'Judas Goat', unha serie en liña de vampiros con subtítulos en galego

A produtora executiva desta serie, Dhaunae de Vir, infórmanos nesta entrevista sobre o seu proceso de toma de contacto coa lingua e cultura galegas, así como sobre outros aspectos relacionados co seu labor como escritora e produtora de filmes e videoxogos.
Dhaunae de Vir
Dhaunae de Vir nunha conferencia sobre Judas Goat o setembro pasado no V20Mad


Aínda que nada en Salamanca, Dhaunae de Vir pasou a meirande parte da súa nenez e mocidade no concello lugués de Cervantes, na comarca dos Ancares, onde residía a súa familia desde había tempo. Logo de completar os estudos de Administración e Dirección de Empresas e de Enxeñería Informática, Dhaunae de Vir trasládase a Londres, onde funda unha empresa de creación de videoxogos que compatibiliza cos seus outros traballos como escritora e produtora de cinema.

A webserie, Judas Goat, que podemos traducir como A godalla de Xudas, obtivo este mesmo ano o prestixioso premio BAFTA New Talent, que concede a Academia do Cine e a Televisión Británica, nun certame no que tamén foi finalista pola súa curtametraxe Sunsets and Silhouetes (Solpores e Siluetas)

Bo día, Dhaunae: Podería dicirnos como entrou en contacto coa nosa lingua e a nosa cultura?
Bo día. Pois os meus pais non son galegos, pero decidiron se establecer na comarca dos Ancares e alí foi onde me criei eu dende que nacín. Non sei como sería na cidade daquela, pero no rural todo o mundo falaba galego e un non podía estar máis inmerso na cultura galega a cotío, feito que o meu colexio potenciaba e a miña nai alentaba. Galicia é a miña terra e, aínda que levo moitos anos vivindo en Londres, sigo sendo unha apaixonada das súas tradicións.

En que consiste o labor dunha produtora executiva?
O produtor executivo supervisa a viabilidade económica do proxecto e adoita estar en contacto coas empresas de promoción e distribución. Amais diso, os produtores teñen voz e voto en decisións críticas do filme, tendo ás veces un considerable impacto creativo. No caso de Judas Goat, por riba de impulsa-lo proxecto, fun eu a que lle propuxo a idea orixinal ó director.

Gustaríame engadir que, sen a influencia da maxia das lendas galegas, é moi probable que Judas Goat non existira. O meu interese polas criaturas sobrenaturais de seguro que se viu amplificado coa mitoloxía galega e, por descontado, Ánxel Fole enganchoume para sempre a esa atmosfera lóbrega e engaiolante.

Podería introducirnos, brevemente, ao argumento da webserie que vostede produce, Judas Goat?
Judas Goat é unha historia que se mergulla no lado máis escuro do mito urbano, cheo de intrigas vampíricas, esperanzas desesperadas e revirados sociópatas, tanto humanos como sobrenaturais. Decidimos ofrecer unha perspectiva nova, e a serie expón un mundo de monstros a través dos ollos dos seus servos.

Un fotograma de Judas Goat
Un fotograma de Judas Goat


Por que tomaron a decisión de ofrecer esta serie con subtítulos en galego?
Foi unha decisión tomada por min como produtora executiva, pero apoiada con entusiasmo polo resto do equipo. Judas Goat filmouse en Escocia, pero é unha produción europea. Como tal, valóranse máis culturas que unicamente a anglosaxona.

O porqué desa decisión non ten moito misterio. Como xa dixen, son unha apaixonada da lingua galega. Aproveito o medio no que traballo para espalla-lo coñecemento desta lingua sempre que sexa posible. Como ben nos ensinaban no meu colexio (o antigo Colexio Público "Cervantes"), "o galego é lingua de cultura". Se eu creo cultura, é lóxico tentar que estea dispoñible tamén en galego. As mil primaveras non se camiñan soas.

Segue vostede a actualidade do cine que se fai en Galicia? En tal caso, que opinión lle merece?
Aínda que practicamente non teño tempo de lecer (así que teño algo, aproveito para adiantar traballo), si que tento segui-la actualidade cultural de Galicia. Coido que en Galicia hai unha morea de talento e iso é algo bonito de ver. Gustaríame ver unha iniciativa rexional que recolla todo ese talento e o proxecte ó exterior para promociona-lo que se fai en Galicia. Tamén vexo moito talento galego en Londres, cousa da que me manteño informada grazas a Galego en Londres que foi, por certo, o tradutor de Judas Goat ó galego.

Nesta ligazón podedes acceder ao tráiler oficial da serie en Vimeo.

Nestoutra ligazón, podes ver o segundo capítulo de Judas Goat con subtítulos en galego.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar