Trinta anos compartindo co mundo a lingua e a cultura galegas

"Asegúrovos que marcharedes namorados do país, da lingua, da musica, da memoria histórica e do patrimonio que hai detrás. O que non se coñece non se ama, e nós abrímosvos as portas ao coñecemento da nosa lingua e a nosa cultura para que compartades connosco este mundo sen fronteiras". Con estas palabras deulles hoxe a benvida o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, aos máis de oitenta alumnos e alumnas que este ano participan na XXX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", procedentes de máis dunha vintena de países. O programa organizado pola RAG lévase á cabo coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Alumnado, profesorado e representantes das institucións que colaboran nos Cursos de lingua e cultura galegas posan ás portas da Facultade de Filosofía na xornada inaugural


O alumnado desta nova edición chega a Santiago de Compostela, onde se desenvolven os cursos, procedente de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras autonomías do Estado español. Na inauguración, celebrada este mediodía na Facultade de Filosofía da USC, xunto ao presidente da RAG, tamén lles deron a benvida o secretario da RAG e codirector dos cursos, Henrique Monteagudo; o director do ILG, Ernesto González Seoane; a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, María do Carme Silva Domínguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Fiando o discurso co poema de Álvaro Cunqueiro inspirado nas cantigas de amigo, "Amiga, namorado vou", o presidente da Academia mostrouse convencido de que, como sucede xa desde hai tres décadas, o alumnado deste ano marchará de Galicia amando a súa lingua e a súa cultura. "Estou seguro de que cando vaiades polo mundo adiante levaredes saudade de nós, morriña de nós", expresou Víctor F. Freixanes.

O coordinador dos Cursos, Henrique Monteagudo, explicou previamente os detalles organizativos dun programa "con vocación de saír ao encontro de moitas culturas" que ten "grande importancia para a normalización lingüística". "Vós sodes exemplo para o propio país de que temos que apreciar este patrimonio que é de noso, pero que queremos compartir convosco e que non se esfarele", subliñou.

Na mesma liña, o director do ILG, Ernesto González Seoane, recordou que o programa naceu en 1988 coa vontade de difundir a cultura e a lingua galegas polo mundo adiante e "tender pontes e fomentar a comunicación" con outras. "Como pobo, somos depositarios deste legado e debemos non simplemente preservalo, senón tamén compartilo cos demais pobos do mundo", engadiu. Un obxectivo hoxe favorecido "nun mundo cada vez máis pequeno no que a interacción afortunadamente cada vez é máis intensa", engadiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, agradeceu o papel de "embaixadores culturais" do alumnado dos Cursos Galego sen fronteiras e tamén valorou a importancia dentro de Galicia do exemplo que dan: "Vides sen os preconceptos cara ao galego, utilizádelo con toda normalidade e defendédelo con todo o entusiasmo". A vicerreitora María do Carme Silva tamén agradeceu que os e as estudantes destes cursos chegue sempre "libre de prexuízos e cheo de entusiasmo". "A experiencia de darlle clase a un alumnado co voso perfil é unha das máis gratificantes que se pode ter", engadiu lembrando a súa participación como docente na terceira edición.

As clases teóricas e prácticas desenvolveranse ata o 24 de xullo na Facultade de Filosofía e combinaranse con obradoiros de música e baile e palestras impartidas por persoas do mundo da literatura, a música ou a arte dramática. Unha charla-concerto de Uxía Senlle e Sérgio Tannus, un espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do actor Avelino González, unha conversa co actor Luís Iglesias, unha charla-recital da poeta e académica electa Chus Pato, un percorrido pola cultura na Rede da man do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, ou un encontro coa poeta Rosalía Fernández Rial son tamén parte do programa.

Os participantes poderán ademais gozar dunha visita á Casa-Museo Rosalía de Castro, guiada por Anxo Angueira, que concluirá cunha conferencia da profesora Catherine Davies, directora do Instituto de Investigación en Linguas Modernas da Universidade de Londres.

Máis información na bitácora http://cursoslinguagalega.academia.gal/

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar