Irmandade, eleccións, alburgada, porcoril, populismo e xenofobia optan a ser a Palabra do Ano

Irmandade, eleccións, alburgada, porcoril, populismo e xenofobia son os seis termos finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2016 nunha votación na que pode participar toda a cidadanía que se manterá aberta ata o xoves 22 de decembro desde esta ligazón.

A campaña do Portal das Palabras lanzada para escoller cal é o termo que mellor defina os doce meses a piques de rematar recibiu na primeira fase case duascentas propostas diferentes achegadas por mil catrocentos usuarios. O equipo do Portal das Palabras, iniciativa da Real Academia Galega e da Fundación Barrié, escolleu estes seis termos entre todos os recibidos atendendo a tres criterios: cales son os máis populares, cales tiveron unha maior proxección pública ao longo de todo o ano e aqueles destacados ben pola súa carga significativa, ben pola súa construción morfolóxica.

Irmandade figura entre as palabras finalistas xusto no ano no que se celebra o centenario das Irmandades da Fala, movemento nado na Coruña en 1916 que desenvolveu un labor esencial para a dignificación da lingua galega. Eleccións recorda os sucesivos procesos electorais que se celebraron ao longo deste ano, no que tamén se ten falado decote de populismo. Alburgada refírese a unha mentira disfrazada de verdade –unha boa proposta de adaptación ao noso idioma do neoloxismo posverdade– e porcoril, termo de recente creación, a un cruzamento entre porco e xabaril.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, cunha interface máis personalizada e interactiva, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar