Primavera das Letras estrea o concurso escolar "Contádenos o voso Día das Letras"

Primavera das Letras, o proxecto web da Real Academia Galega dirixido aos nenos e nenas de ata 12 anos, pon en marcha o certame "Contádenos o voso Día das Letras", un novo espazo de participación aberto a todos os centros escolares de Galicia de infantil e primaria para que amosen como celebran o 17 de maio dedicado a Carlos Casares. As iniciativas que concursen serán compartidas en academia.gal/primaveradasletras, onde xa están dispoñibles en aberto dezasete actividades interactivas, fichas didácticas e fichas para colorear arredor da vida e da obra de Casares.

Imaxe da ficha didáctica Os contos son bombas de felicidade.


Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os centros deben enviar a/s ligazón/s correspondentes á/s súa/s iniciativa/s ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico.

O prazo de recepción permanecerá aberto durante toda a primavera, ata o vindeiro 21 de xuño de 2017. O sorteo de libros entre os participantes realizarase á volta das vacacións escolares do verán. As bases do concurso poden consultarse en http://primaveradasletras.gal/certame-contadenos-o-voso-dias-das-letras/.

Máis actividades interactivas
A través de Primavera das Letras, o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e os propios nenos e nenas poden acceder a propostas didácticas para se mergullar no universo literario e vital do protagonista do Día das Letras Galegas. O proxecto web naceu en 2016 procurando un enfoque interdisciplinario que permita traballar non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística empregando como eixes a vida e a obra da persoa homenaxeada. Tras a estrea centrada en Manuel María, este ano Primavera das Letras reforza a oferta de actividades de carácter interactivo e ofrece unha ducia deste tipo.

A paixón polos trens do escritor; as paisaxes vitais e literarias de Xinzo de Limia, o Val Miñor ou Escandinavia; o mundo máxico d'O Principiño, obra que Carlos Casares verteu do francés ao galego e da que coleccionou moreas de traducións; as aventuras de Lolo anda en bicicleta e O Can Rin e o lobo Crispín ou a historia d'Un polbo xigante serven de fío condutor dalgunhas das doce actividades interactivas dispoñibles en primaveradasletras.gal. Tamén se ofrecen dous encrucillados sobre a vida de Carlos Casares, na que se profunda no apartado Fichas didácticas. A galiña azul e os demais títulos do autor dirixidos ao público infantil centran outra das propostas neste espazo, que ofrece ademais para os cativos e cativas de menor idade fichas para colorear distintos personaxes.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar