'A hestoria do libro galego', de Xosé Filgueira Valverde

Hoxe, no Día Internacional do Libro, recuperamos un artigo que amosa unha das facetas menos coñecidas de Xosé Filgueira Valverde: a de bibliófilo.
Xosé Filgueira Valverde.
Xosé Filgueira Valverde


En 1996, a Xunta de Galicia publicaba Arredor do libro, artigos de bibliofilia,no que recollía a produción de Xosé Filgueira Valverde sobre este tema espallada en diversos medios entre 1948 e 1990. O artigo ao que facemos referencia no título desta nova, "A hestoria do libro galego", foi editado orixinalmente en Sada en 1974 nos "Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia", a sección de publicacións da empresa Sargadelos, dirixida entón por Isaac Díaz Pardo.

No seu artigo, Filgueira Valverde facía un resumo da historia do libro en Galicia, das súas bibliotecas e manuscritos e das súas imprentas, unha crónica que dá comezo no século VI, e que está estreitamente ligada a unha Igrexa galega que no seu albor gardaba aínda un estreito vencello coa comunidade celta europea: "cando se le o inventario da primeira Biblioteca Monacal Peninsular que foi a de San Martiño de Dumio, no século VI, afirmámonos na ideia de que eiquí houbo libros fermosísimos, en relación cicais moi directa cos que tiñan os países célticos, Irlanda sobre todo."

Nunha xeira posterior, xa na Baixa Idade Media, atopamos as primeiras mostras bibliográficas, en forma de pergameos manuscritos, da literatura galega medieval: O Tumbo A e o Liber Beati Jacobi, do Códice Calixtino, conservado na Catedral Compostelá; os Cancioneiros medievais galegos, perdidos todos eles agás o de Ajuda e os apógrafos italianos da Vaticana e de Colocci, e os tres códices miniados conservados das Cantigas de Santa María do rei Afonso X, o de Toledo, o do Escorial e o de Florencia.

No século XV -a invención da imprenta tivo lugar contra 1440- imos atopar en Galicia as primeiras mostras de libros imprentados. Son, na súa meirande parte, libros litúrxicos encargados polas principais sés episcopais galegas da época -Santiago, Ourense, Mondoñedo, Lugo e Tui- que mandaban facer nos grandes centros da industria da imprenta da época, Lión e Venecia sobre todo, os seus misais, breviarios e devocionarios. O primeiro incunable feito en Galicia, manufacturado na imprenta de Monterrey polo tipógrafo Gonzalo Rodríguez de la Passera, será o Missale Auriense, de 1495. Máis de medio século despois, en 1550, sairá do prelo na imprenta mindoniense de Agustín de Paz, un dos libros aurorais da historiografía galega: Descripción del Reyno de Galicia, do Licenciado Molina.

Entre os séculos XVI e XVIII, Compostela converterase no verdadeiro centro da imprenta en Galicia, grazas sobre todo ao labor de dúas lonxevas liñaxes de tipógrafos: os Fraiz e mais os Aguayo, mais será na segunda parte do século XIX, ao abeiro do Rexurdimento, cando terá lugar unha verdadeira explosión das letras galegas e dos impresores especializados na súa publicación. Na Coruña, Martínez Salazar edita a colección "Biblioteca Gallega"; en Pontevedra, Vila tira do prelo a A Gaita Gallega; en Vigo, Compañel publica os Cantares Gallegos, de Rosalía e máis o Diccionario de escritores gallegos de Murguía; en Ourense, Otero publica "o primeiro e mellor xornal da nosa fala: O Tío Marcos da Portela". Mais o editor que merece as maiores gabanzas de Filgueira será o lugués Manuel Soto Freire (1826-1897): "foi unha forza promotora, un home que percuraba os escritores, suxería, acollía, acincaba as mellores ideias: unha Historia de Galicia, de Murguía; unha Gramática, a de Saco y Arce; un libriño pras escolas, La Primeira Luz e un Calendario Gallego."

Nos parágrafos finais, Filgueira Valverde remata o seu ensaio cunha reflexión sobre os principais atrancos para a difusión do libro galego: "O galego no libro tivo tres contras: unha grave, que foi o arredamento, deica esta década, da Eirexa e da Escola; outra, o feitío pendular do noso rexurdimento que a cada pulo endiante ten un devalar triste. A terceira, a grafía, pois ca mellor das intencións os nosos humanistas escolleron o "g" e o "j" etimolóxicos e o apóstrofo, e os guións, e canto máis se afastaron das normas ortográficas da fala oficial tanto máis árdiga chantaron diante as xentes a leitura galega."

A "Hestoria do libro galego" pódese descargar aquí.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar