Gonzalo Hermo: “En 'Celebración' asumo a tradición poética galega, hai moita influencia de Cunqueiro”

Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) é o gañador do "Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2015". O galardón distingue a súa obra Celebración como o mellor libro de poesía dun autor menor de 31 anos publicado en todo o Estado. O xurado salienta a súa aposta "por abrir novos camiños para a expresión poética apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora" nun poemario que trata "sobre a memoria e o esquecemento, sobre a necesidade de construír sobre as ruínas, de rachar o círculo e avanzar a pesar de todo". Pero el apunta tamén o influxo da tradición poética galega, de xeito especial a de Cunqueiro, "vangardista e tamén atenta ás formas clásicas".

O autor Gonzalo Hermo. Foto: Daniel Duarte


As letras galegas suman este ano co de Hermo un novo premio estatal do Ministerio de Educación e Cultura, dúas semanas despois de que Ledicia Costas se fixese co "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil" por Escarlatina, a cociñeira defunta. Celebración xa acadara o pasado mes de abril o premio da Asociación Española de Críticos Literarios ao mellor poemario en galego. O libro é primeira obra editada pola editorial Apiario, dirixida polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás, quen "adoptan un procedemento de edición moi coidado e artesanal", salienta o Ministerio de Educación e Cultura no comunicado que anuncia o veredicto. No xurado participou o membro da RAG Xosé Luís Regueira xunto a outros 12 representantes de distintas institucións do mundo cultural de todo o Estado.

Hermo, licenciado en Filoloxía Galega, traballa nestes momentos no Instituto da Lingua Galega na súa tese de doutoramento, sobre onomástica medieval. Os seus primeiros textos poéticos publicáronse en revistas como Dorna, Andar 21 ou a Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe. En 2010 mereceu o primeiro premio de poesía do certame Xuventude Crea por Crac, editado ao ano seguinte por Barbantesa. É membro do colectivo Redes Escarlata e escribe tamén no blog Tomando notas nunha escola para resentid@s.

O xurado considera que a súa linguaxe poética abre novos camiños. Era esa a súa intención?
Eu non sei se a miña linguaxe poética é innovadora ou non, pero coido que Celebración asume a tradición poética galega, que non é moi coñecida fóra de Galicia. Está moi presente no libro porque a lin, porque a coñezo ben e porque me influíu. Ao mellor a miña linguaxe non é tan orixinal, senón parte dunha tradición poética diferente.

De que parte da tradición escrita galega considera que bebe máis?
Aínda que non se comentou moito nas críticas que se fixeron do libro, hai moita influencia de Cunqueiro. Escribino despois de ler a Cunqueiro con detemento, moi profundamente. [A crítica] Chus Nogueira si comentou que é un libro bastante cunqueiriano, e tamén eu vexo ese peso forte, esa tradición da poesía que representa Cunqueiro, que é vangardista pero ao mesmo tempo ten tamén unha atención ás formas clásicas.

O premio que vén de recibir concédese a autores menores de 31 anos. Cando empezou a escribir 'Celebración'? É froito de distintos momentos vitais ou escribiuno dunha sentada?
Hai certas obsesións que teñen que ver co cambio, coa mudanza, coa idea de avanzar, coa memoria e o esquecemento que estiveron na miña cabeza durante case un ano. Pero cando sentei a escribir o proceso foi bastante rápido.

A obra inaugura a colección Cera Labrada de Apiario, e é tamén o primeiro libro desta editorial, da que o Ministerio de Cultura salienta o coidado que pon nas súas edicións. Ata que punto lle importa como autor este aspecto?
É fundamental. Eu coñezo persoalmente a Antía e a Dores. O libro foi un encargo da editorial, porque querían un libro meu para comezar, e díxenlles que si de inmediato. Sabía que elas ían facer un traballo coidado e todo iso que se descoidou coa crise. O volume de publicación de poesía galega baixou moito, pero é que ademais a calidade das edicións, das xa asentadas, tamén se reduciu. E o que elas me propoñían era todo o contrario. Partindo do feito que a poesía ten un público reducido pero moi esixente había que ofrecerlle un produto coidado. A verdade é que quedou moi ben, estou moi contento.

Alén do que significa para a súa carreira, o premio que vén de recibir é tamén unha boa nova para as letras nunha lingua minorizada. Como o valora neste sentido?
Encantaríame que fose unha canle para que se descubra o que fai a xente nova, e a xente en xeral, porque moitas veces fóra de Galicia non se coñece a poesía en galego. Autores que ao mellor para nós son canónicos fóra de Galicia non teñen ningún tipo de repercusión, porque non son traducidos, empezando por aí. Gustaríame tamén que dentro do Estado se aprendese a poesía que se fai nas linguas que non son o castelán, en galego, catalán e vasco. Falo por min propio, que tamén teño certo descoñecemento do que se fai nesas realidades; na catalá menos, pero tamén. Sería fantástico que isto servise para abrir ese cancelo que parece pechado.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar