Os ‘Cadernos Ramón Piñeiro’ homenaxean a Carlos Casares

A figura de Carlos Casares protagoniza o XXXVII Cadernos Ramón Piñeiro, un volume de homenaxe ao autor con medio cento de artigos de diferentes autores que profundan nas diversas facetas culturais que cultivou. A publicación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades foi presentada onte en Santiago de Compostela nun acto no que participou en representación da Real Academia Galega o presidente Víctor F. Freixanes.

Foto de grupo dos representantes das institucións e parte dos autores que participaron na presentación do volume de homenaxe a Carlos Casares


Xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto participaron tamén o fillo do autor e membro da fundación que leva o seu nome Håkan Casares Berg; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario de Cultura, Anxo Lorenzo; o coordinador científico do CRPIH e académico de número Manuel González; e os coordinadores da obra Xosé Luís Cochón e Luís Alonso Girgado.

O XXXVII Cadernos Ramón Piñeiro. Carlos Casares: homenaxe. De amicitia inclúe 46 cartas cruzadas entre o protagonista do Día das Letras Galegas 2017 e Ramón Piñeiro entre os anos 1963 e 1978, con presentación de Luís Alonso Girgado. Entre as sinaturas que colaboran neste número, figuran as de nove académicos de número da RAG. Xesús Alonso Montero detense no Carlos Casares contertulio, Xosé Luís Axeitos aborda a documentación sobre o ingreso do autor na Real Academia Galega, Darío Xohán Cabana achega un artigo titulado "Ó redor d'Os escuros soños de Clío", Francisco Díaz-Fierros Viqueira céntrase nunha conferencia de Casares sobre a física cuántica pronunciada no Liceo Recreo de Ourense en 1991, Xesús Ferro Ruibal participa co artigo "Casares, o retratista retratado", Xosé Luís Franco Grande revisa a súa relación co autor homenaxeado, Manuel González asina o traballo titulado "Unha nova Lei de normalización lingüística para Galicia?", Henrique Monteagudo, "A miña relación con Carlos Casares. De Galaxia a Martín Sarmiento", e Ramón Villares, "Carlos Casares e o Consello da Cultura Galega". Tamén colaboran neste número o académico de honra Arcadio López-Casanova, cun traballo sobre o Casares poeta, e a académica de honra electa Marina Mayoral, con "Casares. Tres apuntamentos".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar