Os Cursos “Galego sen fronteiras” reciben este verán máis de 80 estudantes dunha vintena de países

A deste ano será unha edición especial dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". O programa chega aos trinta anos de vida e farao dándolles a benvida, o vindeiro 3 de xullo, a máis de oitenta estudantes dunha vintena de países de Europa, América, Asia e Oceanía. As aulas desenvolveranse en Santiago de Compostela ata o vindeiro 24 de xullo e combinarán as clases teóricas e prácticas con obradoiros de música e baile e palestras impartidas por persoas destacadas do mundo da cultura galega en distintos eidos, desde a literatura á música ou á arte dramática.

Alumnado da edición de 2016 nun obradoiro de baile tradicional galego. Fonte: RAG


Organizados pola Real Academia Galega (RAG), os cursos contan coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. O alumnado procede nesta edición de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón, Portugal e doutras comunidades autónomas do Estado español.

Unha charla-concerto de Uxía Senlle e Sérgio Tannus, un espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do actor Avelino González, outra charla-recital da poeta e académica electa Chus Pato, ou un percorrido pola cultura na Rede da man do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, forman parte do programa deseñado. Os participantes poderán tamén gozar dunha visita á Casa-Museo Rosalía de Castro, guiada por Anxo Angueira, que concluirá cunha conferencia da profesora Catherine Davies, directora do Instituto de Investigación en Linguas Modernas da Universidade de Londres.

A XXX edición dos Cursos de verán lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" será inaugurada o luns 3 de xullo, ás 12:30 horas, na Facultade de Filosofía da USC. Máis información na bitácora http://cursoslinguagalega.academia.gal.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar