Armando Requeixo responde ao Cuestionario Díaz Castro

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971), profesor e crítico literario, é autor de monografías, edicións e estudos introdutorios a obras de Ánxel Fole ou Luís Seoane. A continuación, achegamos ás súas respostas ao Cuestionario Díaz Castro.
Armando Requeixo
Armando Requeixo (Xoán Álvarez)

Que características definen, ao seu parecer, a poesía de Díaz Castro?
Xosé María Díaz Castro (1914-1990) tivo una vida autorial de longo percorrido. Comezou a escribir sendo neno. Publicou os seus primeiros poemas tendo apenas dezasete anos e os derradeiros semanas antes de morrer, cando contaba setenta e seis. Como é lóxico, en sesenta anos de actividade literaria pública a súa poesía foi mudando, así que a resposta á pregunta formulada varía dependendo da etapa creativa diazcastriana á que nos refiramos.

Por tanto, para ben contestar, é preciso distinguir cales son esas etapas e ir caracterizando a súa produción atendendo ao momento poético que estas determinan. Deste xeito, poderíanse sinalar tres períodos creativos na escrita do autor:

1) Unha primeira etapa que vai dende os seus inicios en 1931 ata a Guerra Civil en 1936, con poemas (algúns éditos e os máis inéditos) de ton confesional e aínda místico, estética máis ou menos modernista, luzadas de malditismo baudelaireano, ecos das lecturas de Lamartine, preferencia polas temáticas do sombrío ao Musset, linguaxe abanante entre a raiceira popular e o cultista de tradición latina, tradicionalismo paisaxístico-descritivo, simbolismo e neopopularismo alternantes.

Neste momento, a escrita de Díaz Castro pode moi ben inserirse na liña neovirxilianista da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo (con Noriega Varela, Iglesia Alvariño e Crecente Vega), pois predomina nela a pegada humanística, o paisaxismo mindoniense, o substrato nutricio do rural, a coidada elaboración formal dos textos e afirmación do idioma a través da reivindicación do popular e o dialectal.

2) Unha etapa intermedia que comprende a obra escrita entre 1936 e 1947. Os poemas desta altura (uns cantos éditos e a maioría inéditos) ofrecen unha feitura máis clásica tanto polo emprego rigoroso das métricas coma pola linguaxe e imaxinería herdadas da tradición.

Os versos desta época intensifican en non poucos casos o seu ton confesional, ao que suman noutras ocasións o descritivo cotiá e o evocador de lugares (hai poemas dedicados a vilas e cidades relacionadas coa xeografía vital do poeta) e xentes (textos en homenaxe a outros escritores). Son eses poemas que o propio autor cualificou de "moito máis depurados e avanzados" e que están anunciando, como el deixou escrito, a inminencia de Nimbos polo seu "perfeccionamento constante, en percura de sinxeleza, síntese, profundidade… Nudez da linguaxe, condensación".

3) A etapa Nimbos, que se estende dende 1947 a 1990 e que presenta tres momentos ou subetapas:

a) Os pre-nimbos: poemas en galego publicados entre 1947 e 1961 que constitúen un avance do que será o libro, pois todos (ou case todos) acabaron integrándose nel.

b) Os Nimbos (1961): as trinta e dúas composicións que conforman o poemario. Nesta fase, a temática e estilística diazcastrianas tiñan xa alcanzado o seu cume. Os trazos definitorios desta escrita son: percepción humanística do universo poetizado; intensa elaboración formal (nos ritmos e metros) que proporciona aos textos unha pátina clásica; omnipresenza dunha sensibilidade religacional e transcendente; metapoética de simbiose bioliteraria; enraizamento telúrico na súa contorna chairega; espellamento das problemáticas sociais (inmobilismo, emigración) e definición identitaria (velaí "Penélope"); importante aparato simbólico (na dicotomía luz/sombras e noutros símbolos); elaborado procesamento da herdanza estilística latina e os seus tópoi; forte consciencia idiomática nunha aposta polas solucións lingüísticas dialectais con abondosas insercións da tradición literaria galega.

c) Os post-nimbos: toda a produción dada á luz por Díaz Castro dende a publicación de Nimbos en 1961 ata o seu pasamento en 1990. Son, maioritariamente, poemas na liña dos inseridos en Nimbos, posto que moitos deles se recuperaron dos mesmos cadernos previos de onde se tomara parte do material do poemario, de aí a súa coincidencia tanto temática coma estilística.

Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
O Díaz Castro de Nimbos é un continente literario. Ninguén antes del tiña poetizado dese xeito concreto e tampouco con posterioridade foi seguida a súa liña creativa. Por tanto, non é un autor con escola, non ten nin epígonos nin seguidores imitativos.

Agora ben, recoñecido o anterior, é innegable tamén que tanto no tempo no que se publicou Nimbos coma nas décadas posteriores houbo outros poetas que camiñaron por vieiros paralelos nos que, por veces, é posible descubrir puntuais converxencias. É o que sucede ao ler determinados poemas de Os namoros (1961) de Ramón González-Alegre; Mar maior (1963) de Manuel María; Entre o si e o non (1967) de Xosé Luís Franco Grande; Canta de lonxe o corazón do Tempo (1969) de Manuel Casado Nieto; Ao pé de cada hora (1967) de Salvador García-Bodaño; Palabra de honor (1967) de Arcadio López-Casanova ou Arredores (1962) de Antón Tovar.

Esas ocasionais coincidencias (temáticas, estilísticas, referenciais ou simbólicas, dependendo dos casos) estreitáronse coas reescritas (en converxencia parcial ou diverxencia complementaria) de mito de "Penélope" en creadoras posteriores como a Xohana Torres de Tempo de ría (1992) ou a Ana Romaní de Das últimas mareas (1994), entre outras. E, sobre todo, ese camiñar en paralelo volveu estimular a moi diferentes poetas das xeracións da Transición e a Democracia, que viron en Díaz Castro un referente a recuperar e un mestre que recoñecer, o que explica que Luís González Tosar, Eusebio Lorenzo Baleirón ou Lois Pereiro —cada un dende ancos complementarios— homenaxearan o poeta nalgúns dos seus textos máis celebrados.

Ao seu xuízo, que vixencia conserva actualmente a súa obra?
Díaz Castro é unanimemente recoñecido como unha das voces clásicas da poesía galega do pasado século. Por tanto, a súa vixencia entre o lectorado das máis recentes promocións é importante, en tanto en canto é un autor analizado e estudado nos programas educativos e aplaudido polas novas xeracións de creadores.

A súa poesía percíbese como unha mostra maxistral de escrita do transcendente, suxestiva recreación lírica dos grandes temas universais e a súa simboloxía (o amor, o tempo, a morte), dicción formal impecable, telurismo enlevado e sensibilidade cara ao social e a nosa realidade colectiva como pobo, amais de ser admirado pola pulcritude celmosa da súa lingua.

De feito, esta excelente consideración vén reiterándose dende hai anos e a proba máis evidente da mesma é o elevado número de iniciativas despregadas neste tempo para honrar a súa memoria e afirmar a valía da súa escrita: homenaxes á súa figura; reedicións de Nimbos; especiais e monográficos arredor da súa vida e obra; antoloxías nas que foi escolmado; traducións dos seus textos a múltiples linguas (inglés, francés, catalán, castelán, romanés, italiano ou alemán) e as ducias de estudos e artigos centrados nel.

Así pois, Nimbos e, moi particularmente, "Penélope" téñense erixido en textos de referencia indiscutible na historia da literatura galega das últimas décadas e é difícil atopar alguén un mínimo familiarizado coa nosa realidade que non saiba do autor e desta escrita. Oxalá a dedicatoria do Día das Letras Galegas do 2014 consiga ampliar o coñecemento da súa obra e poidamos, así, descubrir outras facetas da súa biobibliografía non menos interesantes.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar