Freixanes aposta no XIX Simposio Pondaliano por darlle voz á mocidade para abordar o futuro da lingua

O presidente da Real Academia Galega impartiu este martes a conferencia inaugural do XIX Simposio Pondaliano, que se desenvolve todos os martes do mes de outubro na sede da Fundación Eduardo Pondal na  aldea do Couto de Ponteceso. Víctor F. Freixanes ofreceu unha intervención titulada "A saúde da lingua e literatura galegas" na que incidiu na importancia de contar coa mocidade para garantir o futuro do idioma. Nesta mesma xornada, presentouse o novo volume da colección Antoloxías da Academia, unha edición de Manuel Ferreiro dedicada aos versos de Pondal.

Víctor F. Freixanes intervén na inauguración do XIX Simposio Pondaliano, acompañado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o especialista en Eduardo Pondal Manuel Ferreiro e o xornalista Xosé Ameixeiras. Fonte: Fundación Eduardo Pondal


O especialista na vida e na obra de Eduardo Pondal Manuel Ferreiro encargouse da introdución, edición e das notas de Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), o sexto volume da colección que edita a RAG, co apoio da Deputación da Coruña, cadrando co centenario do seu pasamento. O volume xunta os textos poéticos máis significativos e representativos da produción literaria pondaliana, lírica e épica. Manuel Ferreiro é tamén o autor de Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana (Deputación da Coruña, 2017), que tamén foi presentado neste marco.

O vindeiro martes, 10 de outubro, o académico Ramón Villares participará, xunto a Antonio Raúl de Toro Santos, nunha mesa redonda sobre o celtismo en Pondal. O programa do 17 de outubro contará co tamén académico, e secretario da RAG, Henrique Monteagudo, que ofrecerá unha conferencia sobre Carlos Casares, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ese mesmo día, o CEIP Labarta Pose exporá varios exemplos de boas prácticas arredor desta celebración, presentarase unha unidade didáctica sobre Eduardo Pondal para infantil e primaria e o IES Eduardo Pondal, unha das iniciativas do Club de Ciencia Ponteceso sobre aves no esteiro do Anllóns.

O programa do 24 de outubro incluirá un recital poético da académica Marilar Aleixandre, que pechará a xornada tras a presentación dun vídeo sobre Pondal de Asubío Media e a intervención de Félix Neira baixo o título "A outra maleta de Pondal".

O Himno galego será o eixe da derradeira xornada, o vindeiro 31 de outubro. Antonio Reigosa falará de Pascual Veiga, autor da melodía do poema de Pondal "Os Pinos", e Queimán e Pousa presentarán o seu libro-dvd de homenaxe á composición convertida en Himno.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar