbito catalán, galego e lusófono. A Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi, en Brasil recibiu a Orde do Cruceiro do Sul; en Portugal, a Comenda da Orde do Infante don Henrique; e en Galicia, a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo.

Esta mesma semana a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. Losada compartiu, ademais de lugar de nacemento con Piñeiro, unha frutífera relación epistolar.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar