Poética e política, paisaxe e escola, no peche do Simposio Manuel María

O relato en primeira persoa do propio Manuel María fiado no documental Eu son fala e terra desta miña terra soou onte como despedida simbólica no simposio dedicado á súa vida e obra. A derradeira xoranda arrincou onte á tarde cunha mesa sobre poética e política con Carlos Quiroga e Pilar García Negro. O público viaxou deseguido no tempo, ata o Monforte dos anos setenta, para coñecer a libraría Xistral coa fascinación que a descubriu Antón Lopo na súa infancia. Outro convidado, Xosé Lois García, ofreceu un percorrido polas paisaxes identitarias do homenaxeado e Fina Casalderrey lembrou a importancia que tivo a obra de Manuel María para a normalización da lingua galega a finais dos anos setenta, cando puido por fin entrar nos centros de ensino.

Pola esquerda, Xosé Lois García, Saleta Goy, Margarita Ledo, Pilar García Negro, Fina Casalderrey, Antón Lopo e Carlos Quiroga. Autor: RAG


O encontro foi clausurado pola autora do documental e académica Margarita Ledo, acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Mercedes Queixas, en representación destas dúas entidades colaboradoras na organización do simposio. As xornadas contaron tamén co apoio da Deputación de Lugo.

Pilar García Negro foi a primeira convidada en tomar a palabra e fíxoo para analizar a intervención política na poesía de Manuel María. A profesora da Universidade da Coruña reivindicou a obra caracterizada como política, aqueles versos que responden "a unha necesidade social e cívica", a de "romper as cadeas do alleamento e iniciar un novo camiño de anagnórise e de liberación", e que constitúen unha parte significativa da produción do autor. Unha poesía que, segundo relatou, "en absoluto" é servil, senón "poesía heraldo". "Sorprende, en todo caso, que esta macro-empresa poética se desestimase por mingua estética, cando é admitida sen reservas, na súa continxencia histórica, en autores como Antonio Machado, Rafael Alberti, Miguel Hernández ou Gabriel Celaya".

Carlos Quiroga debullou na súa intervención o contacto de Manuel María con Portugal, unha relación que cualificou de "encantamento mutuo". Para o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, o do autor chairego é un exemplo "de manual" de como na configuración sociolóxica do sistema cultural galeguista moderno ten sido "central" o contacto con Portugal na toma de consciencia identitaria. Unha relación que se iniciou nos anos 60 como meramente retórico-literaria, pero que despois avanzaría cara a un recoñecemento apropiativo e un retorno autoafirmativo continuado, proseguiu. No plano máis persoal, Carlos Quiroga lembrou os anos de mocidade nos que dirixiu a revista O Mono da Tinta, para a que contou coa colaboración dun Manuel María sempre en contacto coa mocidade, como sinalou máis adiante Antón Lopo.

Xosé Estévez, cuxa participación estaba prevista na mesma mesa sobre poética e poesía, non puido estar presente. Margarita Ledo, como moderadora, leu o seu relatorio, unha completa revisión dos lazos de Manuel María con Euskal Herria, onde gozou dunha excelente relación con moitos persoeiros da cultura vasca, entre eles Koldo Izaguirre ou Gabriel Aresti.

O xornalista e escritor Antón Lopo trasladou o público na seguinte quenda de intervencións a outro espazo importante na vida de Manuel María e na súa propia, a "nave espacial Xistral", a libraría que o escritor e a súa dona abriron en Monforte de Lemos en 1970, que se converteu axiña nun auténtico foco de difusión cultural. Tamén lembrou a emoción do día no que entrou por primeira vez naquel "espazo branco, como a nave espacial da película de Kubrick", onde Manuel María e Saleta Goy lles inculcaron a el e a outros mozos o amor á literatura, creando "unha auténtica universidade literaria".

Da man do escritor Xosé Lois García, a tarde avanzou polas paisaxes da literatura do homenaxeado, cheas de valor "ético e estético" dentro do marco identitario e cultural. O relator lembrou os versos e outros textos que lles dedicou á súa casa natal, a Casa de Hortas, a toda a Terra Chá, ou a Monforte de Lemos, paisaxes "matriciais e patrióticas" visualizadas por "un pensador que as transbordou a eses versos que nos descobren a apoteose identitaria de cada un dos espazos que singularizan o pulo da nación galega". Ademais da ampla obra poética na que isto queda probado, Xosé Lois García recomendou a lectura do discurso de ingreso de Manuel María na RAG, A Terra Chá: poesía e paisaxe, "para entender o sentimento da defensa e a interrelación entre poesía e paisaxe".

A quenda de relatorios rematou coa escritora e académica Fina Casalderrey, que recordou a súa experiencia como mestra desde finais dos anos setenta. Naquela época, moreas de mestres e mestras bateron por primeira vez con Manuel María na escola, andando "á procura de materiais atractivos para conquistar alumnado" no momento en que o galego empezou a entrar nas aulas. "Os ensinantes estamos en débeda con Manuel María. De todas as merecidas homenaxes que se lle renden, intúo que as que se lle fan nos diferentes centros de toda Galicia son das que máis o emocionarían se alá onde estea alguén lle levase recado", salientou. A obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2016 resulta "inmensamente eficaz" na recuperación da identidade como pobo, "contribuíndo así a normalización , asemade que a saborear a beleza da lingua galega", asegurou.


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, intervén na clausura do Simposio Manuel María, acompañado na mesa pola secretaria da AELG, Mercedes Queixas, e a académica Margarita Ledo. Autor: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar