Sabino Torres, fillo predilecto de Pontevedra

O pleno municipal de Pontevedra aprobou o 22 de maio, na véspera do seu primeiro cabodano, a concesión do título de fillo predilecto a Sabino Torres Ferrer (Pontevedra, 1924 - Madrid, 2016). O xornalista, escritor e editor, responsable da primeira editorial que publicou poesía en galego na posguerra, era membro correspondente da Real Academia Galega desde 1952.
Sabino Torres. Foto cortesía de J. Cervera-Mercadillo
(Diario de Pontevedra)

Tras a decisión adoptada onte no pleno municipal, Sabino Torres será recoñecido nunha celebración oficial que terá lugar o vindeiro mes de xuño. O Concello de Pontevedra traballa ademais nun programa de actos centrados na divulgación da figura do académico correspondente e do seu legado.

Sabino Torres Ferrer foi a finais dos anos 40 do século pasado un dos mozos promotores da colección de poesía Benito Soto. A idea empezara a tomar forma en 1948 e o selo con nome de pirata arrincou con Madrigal, de Emilio Álvarez de Negreira, e Como el río, do propio Torres, en 1949. Na colección, bilingüe pero cunha maioría de títulos en galego, tamén se publicaron Poemas de ti e de min, de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez (1949), ou Muiñeiro de brétemas (1950), a obra coa que Manuel María se converteu no primeiro poeta novo en publicar en lingua galega.

Moitos anos despois, xa nos 90, Sabino Torres volveu editar poesía a través da colección Hipocampo Amigo, de novo con volumes tanto en galego como en castelán. Esta nova andaina editorial emprendeuna desde Madrid, a onde se trasladara a vivir décadas atrás. O cambio de residencia supuxera deixar atrás o xornalismo, que exercera desde os anos 40 en Pontevedra. Alí dirixiu o semanario Ciudad e traballou en El Litoral.

En 2014, ao facer os 90 anos, publicou Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia), as súas memorias como editor e poeta.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar