Cartel do primeiro Día das Letras, en 1963.

1 de 7
Polo seu carácter fundacional nas nosas letras, Rosalía foi a primeira figura homenaxeada.

2 de 7
Conferencia na Casa de Galicia de Nova York en conmemoración do Día das Letras Galegas, o 22 de maio de 1964. De esquerda a dereita, Emilio Flórez, Ramón Lugrís, Ramon Rodríguez e Emilio González López. J. Marti Broadway Photo Studio (NY)

3 de 7
Cartel do Día das Letras de 1967 dedicado a Curros. Fundación Penzol.

4 de 7
Ofrenda floral nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña no Día das Letras Galegas dedicado a Manuel Curros Enríquez en 1967. Adelardo Curros deposita unha coroa de flores na estatua do seu avó. Foto Blanco

5 de 7
Cartel do Día das Letras de 1970 dedicado a Marcial Valladares. Fundación Penzol.

6 de 7
Antonio Fraguas diríxese ao público presente na Casa do Concello de Cambados durante o Día das Letras Galegas do ano 1976 dedicado a Cabanillas. De esquerda a dereita aparecen tamén Xulio F. Ogando, UxíoTorre Enciso, Meixide Pardo e o alcalde de Cambados. Foto Vázquez

7 de 7

Historia do Día das Letras Galegas


O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas no seguinte escrito presentado á Academia:

Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da "Real Academia Gallega", a seguinte proposta:
1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.
2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.
3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.
5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.
6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.
 

O 28 de abril do mesmo ano, en Xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, tal como se recolle na acta da sesión:

[...] O secretario deu a coñecer unha interesantísima proposición que subscriben os numerarios señores Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, en relación coa publicación de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, que se cumpre o 17 de maio vindeiro. Na súa vista, a asemblea acordou declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano, a partir do presente que esta Corporación celebrará coa máxima solemnidade, recabando, como se solicita, a colaboración das institucións culturais do país e a de todos os Centros Galegos do mundo para o maior realce de tan sinalada efemérede. [...]

Tratándose, xa que logo, do centenario da súa obra, foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada á que continuarían, desde esa data e sen interrupción, outras moitas figuras senlleiras da nosa cultura, elixidas en Xunta Ordinaria pola Academia, como se recolle nos seus Estatutos:

(Capítulo 1, Artigo 2):
Son finalidades da Real Academia Galega
Decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das letras Galegas.
(Capítulo 2, Artigo 7)
Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.

Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da nosa cultura e, arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados non só desde a Academia, senón tamén desde a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada.