A Academia edita a primeira serie de antoloxías dedicada ás Irmandades da Fala

A Real Academia Galega presentou hoxe dous dos primeiros títulos da súa nova colección, Antoloxías da Academia, que arrinca cunha serie que lles rende homenaxe ás Irmandades da Fala no centenario da súa fundación. Alén dunha pequena escolma de textos editada polo agora presidente da institución en 1977 (ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antón Villar Ponte), estas son as primeiras antoloxías que saen do prelo dedicadas especificamente ás Irmandades e que cobren os distintos xéneros que cultivaron, salientou o propio Xesús Alonso Montero.

Laura Tato Fontaíña e Henrique Monteagudo presentaron as antoloxías sobre as Irmandades da Fala que editaron acompañados do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Autor: RAG


O teatro e a oratoria e prosa de non ficción, xéneros en cuxo fomento este movemento puxo especial interese para prestixiar a lingua galega, centran os números que abren o proxecto. A colección concibiuse como un xeito de achegar de xeito atractivo ao público lector contemporáneo escritos fundamentais para entendermos o papel esencial que xogaron as Irmandades na modernización da nosa cultura. Cada escolma vai acompañada dun limiar que facilita a comprensión dos textos e dos seus contextos un século despois.

O responsable da edición de Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía e secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e a profesora da Universidade da Coruña Laura Tato Fontaíña, editora do título O teatro nas Irmandades da Fala, compareceron en rolda de prensa acompañados polo presidente da RAG. A serie completarase cunha antoloxía poética, a cargo de Xosé Ramón Pena, e outra de narrativa editada por Ramón Nicolás.

"Os fundadores da prosa galega moderna"
A prosa non ficcional non só foi importante durante o período das Irmandades da Fala por ser un instrumento de definición do seu proxecto político e cultural, lembra Henrique Monteagudo. "Os persoeiros das Irmandades son tamén os fundadores da prosa galega moderna, o que practicamente equivale a dicir do galego culto dos nosos días", salienta no prólogo do volume que editou. Os impulsores deste movemento eran plenamente conscientes de que a dignificación social e cultural do idioma non residía xa no seu cultivo poético, ao que se reducira como lingua escrita durante o Rexurdimento, senón no seu emprego en todos os ámbitos da actividade, e especialmente na vida pública. Por iso "fomentaron o seu uso oral en conferencias, mitins, xuntanzas e solemnidades cívicas, e a súa difusión escrita a través dos medios de comunicación de masas: prensa, revistas, literatura de quiosco…", detalla.

O libro editado por Monteagudo escolma vinte e catro exemplos de prosa non ficcional, tanto a literaria, como o ensaio, como a non literaria (xornalística, divulgativa ou doutrinal), e oratoria. A selección deixa clara a importancia que tiveron no cultivo e na difusión da prosa deste tipo dúas publicacións periódicas, A Nosa Terra e a revista Nós. "A bandeira ergueita" (1916), de Antón Villar Ponte; "Discurso ao fundarse a Irmandade de Santiago" (1916), de Lois Porteiro Garea; "Teoría do nacionalismo galego" (1918), de Vicente Risco; e "Arte e galeguismo" (1919), a primeira conferencia en galego de Castelao, son parte dos títulos.

A escolla recupera tamén conferencias como as pronunciadas nos primeiros de 1920 arredor da exposición Nós de Castelao por Vicente Risco ("Arte nova") e Viqueira ("Divagacións enxebristas"), ou "Os nosos valores", lida por Antón Villar Ponte en Compostela ese mesmo ano. Noutro apartado, inclúense as alocucións escoitadas o 25 de xullo de 1930 no teatro García Barbón (Vigo) nas voces de Castelao, Paz Andrade e Otero Pedrayo. "Neste último discurso de Otero Pedrayo é no que Castelao se inspirou para o Alba de Gloria, a peza oratoria máis brillante que se publicou no século XX en galego, lida en Buenos Aires en 1948", expresou Monteagudo.

A renovación teatral
O teatro foi outro xénero que as Irmandades identificaron como chave para a dignificación do idioma. Conscientes de que o público urbano e as elites intelectuais estaban cada vez máis afastadas do mundo ao que se mantiñan fieis os escritores rexionalistas, os membros das Irmandades da Coruña fundaron en 1919 o Conservatorio Nacional de Arte Galega co obxectivo de modernizar o teatro galego. "Cumpría representar obras que non se desenvolvesen en ambientes rurais e que os seus protagonistas fosen das clases media ou alta para desvincular a utilización da lingua das clases populares e demostrar que o galego era válido para toda a sociedade e todos os rexistros", conta Laura Tato Fontaíña no prólogo da antoloxía teatral, que xunta catro obras (dúas delas ata o momento non editadas), escolllidas pola súa capacidade de amosar os obxectivos que os irmáns se fixaran para a escena.

Co seu programa, o Conservatorio rachaba coa tradición rexionalista e puña a primeira pedra do teatro culto, un proxecto "audaz e arriscado" que había bater con múltiples atrancos, tamén internos, que limitaron o alcance da renovación. Boa proba diso é Donosiña, a obra de Xaime Quintanilla que abre a antoloxía, e que non podía faltar nela, en palabras da editora, porque subiu a escena un tema "absolutamente novo", a defensa da igualdade de dereitos para as mulleres. Estreada no teatro Jofre de Ferrol en abril de 1920, foi tachada de inmoral e escandalosa por abordar o tema do adulterio.

A antoloxía teatral inclúe tamén Entre dous abismos, de Antón Villar Ponte, estreada polo Cadro de Declamación da Irmandade da Coruña no seu local, e na que se deixaba aberta a cuestión de que existise o divorcio; María Rosa. Comedia en dous pasos, a única obra que Gonzalo López Abente publicou como dramaturgo, estreada de igual xeito, e na que tamén está presente o tema da igualdade de dereitos das mulleres; e desde a banda máis conservadora, Un caso compricado, de Leandro Carré Alvarellos, partidario de limitarse a incorporar o ambiente urbano ao teatro xa existente. O autor regaloulla ao coro ferrolán Toxos e Froles, que a levou á escena en 1924 no teatro Jofre.

Ciclo de mesas de debate
No mesmo acto, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, recordou que a institución está celebrando o ciclo de mesas de debate No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, que entre xuño e decembro deste ano está a chegar a oito localidades de toda Galicia: A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Ferrol, Lugo e Vigo.

Catro das nove mesas de debate do programa profundan nos xéneros das antoloxías previstas, ensaio e oratoria, teatro, narrativa e poesía. O mundo da ilustración, as iniciativas xornalísticas e editoriais deste movemento, as ideas lingüísticas e os seus protagonistas centrarán as demais mesas de debate, que contarán coa participación de máis dunha trintena de expertos e expertas, parte deles membros da Academia.

O vindeiro encontro terá lugar esta mesma tarde no Museo de Pontevedra. O académico Euloxio R. Ruibal moderará, a partir das 19.30 horas, un encontro no que Laura Tato Fontaíña, Carlos Caetano Biscainho e Inma López Silva analizarán distintos aspectos do labor teatral dos irmáns.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar