O Dicionario da Real Academia Galega superou en 2017 os 20,5 millóns de consultas

O Dicionario da Real Academia Galega pechou 2017 co maior número de consultas desde a posta en marcha da súa versión dixital en 2013. Nos últimos doce meses superou os 20,5 millóns de buscas, unha cifra que supón un incremento do 42 % con respecto ás 14.400.000 contabilizadas en 2016 e unha media diaria de máis de 56.000. O balance confirma a consolidación do Dicionario como unha ferramenta cotiá imprescindible da lingua galega para un crecente número de persoas, en constante actualización co apoio da Fundación Barrié.

O Dicionario alcanzou no ano que acaba de rematar desde academia.gal os 1.059.472 usuarios únicos, case 192.000 máis que os 867.555 de 2016. As persoas que cada día fan uso desta ferramenta poden acceder aos significados de máis de 56.000 termos tanto a través da páxina web da institución como do Portal das Palabras.

Ás máis de 20,5 millóns de consultas rexistradas desde ambas as webs en 2017 hai que engadir as case 2 millóns de visualizacións que sumaron as aplicacións para o Dicionario para Android e iOS, cunhas 70.000 descargas.

Un dicionario para o século XXI
Alén de resolverlles aos usuarios e usuarias dúbidas sobre o significado, a ortografía, o uso dunha palabra ou a conxugación dos verbos, o Dicionario da Real Academia Galega en liña permítelles unha utilización personalizada e interactiva que pretende facilitar a formación dunha comunidade dinámica e participativa composta polas persoas que envían á Academia propostas e comentarios. Unha das vías é a lapela "Axúdanos a mellorar", visible ao final da definición de cada termo. Outra das últimas novidades foi a incorporación da busca directa de termos na forma feminina, posta en marcha o pasado 8 de marzo, Día da Muller.

Cómpre lembrar tamén que as aplicacións do Dicionario para Android e iOS permiten acceder aos xogos interactivos e outros recursos lúdicos e didácticos de lexicografía en permanente actualización do Portal das Palabras.
 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 19 de xaneiro de 2018 / 19:30 h
Celebración dos 40 anos da revista 'Encrucillada'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar