Un ano para Carlos Casares cargado de iniciativas

A Real Academia Galega visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017 estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor. "Creo que cada vez máis a sociedade galega está facendo súa esta festa, a festa literaria de Galicia, e que o mudo escolar estea presente nela é moi importante porque, entre outras cousas, nel está a perpetuación e a consolidación do noso idioma e da literatura galega", expresou esta mañá o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, na presentación da programación deseñada por distintas institucións para conmemorar o Ano Carlos Casares. A Academia celebrará o 17 de maio cunha sesión extraordinaria na vila na que medrou Casares, Xinzo de Limia, e xa en novembro, coordinará un simposio sobre a súa traxectoria vital, literaria e de xestión política e cultural.

Fotografía de grupo dos representantes das distintas institucións e de familiares de Carlos Casares na presentación da programación arredor do Día das Letras Galegas celebrada esta mañá en Santiago de Compostela


A Academia estreou en 2016 o proxecto Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), un espazo web pensado para fornecer, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar de xeito ameno contidos relacionados co Día das Letras Galegas, e facelo alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar. Tras a boa acollida desta iniciativa no seu debut, a institución adiantará este ano a posta en marcha da nova edición, avanzou Xesús Alonso Montero. Os primeiros contidos da Primavera das Letras de Carlos Casares estarán dispoñibles a partir do 21 de febreiro, día en que a iniciativa será presentada no CEIP de Vilariño da man da súa comunidade escolar.

Tamén desde a Rede, a RAG conta desde comezos de ano na súa páxina, academia.gal, cun espazo biográfico dedicado a Carlos Casares. Ofrecerá ademais reportaxes, entrevistas e outros contidos arredor da súa vida e obra, como os publicados sobre Vento ferido o pasado 10 de febreiro, xusto cincuenta anos despois de que se acabase de imprimir o primeiro libro do autor.

O presidente da RAG tamén se referiu na presentación da programación á sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio. Coma sempre, será un acto público que se celebrará nun dos lugares fundamentais na vida, e tamén na obra, do protagonista do Día das Letras Galegas. Xinzo de Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos, acollerá este acto central, no que tres membros de número da RAG pronunciarán cadansúa alocución sobre o escritor.

Xa mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Fundación Carlos Casares, e co apoio da Xunta de Galicia. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.

Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación presentada esta mañá en Santiago de Compostela pola Xunta de Galicia, a propia RAG, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura Galega, o Centro PEN Galicia, a Editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo de Limia. O conxunto de actividades previstas por estas institucións pode consultarse nesta ligazón.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar