"O futuro da lingua constrúese todos os días, tamén convosco"

"Hai quen ve as linguas e o patrimonio cultural como algo que hai que conservar como nos museos, pensando no que perdemos, pero hai outra maneira de pensar: que as linguas son proxectos de futuro, que se transforman e se enriquecen, e que temos que construír todos os días. Os galegos e os que, coma vós, sodes galegos porque queredes, e iso é impagable". O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, dedicoulles hoxe estas palabras ao alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" na clausura da trixésima edición, celebrada no Paraninfo da USC. O acto rematou cun concerto conmemorativo no que soaron poemas de Rosalía ou Cabanillas a cargo de dúas intérpretes niponas, Miho Haga e Yukiko Yamagami, presentadas polo profesor Takekazu Asaka, no seu día estudante destes cursos e hoxe embaixador da cultura galega en Xapón e académico correspondente da RAG.

Foto de familia nas escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia tras a clausura dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas. Autor: RAG


"O máis bonito destes cursos é a volta. Marchades e sentímonos como o pai e a nai que teñen saudade dos fillos que marchan, pero que tamén senten alegría de saber que axudarán a construír o mundo desde o que nós lles transmitimos. Unha parte de nós vaise polo mundo e volverá, porque estamos convencidos de que ides volver a nós. Levades un anaquiño de nós convosco e queda outro de vós aquí", expresou con afecto o presidente da Academia.

A Real Academia Galega organiza coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela estes cursos, que contan co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña. O reitor da USC, Juan Viaño, recordou os momentos da posta en marcha desta iniciativa, no ano 1988, cando os seus promotores foron auténticos "pioneiros e pioneiras, visionarios e visionarias, da importancia que para a nosa lingua ten o feito de estar presente en espazos internacionais de docencia e investigación". Salientou ademais o "grande éxito" do programa, "tanto pola súa demanda, que supera con amplitude as posibilidades da oferta, como pola diversidade de perfís humanos que atrae, persoas chegadas de lugares máis ou menos afastados de nós en canto á distancia e porén próximas á nosa paisaxe humana e afectiva".

O codirector dos cursos e membro de número da RAG Xosé Luís Regueira foi un dos profesores daquela primeira edición de 1988. Tres décadas despois, pode dicir que foi unha das súas "mellores experiencias como docente" polo propio perfil do alumnado que sempre atrae. "Xa é un tópico dicir que sodes os nosos mellores embaixadores, pero sodes algo máis importante, os nosos amigos e amigas, unha familia arredor da nosa lingua. Levades convosco un cachiño de Galicia, un fragmento de parte, talvez, do mellor que temos, a nosa lingua e a nosa cultura", expresou o profesor Regueira, quen agradeceu o traballo de todo o profesorado, conferenciantes e todo o persoal das institucións que colaboraron na celebración desta edición.

O secretario do ILG, Francisco Dubert, incidiu tamén na importancia destes cursos para a proxección internacional do galego, xa que moitos dos seus estudantes son quen despois imparten clases de lingua e literatura galegas no exterior ou traducen aos seus idiomas os escritores e escritoras galegos. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou igualmente o valor do labor que desenvolve o alumnado dos cursos de regreso nos seus países. "O galego hoxe en día tamén necesita de xente coma vós, que axudades na súa proxección no exterior", destacou.

O acto concluíu coa entrega de diplomas aos oitenta estudantes procedentes de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras autonomías do Estado español.


Un momento do concerto da soprano Miho Haga e a pianista Yukiko Yamagami


Previamente, a soprano Miho Haga e a pianista Yukiko Yamagami interpretaron varios poemas musicados de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Valera e "Carros de Galicia", do compositor Federic Monpou. Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku e tradutor de diversos escritores galegos ao xaponés, foi o encargado de presentar o concerto. O profesor Asaka, alumno da terceira edición dos Cursos de lingua e cultura galegas, organiza desde hai anos en Toquio e en cidades próximas un ciclo de música e poesía galegas para celebrar o Día das Letras Galegas no que se poden escoitar concertos coma este.


Pola esquerda, Francisco Dubert, Víctor F. Freixanes, Juan Viaño, Valentín García e Xosé Luís Regueira
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar