Un libro cos 1.500 apelidos máis frecuentes facilita a corrección de formas deturpadas

Bermejo en lugar de Vermello, Corujo por Coruxo, Gestal por Xestal, Villarino por Vilariño ou Rajo por Raxó son só unha pequena mostra das formas deturpadas de apelidos galegos que xurdiron ao longo de cinco séculos. Co propósito de facilitar a restitución das formas correctas, a Real Academia Galega acaba de editar Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, obra que recolle nunha listaxe normalizada 1.500 apelidos que abranguen en conxunto preto do 90 % da poboación galega. O libro pretende ser unha ferramenta útil para toda a cidadanía, mais de maneira especial para o persoal dos rexistros civís, responsables dos trámites de regularización lingüística dos apelidos. Con este obxectivo, a edición impresa complétase coa dixital, que xa está dispoñible en http://academia.gal/publicacions-totais e na intranet do persoal da administración de xustiza en Galicia.

Ana Boullón interveu na presentación da obra por vídeo. Na mesa, pola esquerda, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez; o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Autor: RAG


O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, presentou a obra esta mañá en rolda de prensa na sede da propia institución acompañado do secretario, Henrique Monteagudo; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cuxos departamentos apoian a edición e distribución. A académica correspondente Ana Isabel Boullón, coordinadora do equipo que realizou o traballo, dentro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, tamén interveu a través dun vídeo por se atopar de estadía de investigación en Reino Unido.

O libro é un avance do dicionario de apelidos galegos no que está a traballar o Seminario de Onomástica, unha obra que, ademais de incrementar a listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou histórico. Cando estea rematado, "xa non haberá razón ningunha para acometer máis antroponimicidios", salientou Xesús Alonso Montero.

Un proceso de deformación ao longo de cinco séculos
O galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, recordou Ana Isabel Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados. No caso dos apelidos, que xa eran hereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de xeito desigual. Malia manterse esta presión cinco séculos, calcúlase que o total de formas castelanizadas é de apenas o 16 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto social é maior. Na inmensa maioría dos casos os apelidos casteláns en Galicia son produto da deformación case sempre involuntaria dun apelido orixinariamente galego. Tamén se dá o paradoxo de que moitas formas normalizadas na toponimia permanecen castelanizadas cando funcionan como apelidos, como sucede con Seijas en lugar de Seixas ou Abeijón por Abeixón, puxo como exemplos.

Ademais da forma correcta de 1.500 apelidos, seleccionados maioritariamente cun criterio de frecuencia, Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización inclúe un glosario de formas e grafías anómalas coas súas correspondentes formas estándares para facilitar a resolución de dúbidas. "Preténdese, así, avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo", resume a académica correspondente, que agarda que o paso dado con esta publicación vaia tamén "acompañado por medidas oficiais que fomenten a recuperación dos nosos apelidos tradicionais".

Emisión de certificados
Tras a reforma de 1999, a Lei do rexistro civil, permite mediante un sinxelo trámite, mudar a forma dos apelidos para regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita non se adecúe á gramática e á fonética da lingua correspondente. Con esta obra, a institución responsable por lei dos aspectos normativos da lingua galega achega aos rexistros civís un elenco de formas estandarizadas que permitan aos cidadáns e cidadás exercer o seu dereito ao uso da forma correcta do seu apelido, un dereito que non figura explicitamente nas leis, mais que se infire da Lei de normalización lingüística (1983). En diante, este trámite será máis fácil, xa que non será preciso entregar no rexistro unha certificación da Academia no caso dos apelidos incluídos nesta listaxe. A RAG continuará, en calquera caso, expedindo este tipo de documentación, de xeito gratuíto, para aquelas persoas que así o demanden.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, explicou que Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización xa está a disposición dos traballadores da administración de xustiza, a través da súa intranet, e agradeceu á RAG o traballo realizado. En termos similares, o secretario xeral de Política Lingüística valorou a utilidade desta ferramenta e coincidiu con Xesús Alonso Montero en que a preservación do "patrimonio inmaterial" que conteñen os apelidos "é un dereito".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar