A recuperación do patrimonio individual e colectivo dos nomes e apelidos, a análise en Pontevedra

Que pasos hai que dar para restituír a forma galega dos nomes e apelidos? Que criterios filolóxicos se aplican na escolla das formas normalizadas? Como pode a escola empregar a antroponimia como unha ferramenta de normalización lingüística? Estas son algunhas das preguntas que se responderán este sábado na II Xornada de Onomástica Galega, centrada nos aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos, parte do noso patrimonio individual mais tamén colectivo. A Real Academia Galega organiza este programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá o encontro. A entrada é libre.

Pola esquerda, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e Ana Boullón, coordinadora do programa, inaugurando a II Xornada de onomástica galega


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o deputado de Cultura, Xosé Leal, e Ana Boullón inauguraron o encontro. Víctor F. Freixanes lembrou que a RAG traballa "intensamente a prol da conservación, consolidación e modernización constante dun dos patrimonios fundamentais da nosa identidade histórica e presente: o idioma". "Estas xornadas abordan especificamente a fixación e recuperación dos nomes e apelidos, a identificación das persoas consigo mesmas e coa súa lingua, o que constitúe un acto de liberdade individual, mais que debe estar apoiado e argumentado pola primeira institución que se dedica no país a estes labores", salientou o presidente da Academia, quen agradeceu "a sensibilidade e a colaboración" da Deputación de Pontevedra, "que fai posibles estes encontros con especialistas", concluíu.

Pola súa banda, o responsable da área provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, recordou que a colaboración coa RAG na Xornada de onomástica galega se repite, tras a primeira edición celebrada o ano pasado. "Quixemos colaborar na organización da Xornada de onomástica por entender que trata aspectos da lingua que están moi achegados á realidade das persoas de a pé, como foi a toponimia na pasada edición e os nomes e os apelidos nesta". O deputado fixo fincapé en que é "moi importante buscar a corrección no emprego do noso idioma e dos nosos nomes e apelidos, e promover o coñecemento deste aspecto patrimonial da lingua para mantelo e evitar a súa perda". Por último, tamén indicou que "este tipo de encontros, ademais de ser válidos para as persoas especialistas no tema, achegan a realidade do noso idioma ao público en xeral, que é algo fundamental, porque para respectar, primeiro hai que coñecer".

Un proceso de deturpación iniciado no s. XVI
O proceso de deturpación dos nomes propios empezou cando o galego deixou de empregarse nos documentos oficiais, a principios do século XVI, e foi substituído polo castelán. Esta é a razón de que unha parte dos apelidos, pequena porcentualmente, pero que afecta a algúns dos máis frecuentes, padecera a interferencia do castelán, recorda Ana Boullón, que ademais de coordinar as xornadas ofrece hoxe un relatorio centrado nos criterios que segue a RAG para escoller as formas estándares dos apelidos galegos. Parte delas, a dos 1.500 que máis se repiten, foron recollidas recentemente pola Academia nunha relación dispoñible en academia.gal e na intranet que emprega o persoal da administración de xustiza. Este traballo divulgado co propósito de facilitar o proceso de restitución dos apelidos galegos é un avance do proxecto do Dicionario dos apelidos galegos, no que profundará durante a súa intervención a académica correspondente e profesora de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de incrementar a listaxe, a obra na que está a traballar o Seminario de Onomástica da RAG conterá información de tipo etimolóxico ou histórico.


Consuelo Castro Rei, avogada do Estado, intervén na sesión sobre aspectos xurídicos. Á esquerda, a maxistrada do xulgado nº 1 de Caldas Encarna Dasi e á dereita, o académico Antón Santamarina, que presentou a mesa


Sobre os aspectos xurídicos do tema da xornada falaron na sesión da mañá a avogada do Estado Consuelo Castro Rei e a maxistrada do xulgado nº 1 de Caldas Encarna Dasi Dorelle. Consuelo Castro Rei repasou a normativa reguladora que rodea o cambio do nome e dos apelidos e explicou que para cada caso existe un réxime xurídico "moi distinto porque o sistema de atribución do un e dos outros baséase en principios substancialmente diferentes". "No nome rexe o principio de libre elección e nos apelidos, o principio de determinación legal", indicou. Encarna Dasi Dorelle incidiu tamén na regulación xurídica vixente e na súa aplicación práctica, ademais de facer unha breve referencia aos antecedentes lexislativos para unha mellor comprensión de onde parte a regulación xurídica actual.

Pero antes de dar os pasos legais requiridos, decidirse a recuperar a forma galega do apelido supón en ocasións vencer prexuízos que Ana Boullón rebate. "O apelido, igual có nome, non só ten unha dimensión colectiva, porque nos sitúa na sociedade, senón tamén individual, porque nos vincula á nosa familia, aos nosos devanceiros. Por iso se sente ás veces que esa forma non se pode cambiar, que facelo suporía unha especie de desafección con respecto aos nosos pais e aos nosos avós. Nada máis lonxe, a castelanización dos apelidos supuxo unha manipulación administrativa que non pediu permiso aos afectados", argumenta a académica correspondente e profesora de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.


Luz Méndez presentando a sesión sobre aspectos lingüísticos, que contou coas achegas de Gonzalo Navaza e Ana Boullón


Sábese, por exemplo, de persoas apelidadas Martínez no documento de identidade que son chamadas Martís como nome de casa, é dicir, que conservan a forma orixinal. "Isto non é así en tódolos casos, de forma que é necesario dar a coñecer estes procesos", engade Ana Boullón. Neste aspecto incidirá desde a perspectiva filolóxica o académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, que afondará na continuidade e na variación na transmisión dalgúns apelidos galegos.

Estratexias sociais: da xustiza á escola
As estratexias de normalización social son outro dos esteos do proceso de recuperación dos nomes e apelidos galegos. Nelas centrarase a primeira sesión da tarde, a partir das 16 horas, coas achegas de Anxos Sobriño, técnica da Audiencia Provincial de Pontevedra e presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo. Anxos Sobriño presentará unha proposta de campaña para recuperarmos a nosa onomástica e Valentina Formoso dedicará a súa intervención ao traballo de normalización da antroponimia desde os centros educativos.

"A toponimia, que pasou polo mesmo proceso de substitución e deturpación, conseguimos recuperala por decreto. Non ocorre o mesmo coa antroponimia, que debemos reparar cada un de nós individualmente. As leis ampárannos e permítennos dar o paso, pero é preciso algo máis ca unha lei para que as persoas resolvan mudar o seu nome e apelido", advirte Anxos Sobriño. A experta en normalización propón unha campaña no ámbito da Administración de xustiza, xa que é nos rexistros civís e nos xulgados de paz onde se inician os expedientes de cambio dos antropónimos. "Isto supón que a campaña parta da Dirección Xeral de Xustiza e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, mais tamén mellorará o seu desenvolvemento contar coa participación doutras entidades como o Seminario de Onomástica da RAG, cos centros sanitarios, servizos de normalización lingüística ou asociacións. Cada unha delas pode contribuír en aspectos diferentes", indica. A experta salienta a necesidade de dotar os órganos xudiciais de "información, formación e recursos" ao respecto e recomenda tamén, entre outras medidas, traballar con atención na divulgación de ideas, argumentos ou experiencias que animen a cidadanía a recuperar os nomes e apelidos galegos.


Ana Boullón presentando a sesión protagonizada por Valentina Formoso e Anxos Sobriño


A profesora do IES Félix Muriel de Rianxo Valentina Formoso explicará como sentiu a necesidade de traballar coa antroponimia como elemento de normalización da lingua e como plasmou esta necesidade nunha experiencia realizada no seu centro. "Todos os días nos centros de ensino lemos, cando menos unha vez, a listaxe dos nomes e apelidos do noso alumnado. Nomes que van variando en frecuencia segundo pasan os anos e apelidos que poden dar información do lugar orixinario da familia. Apelidos galegos, deturpados ou restituídos, combinados con nomes de orixe diversa conforman parte da identidade das persoas, aspecto que é moi sensible", apunta a docente. "As actitudes que existen sobre esta cuestión, tiradas dos resultados dunha investigación na que se analizaron outros parámetros sobre o que pensaba a mocidade sobre a galeguización de nomes e apelidos, dan para realizar certa reflexión sobre a función normalizadora da antroponimia, que posibilidades ten e como podemos desenvolver programas de normalización que se ocupen deste aspecto", resume.

Nomes de novela e cinema
A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre os nomes propios na ficción literaria e audiovisual, moderada pola xornalista Marga Pazos, que contará co novelista e académico correspondente Xosé María Lema e cos guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda.

Xosé María Lema falará da onomástica na súa novela Costa do solpor, na que se barallan arredor de 286 nomes, entre os presentes na trama principal e os secundarios, zoónimos e naóminos. Dous dos principais protagonistas de Costa do solpor son Chavián do Vao e Mariña Tareixa de Lobeira Carantoña Leis e Caamaño. A orixe do nome do primeiro está nunha fonte da parroquia na que naceu o autor, Bamiro (Vimianzo), A fonte do Chavián, que se refire ao fillo dun náufrago inglés cuxo apelido fora pseudocastelanizado polo crego. "Trátase dun deses apelidos híbridos coma outros existentes en Galicia (coma Jueguen ou Xoubanova). O descubrimento do auténtico apelido inglés do Chavián é unha das claves da novela", detalla Xosé María Lema. No tocante a Mariña de Lobeira, o nome foi escollido, ademais de por ser o dunha santa moi popular en Galicia, pola orixe mítica do seu primeiro apelido, Mariño, segundo o cal esta familia fidalga galega procedería dunha serea (nobiliario do conde de Barcelos, s. XIV). Os demais apelidos tamén corresponden a varias familias fildalgas que habitaban os pazos da Costa da Morte no século XVIII e o segundo nome, Tareixa, é unha homenaxe a María Teresa de Caamaño, fidalga culta e políglota da mesma época.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar