"O legado literario de Casares está salvagardado, en boa medida, na súa escrita xornalística"

O sol do verán é súa obra favorita de Carlos Casares, pero para Inma López Silva é no xornalismo de opinión onde reside a achega de maior interese do protagonista do vindeiro 17 de maio. "As súas obras na narrativa de ficción están entre o máis elevado da literatura galega contemporánea, pero teño para min que é nese xornalismo escrito día a día onde atopamos a maior experimentación e autenticidade da súa escrita", asegura no "Cuestionario Carlos Casares". A escritora e crítica teatral valora ademais a importancia d'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, "que desafortunadamente non viu continuidade nunha obra dramática tanto para a infancia como para adultos".

Inma López Silva


Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
Hai diversos niveis de análise do legado de Carlos Casares que poden dar unha conta aproximada da súa importancia transcorridos case tres lustros desde a súa morte. En primeiro lugar está o punto de vista exclusivamente literario, no que Casares liderou unha corrente de sinxeleza que recuperaba o mellor Castelao e que el popularizou a través da súa narrativa pero, sobre todo, a través das súas colaboracións na prensa. Neste sentido, coido que, en boa medida, o legado literario de Casares está salvagardado na súa escrita xornalística. Desde a súa posición en La Voz de Galicia, soubo renovar e manter o xénero desde un absoluto coidado pola lingua galega, nunha militancia que non coñeceu cesións e que, coido, supón en boa medida a existencia indubidábel dun xornalismo galego a día de hoxe nos nosos medios de comunicación.

Por outra banda, coido que non é posíbel falar de Carlos Casares sen considerar o seu legado institucional, algo que entendo alén do político. Casares representa unha liña de acción galeguista que, nun tempo de alleamento e integración da globalización na cultura galega, soubo conxugar o aspecto local co global a través dunha visión da relación entre Galicia e o mundo que, co paso do tempo, se amosou rendíbel para a promoción exterior da nosa cultura. Finalmente, Casares supón a popularización e xeneralización da cultura e a literatura galegas. A súa obra pode envellecer, e as súas historias poden chegar a non interesar (agardo que non!), mais é innegábel que Casares conseguiu para a causa da nosa cultura moreas de lectoras e lectores que eran fieis á escrita na nosa lingua só por el e para el. Coido que non se volveu dar unha figura así, e precisariámola.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
O seu xornalismo de opinión, sen ningunha dúbida. Por suposto, as súas obras na narrativa de ficción están entre o máis elevado da literatura galega contemporánea (eu, persoalmente, quedo coa miña obra casariana de referencia, O sol do verán), pero teño para min que é nese xornalismo escrito día a día onde atopamos a maior experimentación e autenticidade da súa escrita, a súa vontade de conxugar o presente co seu imaxinario literario, a súa ideoloxía e a súa pulsión creativa.

Quixera ademais, sinalar aquí a importancia da súa achega teatral para a infancia (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas) que, desafortunadamente, non viu continuidade nunha obra dramática tanto para a infancia coma para adultos que tería interese, sen dúbida, debido ao seu recoñecemento do teatro como faceta fundamental de calquera cultura normalizada.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Foron moitas, pero, engadida a todo o que levo dito sobre a importancia da súa obra narrativa e o seu xornalismo de opinión, quero sinalar a súa intervención decisiva na"Sen Carlos Casares non habería un centro de formación superior en artes escénicas no noso país, o teatro galego non daría o paso de xigante de se modernizar e garantir a súa continuidade" creación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia desde a presidencia do Consello da Cultura Galega. Sen Carlos Casares non habería un centro de formación oficial superior en artes escénicas no noso país. Sen Carlos Casares, o teatro galego non daría o paso de xigante de se modernizar e garantir a súa continuidade grazas a unha serie de xeracións formadas explicitamente no desexo e necesidade de traballar por e para o teatro galego. El sabía iso e influíu decisivamente en convencer as autoridades competentes nesa mesma causa.

Que vixencia conserva a súa creación?
Carlos Casares é un autor que, aparentemente vencellado a un momento moi concreto do desenvolvemento da narrativa galega e do galeguismo ideolóxico, logrou escribir unha obra literaria capaz de transcender o seu tempo e a súa cultura. Os textos de Carlos Casares pairan por todo o século XX desde fins do mesmo e proxéctanse con habelencia en tempos e espazos que serían inimaxinábeis (ou quizais non tanto) para el.

Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Coñecín a Carlos Casares sendo moi nova, na entrega do premio Rúa Nova en 1996, que eu gañara con Neve en abril. Naquela cea reuníronse os persoeiros máis importantes da cultura galega. Tralos pratos principais, fun á mesa presidencial tomar o café, aos meus 18 anos, porque consideraba con certa fachenda que a miña condición de premiada me daba dereito a sentar naquela mesa chea de homes (non había mulleres) de poder. Casares, divertido pola miña ousadía, acolleume á súa beira e deume consellos literarios que eu, loxicamente, rexeitei. Como ía eu escribir coma Casares, naquela época na que quería mudar a literatura galega e o mundo, naquel tempo en que cría que calquera consello dos "vellos" podía intoxicar a miña virxindade literaria? Sei de certo que aquela actitude miña a Casares lle fixo graza, ou lle pareceu entrañábel, ou simplemente lle deu mágoa. O caso é que pouco despois me pediu os textos breves que tivese escritos para reunilos nun volume de relatos que finalmente se titulou Rosas, corvos e cancións, o libro que converteu a Editorial Galaxia na miña casa ata agora.

Gardo de Carlos o recordo da súa inmensa capacidade de sedución. Lembro a miúdo a súa capacidade para apreixar coa palabra, coa historia medio inventada e medio certa, o seu infinito encanto procedente dunha cultura que fascinaba. Ou polo menos a min, aos meus dezaoito, dezanove, vinte anos, me fascinou. Cando morreu, eu estaba a piques de marchar estudar a Francia, e sentín que xamais volvería ao mesmo país porque Carlos era parte do que eramos. Foi certo.

Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares? Por que?
O sol do verán é unha das miñas novelas de cabeceira, e considéroa un dos grandes textos narrativos da literatura galega da segunda metade do século XX. Coido que é iso que se chama unha obra de madurez, na que Casares sabía que quería contar unha historia que, dalgún xeito, saldaba contas consigo mesmo e co seu pasado. Contén todo o que lle pedimos a unha boa novela: unha construción da historia desde a intriga, unha vontade intelectual de transcender o feito simple que se está contando e, sobre todo, unha utilización depurada da lingua, con tendencia á sinxeleza e á evocación simbólica, que a día de hoxe envexo en Casares como escritora. Velaí o consello que me deu cando o coñecín e que, a día de hoxe, teimo en seguir, malia que xa sexa tarde. O sol do verán é para min a lección do mestre desde o Alén.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar