Víctor F. Freixanes aborda o perfil de editor e xestor cultural de Casares no CAFI de Ourense

O presidente da RAG inaugurou o encontro de formación do profesorado celebrado o pasado sábado no Liceo de Ourense cunha conferencia sobre o labor de Carlos Casares como editor e xestor cultural. A xornada, centrada na figura do protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas, contou con distintas intervencións arredor da súa personalidade, a súa obra literaria e a súa contribución ao desenvolvemento da cultura galega nas últimas décadas do pasado século.

Pola esquerda, na mesa inaugural da xornada, Armando Requeixo, do Centro Ramon Piñeiro para Investigación en Humanidades; Gustavo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares; Elvira Casal, subdirectora de Politica Lingüística; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; e Isabel Gil, responsable da Coordinación Central dos Equipos de Dinamización Lingüística da Consellería de Cultura e Educación.


Víctor F. Freixanes abordou o papel  que xogou no mundo da edición e da xestión cultural Carlos Casares, home comprometido en iniciativas a prol da lingua e da cultura galegas dende os seus anos de estudante universitario ata o seu pasamento, cando dirixía a editorial Galaxia e presidía o Consello da Cultura Galega. "Casares pertencía ao espírito de editores de cultura, fronte aos editores de mercado, definidos por Giulio Einaudi. Os editores de cultura saben que o seu traballo non se rexe por principios económicos senón pola convicción de que, dende a cultura, poden facerse sociedades máis libres, máis modernas, máis informadas e, polo tanto, mellores", expresou na súa intervención. "Os editores de cultura en Galicia sabemos que cada lector ou lectora en galego é un cidadán consciente do seu país, dos desafíos que ese país afronta nas novas fronteiras da modernidade", engadiu o presidente da Academia, que salientou o papel fundamental dos educadores neste proceso.

A III Xornada do Día das Letras Galegas, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Ourense, a cidade natal de Carlos Casares, contou coa asistencia de profesores de ensino non universitario de toda Galicia. Como relatores participaron tamén os investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades Armando Requeixo. Mar Fernández Vázquez e Laura Piñeiro. O primeiro ofreceu unha intervención sobre Carlos Casares e a literatura do seu tempo; a segunda, outra sobre os seus personaxes na literatura infantil e xuvenil; e Laura Piñeiro centrouse na narrativa breve do autor.

O programa da xornada incluíu ademais un relatorio de Héctor Cajaraville sobre a relación de Casares co xornalismo; outro sobre o seu labor como tradutor, analizado polo secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, quen tamén se referiu ás actuacións e actividades desta entidade; e unha intervención do profesor do IES As Lagoas Afonso Monxardín titulada Casares: un ourensán universal.


Público seguindo a xornada


A xornada completouse coa presentación de experiencias innovadoras para a difusión entre o alumnado da figura de Carlos Casares desenvolvidas polos equipos de dinamización lingüística do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña), o IES Carlos Casares (Vigo), o CPI dos Dices (Rois), o IES Isaac Díaz Pardo (Sada), o CEIP A Ponte (Lugo), o IES Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez) e o CEIP do Carballal (Marín).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar