Marilar Aleixandre ingresa na RAG o 14 de xaneiro nun acto no Paraninfo da USC

Marilar Aleixandre converterase oficialmente en membro de número da Real Academia Galega o vindeiro 14 de xaneiro. A escritora, bióloga, profesora e investigadora ingresará na RAG nunha sesión extraordinaria que terá lugar, a partir das 12 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), institución na que é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais. A nova académica ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas. Na sesión de recepción lerá o discurso titulado Voces termando da paisaxe galega, ao que lle dará resposta a membro de número da RAG Fina Casalderrey.
Marilar Aleixandre.
Autor: Xacobe Meléndrez

Marilar Aleixandre, nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, naceu en 1947 en Madrid e fíxose galega a mediados dos anos 70 cando chegou a Galicia para empezar a traballar como catedrática de ensino secundario en Vigo. Como antes fixera na súa cidade natal, axiña participou activamente na resistencia clandestina ao franquismo: foi líder do movemento veciñal; participou na fundación da primeira asociación feminista galega (a Asociación de Mulleres do Calvario) e despois da AGM; e en 1974 propuxo cambiarlle o nome ao seu centro de ensino, o Instituto do Calvario, polo de Castelao.

Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego (Xilbarbeira, editado polos autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988); do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991), e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema. É, de feito, considerada unha das figuras máis relevantes da investigación en didática das ciencias en Europa.

Como escritora, a faceta pola que é máis coñecida, Marilar Aleixandre conta cunha frutífera traxectoria, sempre desenvolvida en galego e recoñecida tanto pola crítica (suma dezasete galardóns) como polo público lector a través de máis de corenta títulos. A súa obra foi traducida ao portugués, castelán, chinés, catalán e éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.

O seu debut literario produciuse en 1989 con A formiga coxa, o primeiro dos vinte libros que asinou ata o momento de literatura infantil e xuvenil (LIX). Neste xénero colleitou premios como o Merlín (1994) e da Crítica (1995) por A expedición do Pacífico; o Lazarillo (1999) e o Lecturas de literatura xuvenil (2001) por A banda sen futuro; ou o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil (2008) e a inclusión do seu nome na prestixiosa listaxe White Ravens da Biblioteca de Munich (2009) por A cabeza de Medusa.

Malia empezar na LIX, cultiva tamén outros xéneros nos que goza igualmente de recoñecemento. Na narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos. Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou Desescribindo, saído do prelo o pasado mes de decembro. Tamén ten cultivado o ensaio, a biografía e o guionismo de banda deseñada, ademais de ser a tradutora ao galego de A caza do Carbairán de Lewis Carroll (Lista de Honra do IBBY), Muller ceiba da poeta Sandra Cisneros, ou Harry Potter e a pedra filosofal de J.K. Rowling.

No eido literario, pertence á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e ao PEN Club de Galicia (de cuxas directivas formou parte), á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega Galega (foi quen propuxo que se incluíra "Escritoras" no nome) e á Asociación de Tradutores. Formou parte durante catro anos do Executive Committee do International Board on Books for Young People (IBBY).

En relación co seu labor docente e investigador, é integrante, entre outros, dos consellos de redacción das dúas revistas de meirande índice de impacto na didácticas das ciencias, Science Education e JRST; é membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e é socia de Nova Escola Galega, a European Science Education Research Association (ESERA) e a National Association for Research in Science Teaching (NARST).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar