Ana Salgado responde ao Cuestionario Vidal Bolaño

Ana Salgado (Loureiro, O Irixo, 1974). Profesora e coordinadora da revista ProTexta. En 1989 viu no I Festival de Teatro do Carballiño Salomé de Oscar Wilde, dirixida por John Eastham e Roberto Vidal Bolaño. Soubo máis sobre o autor das Letras 2013 nun curso que Dolores Vilavedra comezou co teatro de Abrente.
Ana Salgado
Ana Salgado

Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Na evolución dunha obra tan extensa todos os estudosos que lemos cadran na necesidade de establecer períodos diferentes. Xosé Manuel Fernández Castro fala no seu libro publicado por Laiovento en 2011, A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, do seu interese por formas dramáticas populares, pola recuperación da nosa tradición teatral e da súa atención ao presente. Se cadra este presente podería ser a totalidade do tempo, e mostra disto sería a súa capacidade para amosar a potencialidade das formas teatrais populares, características dunha cultura comunal que o escritor dese barrio de Vista Alegre ao que lle cantaron os Ataque Escampe debeu coñecer xa minguada. Tamén para analizar procesos de alienación, cunha manifestación ben contundente nese emigrante que vive nun barracón en Frankfurt en 1968 e que é protagonista de Cochos (Sotelo Blanco, 1992). Ou para falarnos en Rastros (Positivas, 1998) dun presente, este si agora mesmo, rexido por unha lei antiterrorista que fai posible botar anos no cárcere sen que haxa un xuízo.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor– na constitución do teatro galego moderno?
Colócase sempre o seu nome, a carón dos de Manuel Lourenzo e Euloxio Ruibal, para dicir que foron estes autores quen fixeron posible contarmos hoxe cun campo teatral en loita pola existencia. Respecto ao tempo de Abrente, finais dos anos 70, sinalou Damián Villalaín un enfrontamento entre un nacionalismo ortodoxo, didáctico, localista e artisticamente conservador e outras propostas renovadoras que pretendían crear "un teatro galego que saltase por riba de tantos anos de miseria e se inscribise definitivamente na gran enxurrada creativa das vangardas escénicas europeas e americanas". Pensamos a partir disto na posibilidade de que o oficio do teatro, concretado nun perfil profesional que inclúe análise, promoción e creación e traballo como actor, escenógrafo, director ou iluminador, contribuíse a situar a Vidal Bolaño alén da disxuntiva posible entre tradición e vangarda. No sentido de quen pensou, con Brecht, no que el denominou realismo dialéctico, de quen sabe que a linguaxe, para ter potencialidade crítica, precisa dun traballo de pescuda e experimentación, de quen coñeceu a sintaxe cinematográfica, de quen viviu no apego á discusión como principio dramático.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Menciónase adoito a pertinencia dunha obra atravesada pola capacidade crítica na achega de ideas para este tempo escuro. Máis alá do que é unha herdanza textual moi extensa –agardamos que se vaia coñecendo mellor ao longo deste ano coa edición da súa obra completa que emprendeu Positivas–, cavilamos en se os textos dramáticos de, por caso, Rubén Ruibal, Lupe Gómez ou Marcos Abalde terían tanto interese sen o labor de Vidal Bolaño. En se existiría tal como a vimos a Salomé que en 2011 dirixiu para o CDG Carlos Santiago. Xa en 1998 Aníbal Malvar dicía: "A Vidal Bolaño cómpre situalo cos dramaturgos máis novos" ou "A modernidade do seu teatro, insistimos, reside no risco, mesmo en certa imprudente arrogancia". Ao tempo, para calcular a vixencia da súa mestría, acórdanos a emoción de ver de novo a Ruibal sobre un escenario na primeira homenaxe cívica que se lle fixo a Vidal o outono pasado no Salón Teatro. Isto é, o que haxa da súa escola para o traballo actoral que se está facendo hoxe, e collemos como exemplo a Mónica Camaño que estivo en Mar revolto, peza sobre o secuestro do transatlántico portugués Santa María, e tamén no documental Santa Liberdade que arredor dos mesmos feitos dirixiu algo despois Margarita Ledo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar