'Entre un galo e un polbo', unha biografía de Carlos Casares sobre o escenario

O Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares propiciou novas adaptacións teatrais das súas obras, tanto do seu único texto dramatúrxico, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, coma doutros títulos. Pero este 2017 trouxo tamén aos escenarios unha aproximación á súa vida e ao conxunto da obra na que non falta o humor nin o gusto pola arte de narrar, que tan ben manexaba o homenaxeado. Asínaa, baixo o título Carlos Casares. Entre un galo e un polbo, o actor Avelino González, quen a representou para o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas da RAG.

O nome do espectáculo fai referencia a dúas novelas breves de Carlos Casares, O galo de Antioquía e Un polbo xigante, dous relatos polos que o actor ten predilección e que se desenvolven en dous escenarios vitais do escritor. "O galo de Antioquía está claramente ligado a Xinzo de Limia, onde pasou boa parte da infancia, e Un polbo xigante fala dun acontecemento arredor do mar, e el viviu e traballou na ría de Vigo, aínda que a orixe deste libro é unha historia que acontece na Habana pero contada en Ourense", explica Avelino González. A partir destas dúas narracións, armou un espectáculo que define como "unha biografía", un percorrido pola vida de Casares no que debulla feitos e anécdotas agrupadas arredor de boa parte das súas obras para adultos.

Como materia prima, ademais destes libros, Avelino González mergullouse nas columnas de "Á marxe" que o escritor publicou durante unha década en La Voz de Galicia. "Fun encontrando moitas sorpresas e atopeime moi cómodo con Casares, porque recorre moito ao humor, refúxiase moito nel. El dicía sobre a literatura e a vida en xeral que do que se trata é de non aburrirse demasiado, e por iso a súa aposta polo humor é clara", valora o artista.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar