O futuro da lingua enche a Academia na entrega dos premios Contádenos o voso Día das Letras

"Hoxe é para nós unha festa grande porque estamos recibíndovos dalgunha maneira como o futuro: vós sodes o futuro da nosa lingua". Con estas palabras recibiu hoxe o presidente da Real Academia Galega "na casa da lingua galega, a casa que facemos entre todas e todos", a 90 nenos e nenas dos centros premiados no concurso Contádenos o voso Día das Letras. As comunidades escolares dos colexios de infantil e primaria do Carballal (Marín), Antonio Fernández López (Oural, Sarria), Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) e Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene), e o Colexio rural agrupado (CRA) Amencer (Ribadavia) encheron a Academia de música, mesmo a ritmo de reggaeton, e palabras de recordo de Carlos Casares, o protagonista dos traballos dos cerca de 80 centros que concorreron a este concurso.

dos membros da RAG, o alumnado, o profesorado dos cinco colexios premiados e os representantes de Galaxia e Bolanda acompañados do Bolechas Braulio. Fonte: RAG


A académica Fina Casalderrey conduciu a celebración, na que tamén participaron Ismael Ramos e Antonio Couto, das editoriais Galaxia e Bolanda, os selos achegaron, entre outros, os libros infantís de Carlos Casares e a colección das Letras Galegas dos Bolechas que forman parte dos lotes de títulos cos que foron premiados os centros; e Håkan Casares, fillo do autor homenaxeado o pasado 17 de maio e membro da Fundación Carlos Casares, quen lles recordou aos nenos e nenas que o seu pai empezou a escribir cando tiña a súa mesma idade. "Vós tendes que seguir facendo estas cousas -dixo en referencia aos traballos premiados- e seguro que algún día algún de vós levará un premio tan importante como o que levou el este ano", animounos. E tampouco se perdeu a festa o Bolechas Braulio, quen posou nunha morea de fotos cos cativos e cativas.


Fina Casalderrey amósalle ao alumnado o manuscrito d'A man de santiña de Ramón Cabanillas. Fonte: RAG


O profesorado, "a sementeira"
A Real Academia Galega puxo en marcha este ano Contádenos o voso Día das Letras para difundir e premiar as iniciativas escolares arredor da celebración do 17 de maio. O concurso forma parte do proxecto web da Academia Primavera das Letras, que fornece desde 2016 a comunidade escolar de materiais lúdicos e interactivos para profundar na vida e na obra da figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas. "Primavera das Letras é unha ponte dixital para unir a Academia con vós, cos rapaces e rapazas de toda Galicia, cos profesores e profesoras", resumiu Fina Casalderrey despois de lle contar ao público un conto sobre "unha ponte das palabras" capaz de poñer a ben dous irmáns pelexados. "Porque non hai nada que teña máis forza no mundo que a as palabras", proseguiu a académica e escritora de literatura infantil e xuvenil para lles explicar deseguido as principais funcións da Academia. Entre elas, salientou a de "curar as palabras" e organizar o Día das Letras Galegas, pero tampouco esqueceu a de conservar con coidado libros e documentos de enorme valor, "libros especiais" como os que lles amosou coas mans cubertas de luvas: o manuscrito D'a man de santiña de Ramón Cabanillas ou as primeiras edicións de Follas Novas de Rosalía e Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

Nesta primeira edición de Contádenos o voso Día das Letras participaron preto de 80 centros de infantil e primaria de todo o país con traballos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado. "Vós sodes a sementeira", díxolles Víctor F. Freixanes aos profesores e profesoras dos centros galardoados.

Do ‘reggaeton' con versos de Casares ao bosque das palabras
O primeiro centro en subir ao estrado para recoller o seu premio foi o CRA Amencer de Ribadavia. Dous nenos e unha nena do colexio rural agrupado saudaron o público en nome do seu centro, que estivo representado no acto por dez dos seus alumnos e tres mestras. Grazas a elas, os pequenos e pequenas das escolas de San Cristovo, San Paio e Francelos encheron as aulas de debuxos e murais sobre Carlos Casares e a súa obra e construíron "O tren da lingua", entre outras actividades.

O salón de actos vibrou deseguido co "Casares-ton", o reggaeton composto no CEIP do Carballal para o poema "Amemos" de Carlos Casares. A peza foi instrumentada polo mestre de Música, Víctor Alfonso Castro Méndez, quen acompañou, xunto á directora, María Teresa Méndez Fernández, e a titora Ángeles Fernández Iglesias os 23 estudantes de 4º de primaria que interpretaron en dous tempos un anaco desta peza.

Outro proxecto gañador é o vídeo co que participou o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), o lugar onde estableceu o seu fogar Carlos casares. A peza, que inclúe unha entrevista a Hakan Casares, exalumno do centro, foi realizada, entre outros alumnos, por Daniel, Noa e Ana, quen interviñeron en nome do centro acompañados pola responsable da biblioteca escolar, Cristina Fernández Ameal. "Nós sempre preparamos moito o Día das Letras Galegas, pero este ano aínda máis, xa que nos tocou ter á Real Academia Galega no centro (na presentación de Primavera das Letras) e o ano dedicado a Carlos Casares. Foi un ano moi especial para nós", expresou Ana.


Alumnado coas chapas da Galiña azul de Primavera das Letras. Fonte: RAG


Breixo e Antía falaron e recolleron o premio, pola súa banda, en nome do CEIP Plurilingüe Os Casais de Maniños (Fene) acompañados pola coordinadora da Biblioteca Paula Carballeira, María José Vila Barreiro. Tras lembraren como traballan arredor das letras todo o curso, proxectaron un pequeño vídeo sobre o bosque da escola, o espazo que vestiron de festa e textos co gallo do pasado Día das Letras Galegas.

Os estudantes do CEIP Antonio Fernández López de Oural (Sarria) foron os últimos en recolleren o seu premio e fixeron cantar a todo o público "As letras galegas de festa están / Carlos Casares, escritor universal", o retrouso da canción que forma parte da adaptación teatral da obra 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas' coa que participou neste concurso. O autor da peza, o mestre de Música José Manuel Cabana, agradeceu a posta en marcha iniciativas como este concurso que permiten ao profesorado "rachar coas rutinas e centrarnos en traballos que moitas veces teñen tanto ou máis valor que os traballos rutineiros", e tamén "aprender dos demais, poñernos en contacto uns centros cos outros".

Alén de participaren na entrega dos premios, o alumnado tamén puido realizar unha visita guiada na que coñeceron o Arquivo e a Biblioteca da RAG así como a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar