Luís Iglesia reflexiona sobre os modelos lingüísticos a través da dobraxe e o traballo actoral

A de Luís Iglesia é unha das voces máis coñecidas de Galicia. Préstalla como actor de dobraxe a Harrison Ford, Paul Newman ou Robert de Niro, entre outras estrelas. El mesmo é tamén unha das facianas máis populares do audiovisual galego, no que lle leva dado vida a personaxes protagonistas como o Carmelo Matalobos de Matalobos, Emilio Pardo de Pazo de Familia ou Antón de Terra de Miranda. Como actor de dobraxe ou fronte á cámara, o seu traballo caracterízase sempre por unha calidade lingüística que o converten nun modelo. Tanto, que tamén lle deu voz a boa parte do léxico do Dicionario da Real Academia Galega. Pero o coidado que pon neste terreo non sempre está presente no mundo da interpretación, reflexionou na palestra que ofreceu nos XXX Cursos de lingua e cultura galegas. "Gústenos ou non, os actores e as actrices somos modelos sociais", advertiu. Na ficción e tamén na vida real.

Luís Iglesia durante a súa intervención nos XXX Cursos de lingua e cultura galegas. Autor: RAG


A situación do galego no mundo da interpretación centrou a conferencia que o actor ofreceu esta mañá ao alumnado procedente dunha vintena de países que este ano participa no programa organizado pola RAG. Luís Iglesia centrou parte da súa intervención na dobraxe en galego, eido no que traballou desde que se empezou a realizar hai agora tres décadas. Nese cine dobrado está, a xuízo do académico e codirector dos cursos Xosé Luís Regueira, "o mellor galego que se emite na TVG". "Fíxose un traballo moi coidado da lingua e da elaboración de rexistros que non estaban normalizados", valorou.

"Había que someter a lingua a unha especie de estrés de uso. Non había presidentes dos Estados Unidos que falaran galego, tampouco o fixera nunca Harrison Ford e mesmo non se falara nunca de moitos temas en galego", recordou Luís Iglesia. O labor dos tradutores de dobraxe foi neste sentido fundamental. "Para isto non vale calquera tradutor, hai que traducir o significado profundo das palabras e ter en conta que van unidas ás expresións, ao xesto (...). Fixeron un traballo inmenso, a min dóeme que hoxe en día nos sigamos rindo dos erros de tradución daquel momento, porque estabamos facendo a casa moi rápido", expresou. Outros motivos de crítica, lamenta, tiñan que ver con prexuízos que aínda persisten: "Á xente facíalle moita graza que empregaramos os xuramentos que se usan en galego porque o asociaban ao pailán".

A falta de espazos de formación propios foi outro dos atrancos. Recorreuse a formadores de Madrid e Barcelona que lles ensinaron o oficio tal e como o concibían, tamén cunha prosodia allea. "Daquela empezamos a dobrar con palabras galegas pero con entoación castelá, e aquel galego a xente non o percibía como seu". A esta situación acabou por se lle facer fronte coa creación da figura do lingüista en sala. "Se o faciamos mal, non nos chamaban. Obrigounos a mellorar moito en pouco tempo, pero tamén producía desánimo ver como aos locutores da TVG non se lles exixía o mesmo".

Hoxe, a dobraxe está "practicamente desaparecida" da cadea pública autonómica, dixo. Os investimentos centráronse na realización de ficcións de produción propia, unha iniciativa interesante, pero que non debería converterse en única, opinou. En materia da lingüística, o galego que se fala nas series é de peor calidade, "pero disimula máis" porque se recoñece como un produto propio e é "máis fácil que si soe ao que se escoita na rúa", considerou. O actor criticou tamén que se creen personaxes televisivos que en lugar de amosar modelos de galego ben falado "onde sentirse reflectido" reproduzan prexuízos e estereotipos sociolingüísticos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar