Henrique Monteagudo asina a primeira biografía de Carlos Casares

"Eu a literatura enténdoa como escribir o que me peta. E se despois iso lle gusta á xente, encantado", dicía Carlos Casares. E claro que gustaba, porque o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017 foi un "contador de historias", como el mesmo se definía. Un contado de historias excepcional. Así o avanza o académico Henrique Monteagudo xa desde a cuberta da que é a primeira biografía sobre o escritor, porque a súa literatura, salienta o biógrafo, é "a manifestación escrita do Casares oral". O volume acaba de saír do prelo na colección Letras Galegas de Galaxia, a editorial que o propio Casares dirixiu durante dezaseis anos.

Pola esquerda, Antón Riveiro Coello, Henrique Monteagudo e Francisco Castro na presentación de Carlos Casares. Un contador de historias na libraría Couceiro


Henrique Monteagudo presentou onte na libraría Couceiro de Santiago Carlos Casares. Un contador de historias, un retrato que se vai completando a través das páxinas dándolle voz ao propio biografado, enriquecido coa visión cercana de quen foi o seu amigo durante dúas décadas pero baseado en "información documentada" e opinións doutras persoas que coñeceron ben a súa vida e obra. Con esta biografía, o autor pretende convidar a quen non coñeza a Carlos Casares a se mergullar na súa obra por primeira vez, e a quen xa a leu, a volver ás súas páxinas contando con novos elementos de xuízo, explica o biógrafo, que escolleu para o título do libro a definición que o propio creador escolleu para si mesmo, "un contador de historias".

O volume arrinca coa infancia de Casares en Xinzo, "en contacto coa arte dos narradores orais" que logo manifestaría na súa literatura, e percorre os anos de mocidade en Ourense e logo en Santiago de Compostela, onde se revela como escritor, e continúa cos tempos de consolidación e plenitude como creador e como persoeiro comprometido coa normalización cultural e lingüística de Galicia, faciana que manifestou desde o seu labor como académico, editor, parlamentario ou presidente do Consello da Cultura Galega.

Na presentación da biografía celebrada onte Henrique Monteagudo estivo acompañado por Francisco Castro, director xeral de Galaxia, que define a Carlos Casares como "un xigante da literatura universal"; e o escritor Antón Riveiro Coello, limiao como o protagonista do vindeiro 17 de maio e admirador da súa literatura, á que lle rende tributo na súa última novela, A ferida do vento.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar