Os Cursos “Galego sen fronteiras” celebran este verán trinta anos espallando a lingua galega polo mundo

Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" celebrarán o vindeiro mes de xullo trinta anos recibindo a persoas de todo o mundo. O prazo de recepción de solicitudes para participar nesta nova edición permanecerá aberto ata o 24 de febreiro. O programa desenvolverase en Santiago de Compostela do 3 ao 24 de xullo de 2017.

Vikash, alumno da XXIX edición dos Cursos "Galego sen fronteiras", recitando versos de Rosalía de Castro traducidos ao hindi nun encontro de confraternidade de estudantes e profesorado celebrado no parque de Bonaval, en Santiago de Compostela. Autor: RAG


A Real Academia Galega organiza a XXX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. Mantén así un ano máis unha experiencia xa convertida nunha tradición que desde 1988 permitiu a máis de dúas mil seiscentas persoas chegadas desde os cinco continentes mergullárense no idioma e na realidade sociocultural de Galicia.

O programa diríxese a alumnado e profesorado universitario interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, ao vinculado aos centros de estudos galegos que existen en distintas partes do mundo, aínda que está aberto a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.A iniciativa constitúe unha ferramenta de grande utilidade para a internacionalización e normalización da nosa cultura: moitas das persoas que hoxe que traballan no eido dos estudos galegos fóra de Galicia foron antes estudantes dos Cursos "Galego sen fronteiras".

Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, e Xosé Luís Regueira, tamén membro de número da institución, codirixen os cursos, que se dividen en tres niveis nos que se combinan clases teóricas e prácticas, palestras impartidas por figuras destacadas da cultura galega e visitas a lugares de interese histórico e natural, entre outras actividades.

Máis información en http://academia.gal/cursos-de-veran

Acceso directo ao folleto informativo da edición dos Cursos de verán de 2017 nesta ligazón

O formulario de inscrición pódese descargar directamente nestoutra ligazón

Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse ao correo electrónico cursos@academia.gal

Bitácora dos cursos: http://cursoslinguagalega.academia.gal/

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar