Acto central do Día das Letras Galegas 2014

A Real Academia Galega celebrou en Guitiriz unha sesión plenaria extraordinaria aberta na que rendeu homenaxe ao autor de Nimbos: Xosé María Díaz Castro.
Mesa presidencial
Os académicos e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, durante a interpretación do Himno de Galicia


Á xornada asistiron, entre outros, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o presidente do Consello da Cultura Galega e membro numerario desta institución, Ramón Villares; o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido; o presidente da Deputación de Lugo, Ramón Gómez Besteiro e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, ademais de numerosos membros numerarios e correspondentes da Academia e outras figuras da nosa cultura.

Imaxe da mesa presidencial
Imaxe da mesa presidencial


A xornada deu comezo no CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz coa descuberta dunha placa dedicada a Díaz Castro, e a celebración dun acto promovido pola Xunta de Galicia no que tomaron a palabra o presidente da mesma, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o presidente da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco, e o poeta Luís González Tosar, e que contou, así mesmo, coa actuación musical da cantante María do Ceo.

"Hoxe Guitiriz é a capital literaria de Galicia, hoxe Díaz Castro é o poeta de todos", comezou declarando o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen informou, ademais, sobre a próxima publicación das traducións de Nimbos ao vasco, o inglés e o ruso, grazas á iniciativa da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo definiu a empresa poética de Díaz Castro como a formación dun "exército incruento de palabras que deitan luz sobre a nosa realidade", e proseguiu, "Díaz Castro estaba lonxe da crenza de que as linguas viven enfrontadas, para el, as linguas viven xuntas porque os seus falantes tamén o fan". Núñez Feijoo salientou, ademais, a mellora no estatus legal e social da nosa lingua que padecía, nos tempos da publicación de Nimbos, unha verdadeira marxinación: "Hoxe o galego está no ensino, nos centros de traballo, nos medios de comunicación e dispón tamén do seu propio dominio na rede, hoxe a nosa lingua é máis universal que nunca".

A seguir, celebrouse a sesión plenaria extraordinaria aberta da Academia na Casa Habanera de Guitiriz, e nela tomaron a palabra, os membros numerarios Xosé Luís Regueira, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Franco Grande.

Xosé Luís Regueira durante a súa intervención
Xosé Luís Regueira durante a súa intervención


Xosé Luís Regueira, nado, como Díaz Castro, na Terra Chá, foi o encargado de analizar a lingua literaria empregada polo autor de Nimbos. En palabras deste académico, as particularidades léxicas da fala chairega atopadas en Nimbos están sometidas á construción dun galego literario de alcance universal: "Xosé María Díaz Castro está a usar unha lingua que é excelsamente literaria, coidada e depurada, non localista e nada vulgar".

Xosé Luís Regueira sostivo a súa tese achegando exemplos de galego literario atopados en Nimbos afastados da fala popular de Guitiriz, como o seseo final en lus, ou o emprego de formas como eiquí, ceio ou aldeia, exclusivos da lingua culta, así como a completa ausencia no texto de calquera castelanismo. Secasí, Regueira salientou tamén a vontade de autenticidade e apego á fala local do poeta dos Vilares detectable en palabras como budio, péxago, moular ou alumar, propias da Terra Chá, e a vontade de reflectir de xeito estilizado na escrita o mundo rural da súa infancia.

Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana


Pola súa parte, Darío Xohán Cabana trazou na súa intervención un retrato vital e literario do autor dos Vilares, subliñando o lento proceso de maduración e decantación da escrita dun autor que non acadou a súa madurez plena ata despois dos trinta anos. Darío Xohán Cabana destacou tamén a influencia de autores como Aquilino Iglesia Alvariño e Noriega Varela na concepción poética de Díaz Castro, e o pouso da formación clásica recibida no Seminario de Mondoñedo.

"Díaz Castro non era un poeta de masas, como si foron Celso Emilio ou Manuel María, os outros dous membros, xunto con Cunqueiro, da Xeración do 36, segundo a cronoloxía establecida por Ferrín no seu De Pondal a Novoneyra, pero era un poeta consagrado na opinión dos seus pares cando publica Nimbos, pois lembremos que foi o único autor inédito incluído por Fernández del Riego na súa Antoloxía de poesía galega IV, Os contemporáneos", afirmou Darío Xohán Cabana, quen concluíu: "El é o poeta de Nimbos, e é máis que suficiente porque este é un dos libros máis conmovedores da poesía galega de todos os tempos".

Xosé Luís Franco Grande
Xosé Luís Franco Grande


O último en tomar a palabra foi o membro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande, quen estableceu tres fontes para a poesía diazcastriana: a relixiosa, a latina e a galega, e centrou o seu ensaio na análise das dúas primeiras. No que atinxe á fonte relixiosa, Franco Grande destacou a importancia, pola súa reiteración, do motivo da luz en Nimbos, relacionándoa co tema do galo como anunciador do día e da mañá no Hymnus Prudentius ou Hymnus ad Galli Cantum, no que se establece unha relación directa entre Cristo e a luz: "A luz é símbolo de vida, e o galo, un animal sagrado en moitas culturas, é o anunciador da luz, un tópico que aparece tamén no Cantar dos cantares".

No tocante ao herdo da tradición clásica, Franco Grande destacou as semellanzas entre o verso hendecasílabo empregado de xeito preferente por Díaz Castro e o hexámetro dactílico virxiliano, así como a concepción poética de liñaxe horaciana na que o perfeccionamento continuo da propia obra, na procura da forma máis espida e núa posible, é considerado, por riba da inspiración, o factor decisivo no proceso de creación literaria.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar