Entrevista a Xesús Ron, membro de Chévere

Segundo Xesús Ron, a concesión do Premio Nacional de Teatro por parte do Ministerio de Educación e Cultura supón un recoñecemento ao teatro feito en galego e en Galicia.
Xesús Ron
Xesús Ron


Que valoración facedes, como grupo, da concesión deste premio?
Por inesperado e inaudito, a concesión dun premio coma este a un grupo coma nós ultrapasa os límites de Chévere. É un premio ao teatro que se crea en grupo e medra en horizontal, á creación feita sen autoridade que prescinde da autoría e dos dereitos para expandirse solidariamente entre a xente do común. Un premio que milleiros de persoas en Galicia e fóra de Galicia sentiron como seu, porque son partícipes do que fai Chévere, porque o teatro é unha arte aberta á sociedade.

Que importancia ten, ao teu parecer, este feito para a proxección exterior do teatro galego?
Este premio recoñece o valor do teatro feito en galego e serve para chamar a atención sobre o teatro que se fai en Galicia. Por primeira vez, os medios de ámbito estatal centralizados en Madrid falaron de teatro galego no prime time da radio, a televisión e a prensa. Moitas miradas desde calquera punto do estado están dirixíndose estes días cara a cultura galega. É unha responsabilidade nosa e dos axentes escénicos galegos aproveitar a oportunidade. Pero terémolo que facer sós. Nin sequera o feito de que o goberno español premie a unha compañía galega co seu máximo recoñecemento por primeira vez na historia é abondo para que as institucións culturais galegas e o goberno galego esperten e se poñan a tirar do carro. Ningún responsable político do goberno galego nin de ningún estamento cultural público fixo chegar unha palabra de felicitación, de alento ou respecto polo traballo de Chévere. Para a Consellería de Educación e Cultura é un feito irrelevante, merecedor apenas dunha mesquiña nota informativa na que se gaban da cantidade de diñeiro outorgada a Chévere por vía das subvencións públicas, sen mencionar sequera que Chévere ten devolto á sociedade nos últimos anos case o dobre da cantidade recibida da Xunta a través das cotas da seguridade social e o IVE. Mentres o goberno galego non estea disposto a apoiar con feitos a promoción da cultura galega no exterior, todo o que poidamos facer pola nosa conta será anecdótico.

No seu ditame, o xurado salientou a vosa vontade de documentar, mediante a transgresión e o humor, a realidade social e económica. Poderiades ampliar, un pouco máis, a vosa concepción do teatro?
Con aquelas primeiras obras (O mal non acouga, Río Bravo, Big Bang) Chévere empezou convertindo o escenario nun espazo propicio para a festa. Porque a festa ten unha alta capacidade de transgresión e ademais é un acto baseado na participación. Non ten sentido estar na festa se non participas dela. Para nós non ten sentido estar no teatro se non podes participar do mesmo. O humor é un mecanismo perfecto para sintonizar escenario e audiencia, rir é un xeito contundente de demostrar que estamos xuntos, que nos entendemos, que sabemos de que estamos falando, que formamos parte dunha comunidade. Ríndonos con Chévere somos un país. Madurar é inevitable, facerse grandes porque acumulamos anos e feridas. No caso de Chévere, o paso do tempo significa aprendizaxe e as feridas expresan unha sensación cada vez maior de fracaso. Neste contexto é inevitable mirar arredor para sumar complicidades, para non sentirse só. E sen perder aquel carácter festivo, agora para nós o escenario debe ser unha praza pública. Porque o teatro seguramente sexa a única arte que nos permite estar xuntos, ser pobo.

Por último, que valoración facedes do estado actual do teatro galego?
As artes vivas (teatro, danza, circo, etc.) vivían en Galicia hai uns poucos anos un momento de efervescencia e pluralidade creativa, vertebración sectorial e creación de públicos que poderían ter servido para dotarnos dun sistema cultural propio. Todo isto comezou a derrubarse coa aplicación das políticas de austeridade que implicaron a redución inmediata e brutal dos orzamentos de cultura, a suspensión das accións políticas consensuadas co sector e o desinterese e incapacidade para formular calquera tipo de alternativa. O resultado é un sector teatral agonizante por asfixia, por falta de osíxeno. Non é só cuestión de falta cartos, senón de ideas e planeamento. Hai que organizar de maneira urxente a reconstrución. Aínda estamos a tempo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar