"O galego permítenos estar no mundo e noutras linguas"

"O galego é unha lingua de area porque nunca é fronteira". Con esta metáfora arrincou Rosalía Fernández Rial a conferencia que pronunciou hoxe para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas que organiza a Real Academia Galega. Poeta e experta en didáctica das linguas, partiu de casos reais para profundar na capacidade das persoas bilingües para entenderen linguas próximas sen ter un coñecemento previo e mesmo aprendelas máis rápido. Pero a aprendizaxe, e a supervivencia de linguas minorizadas como o galego, é tamén unha cuestión de actitude, positiva, que debe fomentarse dentro e fóra das aulas, e desde a defensa do plurilingüismo e a interculturalidade.

Rosalía Fernández Rial nun momento da súa conferencia. Autor: RAG


Rosalía Fernández Rial expuxo exemplos concretos que ilustran que o galego é "unha lingua que nos permite estar no mundo e estar noutras linguas". Como os testemuños que recolleu entre galegos e galegas que emigraron a Suíza sen apenas estudos, capaces de aprender máis rápido o francés ou italiano ca outros españois monolingües; ou como a experiencia dun amigo madrileño que, logo de vivir sendo adolescente na Costa da Morte, puido sacar proveito do galego para comprender, e axudar, a un dos seus compañeiros de piso en Inglaterra. Desde a ciencia, esta realidade é explicada pola teoría da competencia subxacente común de Cummins e o seu modelo do dobre iceberg, que incide en que as linguas no cerebro non están separadas, senón que son interdependentes. "Aínda que hai aspectos superficiais das linguas que son diferenciais, existe unha competencia subxacente común. Se traballamos nela, permítenos acceder a unha segunda ou terceira lingua", resumiu.

Rosalía Fernández trasladou este coñecemento teórico e práctico ás aulas na súa tese de doutoramento, publicada baixo o título Aulas sen paredes. Nela desenvolveu unha metodoloxía didáctica para a aprendizaxe das linguas mediante o uso da expresión dramática e teatral, unha ferramenta que permite crear no alumnado "a necesidade de comunicar, algo esencial" na adquisición de idiomas. Púxoa en práctica cun grupo de primeiro da ESO do IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, de maneira coordinada nas materias de lingua galega e lingua castelá. E neste contexto puido comprobar as vantaxes de facer unha abordaxe compartida das linguas e distintas materias, mais tamén a importancia de "desenvolver actitudes positivas" cara a un idioma como o galego, tanto para favorecer a súa aprendizaxe como para vencer a diglosia."Contrastamos que hai un problema que ten máis que ver coa psicolingüística que coa competencia. Algúns alumnos dicían que non sabían falar galego, pero na dramatización soltáronse e viron que o tiñan dentro, só faltaba crear o clima para que emerxese", contou.

"Hai que motivar o alumnado e crear unha actitude positiva cara á interculturalidade e o plurilingüismo. Eu creo que un dos aspectos máis importantes para garantir a supervivencia das linguas minoritarias é defendelas desde o plurilingüismo e desde unha actitude positiva", resumiu Rosalía Fernández Rial, quen apuntou tamén a necesidade de "non reducir o peso da normalización á escola" e incorporala a outras actividades. Bo exemplo deste camiño son os Cursos de lingua e cultura galegas nos que, alén das clases teóricas e prácticas, se crean "outros contextos de aprendizaxe" diferentes aos estritamente académicos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar