Un percorrido pola narrativa breve e a oral ponlle o ramo ao ciclo das Irmandades da Fala

A Coruña, a cidade na que naceron as Irmandades da Fala, acolleu o 20 de decembro o peche do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, unha das iniciativas promovidas este ano pola Real Academia Galega para conmemorar o centenario desta "paradiplomacia cultural" que traballou na procura do desenvolvemento e a dignificación da fala. Con estas palabras referiuse a moderadora da mesa, Fina Casalderrey, a un movemento que, entre outros eidos, apostou por modernizar a narrativa en lingua galega, aínda que con desiguais resultados, segundo puxeron de manifesto Ramón Nicolás e Dolores Vilavedra. Camiño Noia achegou, pola súa banda, unha análise da escasa recollida da narrativa oral.

Pola esquerda, Dolores Vilavedra, Camiño Noia, Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey e Ramón Nicolás. Autor: RAG


A académica Fina Casalderrey foi a encargada de presentar os convidados da mesa, celebrada co apoio da Deputación de Lugo. Repasou as páxinas do periódico A Nosa Terra e recordou o concurso de "novelas pequenas e de poemas" que puxo en marcha, cuxo primeiro premio recaeu sobre O deputado de Beiramar, novela curta do daquela xa reputado poeta muxián Gonzalo López Abente. Aquel título foi en 1919 o volume número un da "Bibrioteca Galeguista" (que xa editara a Gramática galega de Leandro Carré), e comparouse no xornal pola súa "alta calidade" con A man da santiña de Cabanillas, autor reverenciado polas Irmandades da Fala, lembrou a escritora.

O deputado de Beiramar forma parte da escolma que realizou Ramón Nicolás para o volume As Irmandades da Fala. Narrativa, que será publicado proximamente na colección Antoloxías da Academia. Para o crítico, esta obra significa un "incontestable avance" ao articular "unha caricatura da política vilega", mais cun pouso de sentimentalismo moi do gusto da época que aos ollos de hoxe resulta "un tanto frustrante". Como López Abente, a antoloxía recolle obras doutros autores que quixeron estar en varias ocasións nos distintos proxectos editoriais da época, como Uxío Carré ou Francisca Herrera Garrido, xunto, entre outras, a propostas narrativas que transcenderon a súa época, aínda que son símbolos dela, como os textos das grandes voces do grupo Nós: Otero Pedrayo, Castelao ou Vicente Risco.

Intentos frustados
Agás escasas mostras moi puntuais, para Ramón Nicolás a narrativa galega do tempo das Irmandades non é quen de soltar lastre da finisecular, e hai que agardar a anos posteriores para apreciar o "verdadeiro avance" na prosa galega. Cun diagnóstico similar, Dolores Vilavedra abordou a narrativa breve a través das coleccións e detívose no caso concreto da Colección Lar.

Segundo explicou a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, tanto o proxecto da Colección Lar coma outros semellantes non só pretendían ampliar a base lectora en galego cunha serie de estratexias propias do que hoxe poderiamos considerar como mercadotecnia literaria (brevidade, periodicidade, baixo prezo), senón, sobre todo, "conseguir que o xénero narrativo superase o ruralismo, a diglosia e o costumismo, males endémicos da nosa literatura que xa foran diagnosticados por Álvarez Nóvoa e outros intelectuais galegos". Pero malia os intentos, "como consecuencia de todas as circunstancias socioeconómicas, históricas e ideolóxicas que rodearon a súa aparición", para Dolores Vilavedra a Colección Lar podería considerarse una especie de simulacro burgués "dun proxecto de cultura popular parecido ao que logo sería a chamada literatura de quiosco", un parentesco establecido, na súa opinión, cunha certa lixeireza.

Recollida de narrativa oral: Risco e Lois Carré Alvarellos
Previamente, a catedrática da Universidade de Vigo Camiño Noia, centrou o seu relatorio na narrativa oral e costumista desde o nacemento das Irmandades ata o ano 1935, tendo en conta tanto autores que foron membros deste movemento coma outros que non militaron nel. Referiuse á abundancia do subxénero da escrita costumista e á falta de interese pola colectánea rigorosa da narrativa oral, a pesar de que na época das Irmandades continuaba en toda Europa o labor de recollida e análise dos contos orais que impulsaran desde o século XIX os nacionalistas.

En contraste coa escasa atención que en xeral se lle prestou á rica narrativa oral galega, Vicente Risco si amosou un importante interese por esta manifestación cultural. Desde a sección de etnografía e folclore do Seminario de Estudos Galegos que dirixía, publicáronse monografías sobre diferentes parroquias que recollen manifestacións de oralidade, contos e, sobre todo, cantigas. Este foi "o labor máis serio de recollida de narrativa oral" antes da guerra civil, apuntou Camiño Noia, quen tamén puxo en valor o traballo de Lois Carré Alvarellos neste eido, e que posiblemente sufriu manipulacións no volume Contos populares da Galiza, editado en Porto no ano 1968, tras o seu pasamento.

Outras iniciativas arredor das Irmandades da Fala
O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, foi o encargado de clausurar o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, que no segundo semestre do ano percorreu oito localidades (A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Lugo, Ferrol e Vigo) cunha serie de sesións nas que, da man dunha trintena de especialistas, se profundou nas producións literaria, xornalística e editorial galegas desenvolvidas polas Irmandades da Fala, e tamén nas biografías e obras de varios persoeiros que tiveron un papel destacado neste proxecto. 

Ademais de promover este ciclo, coa colaboración da AELG e a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega é coorganizadora, da man da Deputación da Coruña e do Museo do Pobo Galego, da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! A mostra que divulga o herdo das Irmandades da Fala pode verse ata o 27 de decembro no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, cidade á que chegou o pasado día 2 despois de percorrer as demais principais localidades galegas.

Outra iniciativa da RAG arredor do centenario deste movemento que desenvolveu un traballo esencial a prol da dignificación da lingua galega e da modernización da nosa cultura no primeiro terzo do século XX é a sección As Irmandades da Fala nos fondos da Academia. Neste espazo a institución permite consultar dixitalizados distintos fondos da biblioteca e do arquivo relacionados coas Irmandades.

A RAG está tamén a dedicar os primeiros volumes da colección Antoloxías da Academia ás Irmandades da Fala. Logo da presentación dos dedicados ao teatro e á narrativa non ficcional, coordinados por Laura Tato e Henrique Monteagudo, proximamente presentará un sobre poesía, da man de Xosé Ramón Pena, e o devandito volume sobre narrativa de ficción a cargo de Ramón Nicolás.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar