Últimos días para participar no concurso escolar “Contádenos o voso Día das Letras”

Os centros educativos de infantil e primaria poderán achegar as súas propostas para participar no concurso "Contádenos o voso Día das Letras" ata o vindeiro 21 de xuño. As iniciativas recibidas serán compartidas na páxina web de Primavera das Letras, o proxecto web da Real Academia Galega dirixido aos nenos e nenas de ata 12 anos en cuxo marco se desenvolve esta convocatoria. Á volta do verán, a RAG sorteará lotes de libros entre todos os participantes.

Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos desenvolvidos arredor de Carlos Casares que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os colexios deben enviar as ligazóns correspondentes a estas iniciativas ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico. As bases do concurso poden consultarse en http://primaveradasletras.gal/certame-contadenos-o-voso-dias-das-letras/.

Máis actividades interactivas
Primavera das Letras botou a andar en 2016 centrada na figura de Manuel María. Nesta segunda edición, reforzou as actividades de carácter interactivo, unha ducia de propostas que permiten aos nenos e nenas mergullarse de forma lúdica no universo vital e literario de Carlos Casares, o escritor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. A web ofrece tamén fichas didácticas que, cun enfoque interdisciplinario, permiten ao profesorado e aos pais e nais traballar cos pequenos e pequenas non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social ou educación artística empregando como eixes a vida e a obra do autor ourensán.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar