Presentación na Academia do 'Dicionario de alimentación'

Esta obra, un glosario de máis de 3500 termos traducidos ao castelán e o inglés, pretende contribuír á normalización do uso do galego no ámbito da hostalaría.
Valentín García, Méndez Ferrín e Manuel González
Valentín García Gómez, Méndez Ferrín e Manuel González


O coordinador da obra e membro de número da Academia, Manuel González González, empezou a súa intervención destacando a plena coherencia da publicación deste dicionario co fin encomendado ao Servizo de terminoloxía galega, Termigal: o de ofrecer recursos terminolóxicos para facilitar o uso do galego en áreas lingüísticas especializadas, e informou: "Na elaboración desta obra participaron moitas máis persoas das que aparecen citadas na nómina de redactores, pois para crear un dicionario destas características é preciso contar tamén cos profesionais de cada sector, que son o seu destinatario". A continuación, o académico destacou a importancia do sector hostaleiro na sociedade e na economía actuais, "a restauración está presente na nosa vida diaria e forma parte tamén da chamada paisaxe lingüística, é dicir, da visibilidade externa dunha lingua". Manuel González rematou a súa intervención facendo un chamamento aos hostaleiros a empregaren o galego nos seus menús e como lingua de partida cos seus clientes.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, destacou , a utilidade do libro que estaban a presentar. "Esta é unha ferramenta fundamental á hora de promover a lingua nun sector tan importante como o da hostalaría, e que de seguro contribuirá a ampliar os ámbitos de uso do galego e a fomentar a súa visibilidade". García Gómez rematou o seu discurso salientando a importancia da lingua como factor económico, "ter unha lingua propia é tamén un atractivo turístico".

O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, empezou a súa alocución sinalando que a cociña, como a lingua, son elementos culturais intimamente relacionados desde que o home conquistou o control sobre o lume, e advertiu: "Vemos tamén que a cociña pode ser un elemento desgaleguizador, pois a lingua de maior prestixio tende a desprazar á outra de todos os ámbitos posibles". O presidente da Academia citou os casos da substitución dos termos galegos pescada, xouba e robaliza polos seus equivalentes casteláns, e matizou: "Iso si, hai outras palabras como zamburiña ou vieira que son indestrutibles". Méndez Ferrín rematou o seu discurso facendo referencia á rica tradición de cultivadores de literatura gastronómica no noso país, "non hai moitos países que conten cun Cunqueiro, un Castroviejo ou un Picadillo, e este libro será unha ferramenta valiosísima para os novos escritores que queiran tratar da cociña".

O Diccionario de alimentación e restauración pódese consultar aquí.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 24 de xullo de 2017 / 11:00 h
Clausura dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar