'Onde ferve o amor por Galiza', 270 cartas entre Martínez-Risco e o galeguismo exterior

Eduardo Blanco Amor, Xosé Neira Vilas ou Luís Seoane son algúns dos moitos persoeiros da Galicia na diáspora que intercambiaron cartas co xurista, escritor e académico Sebastián Martínez-Risco. Para eles, e tamén para institucións ou persoas doutras procedencias interesadas na nosa cultura, o presidente da Real Academia Galega (RAG) de 1960 e 1977 foi "unha especie de representante oficioso da cultura galega, e case poderiamos dicir que do país no seu conxunto, nun momento en que Galicia non tiña institucións representativas propias", expresa Xosé Ramón Freixeiro Mato. Así queda reflectido nas 270 cartas que compoñen Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), edición ao coidado do profesor da Universidade da Coruña publicada pola Deputación da Coruña.

Pola esquerda, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xesús Alonso Montero, Goretti Sanmartín, Isabel Risco e Henrique Monteagudo. Autor: Almara


A obra, que recompila sobre todo cartas do arquivo persoal de Martínez-Risco (Ourense, 1899 - A Coruña, 1977) e outras conseguidas en institucións como o Centro Galego de Buenos Aires, foi presentada esta mañá na sede da RAG nunha rolda de prensa na que o investigador estivo acompañado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a actriz Isabel Risco, neta de Martínez-Risco. O libro toma o seu título dunha frase extraída dunha carta que Isaac Díaz Pardo lle escribiu a Martínez-Risco en 1955 desde Arxentina. O editor escolleuna "porque representa moi ben ese sentimento de preocupación polo futuro de Galicia" que lle amosaban ao académico as persoas que contactaban con el desde o exterior, moitos deles galegos exiliados e emigrados, pero tamén persoas interesadas na nosa cultura de Portugal, Francia ou América.

A presentación tivo lugar o mesmo día en que a Real Academia Galega celebrará, ás 19.30 horas, unha homenaxe a Sebastián Martínez-Risco coorganizada coa Irmandade Xurídica Galega, apuntou Xesús Alonso Montero, quen o recordou con grande afecto. "É un dos homes que máis admiro e quero, porque o sigo querendo pese a que xa hai bastantes anos que nos deixou", expresou o presidente da RAG. Felicitou ademais a Xosé Ramón Freixeiro Mato tanto por esta obra como polo libro de correspondencia entre Martínez-Risco e Otero Pedrayo que publicará proximamente.

A vicepresidenta da Deputación salientou a importancia da publicación deste material para profundar no coñecemento dunha época complicada para as nosas lingua e cultura. "A través destas cartas podemos saber cales eran as preocupacións do momento e que se estaba facendo polo país nun e noutro lado, no exterior. Miramos ao pasado non con intención arqueolóxica, senón co propósito de aprender del para proxectarnos cara a un futuro mellor", valorou Goretti Sanmartín.

Isabel Risco tamén agradeceu en nome da familia o traballo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, "auténtico e digno biógrafo" de Martínez-Risco. "Se non fose por el, non só a memoria do meu avó, senón da época na que traballou polo país e a lingua, non estaría tan referenciada. O noso desexo é que estas cartas sexan públicas, de todos nós, que non queden agochadas nunha gabeta", asegurou. En clave persoal, referiuse tamén ao seu avó como "un guieiro" de quen aprender a súa ética política e o seu amor por Galicia.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar