O simposio sobre Fernández Morales amplía a súa biografía e refórzao como precursor do Rexurdimento

A Casa da Cultura de Ponferrada acolleu esta tarde a inauguración do Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, coorganizado pola Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e a Comisión Cultural Martín Sarmiento. O programa arrincou coa inauguración dunha exposición sobre Fernández Morales e a súa obra do IEB, unha conferencia na que José A. Balboa de Paz achegou novidades da súa biografía e unha actuación de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli que lle puxo música aos versos do homenaxeado. As xornadas continuarán o sábado 16 en Vilafranca do Bierzo e o domingo 17 en Cacabelos con novas contribucións, parte delas centradas na correspondencia inédita do autor escrita en galego xa nos anos 40 do século XIX, que reforza a súa condición de precursor do Rexurdimento.

Foto de familia na inauguración da mostra sobre Fernández Morales que abriu o simposio dedicado ao autor este venres en Ponferrada. Pola esquerda, con exemplares facsimilares dos 'Ensaios poéticos en dialecto berciano', o profesor José Antonio Balboa de Paz, encargado da conferencia inaugural; o académico correspondente Héctor M. Silveiro, organizador das xornadas; os académicos numerarios Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do IEB, Mar Palacio; a responsable da súa sección de lingua e literatura, Ana Carballo; o concelleiro de Cacabelos Santiago Enríquez; a concelleira de Cultura de Ponferrada, María Sonia Gancedo; e Ángel Calvo, vicepresidente da Deputación de León. Fonte: RAG


Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817- Cacabelos, 1896) é o autor de Ensaios poéticos en dialecto berciano, o nome co que denominaba o galego oriental que aprendeu a falar na súa infancia en Cacabelos. O volume, unha excelente proba documental do galego berciano da época e dos costumes da zona, saíu do prelo en 1861, uns anos despois d'A Gaita Gallega de Pintos (1953), o primeiro libro en galego do Rexurdimento. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, interveu na apertura das xornadas dedicadas á súa figura no Bierzo, unha ocasión para difundir un legado ata o momento esquecido da historia oficial da literatura galega, mais tamén para estreitar lazos con distintos colectivos a prol da lingua galega no Bierzo.

Antonio Fernández Morales, militar ilustrado e progresista, medrou no seo dunha familia de ideas liberais, un ambiente que foi determinante no seu legado, considera o seu biógrafo José A. Balboa de Paz, que rescatou hai trinta anos a figura Fernández Morales do esquecemento. "Ese liberalismo explica o seu interese pola lingua galega e a cultura popular, que son os dous elementos máis destacados da súa obra literaria", afirma o profesor, que centrou a conferencia inaugural na infancia e mocidade do protagonista das xornadas e na conduta liberal que mantivo. "A súa familia tivo un relevante papel na conformación desas ideas, especialmente a traxectoria política do seu pai, don Tomás Fernández Garrido", explica o investigador, que achega agora novidades biográficas sobre o proxenitor do escritor.

Tomás Fernández Garrido, farmacéutico en Astorga e fillo tamén de boticario, participou activamente na política da súa cidade, especialmente no Trienio Liberal, no que foi concelleiro e membro activo da sociedade secreta dos Comuneros, que defendía a Constitución de 1812. "Esa foi a razón pola que, co restablecemento do absolutismo, en 1823, tivese que fuxir e refuxiarse no Bierzo", detalla José A. Balboa de Paz. Foi por isto que, malia nacer en Astorga, Antonio Fernández Morales medrou en Cacabelos, onde con só 17 anos se inscribiu na Milicia Urbana, máis adiante Milicia Nacional, da que chegou a ser sarxento, "signo claro do seu temperán liberalismo". "Entre os anos 1833 e 1835 tamén estuda en Astorga os tres anos de Filosofía nun seminario convulso con enfrontamentos entre estudantes pola chegada á diocese dun novo bispo catalán de ideas liberais, Félix Torres Amat, que reformará o ensino da institución", engade.

Correspondencia que o reforza como un precursor
José A. Balboa de Paz referiuse ademais á relación de Antonio Fernández Morales con Mariano Cubí, o filólogo catalán que o animou a escribir en galego, e á correspondencia entre ambos conservada no Museo do Bierzo, ata o momento inédita. "A aparición dun importante número de cartas que Morales escribe a Cubí nos anos 1847 e 1848 son dun interese extraordinario. Nelas non só se confirma o papel do catalán na decisión de Morales de escribir en berciano, senón que nos amosa como anos antes de que se inicie o Rexurdimento un berciano está xa escribindo en galego nunha data tan temperá, reivindicando esta lingua como vehículo literario, estudando a súa gramática, confeccionando un léxico deste idioma e escribindo poemas. A figura de Fernández Morales axigántase dun xeito extraordinario", valora.

"Nestas cartas atopámonos no 'momento cero' en que Fernández Morales se decide a escribir en galego. Estamos falando do ano 1847, así que este é un achado non só importante para o galego do Bierzo, senón para o propio Rexurdimento"Nesta correspondencia inédita entre Morales e Cubí profundará mañá sábado o académico correspondente e organizador das xornadas, Héctor M. Silveiro, que coincide á hora de sinalar a importancia destes documentos: "Nestas cartas atopámonos no momento cero en que Fernández Morales se decide a escribir en galego, respondendo á invitación de Cubí, que estaba interesado nos que chamaba dialectos de España. Estamos falando do ano 1847, así que este é un achado non só importante para o galego do Bierzo, senón para o propio Rexurdimento, porque estamos a falar de cartas escritas con intención literaria á altura de Xoán Manuel Pintos, o primeiro autor que se coñece como precursor. Estamos, polo tanto, ante dun dos pioneiros na escrita en galego no século XIX".

A primeira destas cartas que se conserva está duplicada en galego e castelán, seguramente en resposta ao pedimento e Mariano Cubí, para comparar ambos os idiomas. Nela Fernández Morales inclúe un poema dedicado ao filólogo, daquela preso na Coruña, explica o académico correspondente. Pouco despois, na terceira misiva, envíalle un esbozo dos Ensaios poéticos en dialecto berciano e un par de poemas, "O fiandón" e outro dedicado a Cacabelos que abriría máis adiante o libro, que tamén inclúe as outras dúas composicións avanzadas nestas misivas.

Pero era consciente Fernández Morales da importancia da decisión de escribir en galego? Héctor M. Silveiro considera que si. "Penso que tiña unha intuición ao respecto. De feito, no prólogo da obra di que os escritores deberían estar orgullosos de expresarse nos dialectos". Pero o seu xesto apenas tivo repercusión e vida: "En Galicia a súa obra pasou practicamente desapercibida e no Bierzo, tamén".

Nova música para os versos do poeta
Estas cartas inéditas entre Morales e Cubí serven de fío condutor da exposición Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, que se inaugurará este sábado, ás 13 horas, no Claustro de San Nicolás de Vilafranca do Bierzo. O presidente da RAG estará presente tamén nesta xornada, que arrincará cunha mesa na que participarán o propio Héctor M. Silveiro, a académica Rosario Álvarez, que falará da lingua de Morales; e o profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira, co relatorio "Morales no Rexurdimento". Xa pola tarde, Andrea Castelo Veiga afondará no léxico do poeta e o académico correspondente Xosé Henrique Costas ofrecerá a comunicación "O redescubrimento de Fernández Morales". A xornada concluirá cunha intervención de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli sobre a musicalidade da súa obra e a estrea dunha peza de Maurizio Polsinelli baseada nun dos poemas do homenaxeado.

O domingo, o programa continuará en Cacabelos con novos relatorios de Javier Fernández-Llamazares, centrado nas cartas de Morales co banqueiro e deputado Felipe Fernández-Llamazares; José Luis Puerto, cunha mirada sobre a súa poesía; e Héctor Luis Suárez, que falará sobre os instrumentos musicais nos seus versos. Un recital poético de Anxo Angueira e unha ofrenda floral ante a tumba de Fernández Morales, coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo, poranlles o ramo ás tres xornadas de homenaxe a Fernández Morales na súa terra.


A exposición sobre Fernández Morales pode verse na Casa da Cultura de Ponferrada. Máis adiante visitará outras localidades. Fonte: RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar