Doazón de material léxico autógrafo do dicionario de Marcial Valladares

A Real Academia Galega recibiu hoxe en doazón material léxico autógrafo do Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares (A Estrada, 1821-1903), obra fundamental da lexicografía galega do século XIX e referencia imprescindible para os dicionarios elaborados posteriormente. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, os doadores María José e Crisanto Sanmartín Martínez, o musicólogo Javier Jurado e o académico Antón Santamarina, membro do Seminario de Lexicografía da RAG, presentaron en rolda de prensa o manuscrito, posiblemente parte do material autógrafo que levou á imprenta do Seminario Conciliar onde se imprimiu a obra.

Pola esquerda,o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o musicólogo Javier Jurado; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; os doadores do material manuscrito de Valladares, María José e Crisanto Sanmartín Martínez; e o académico Antón Santamarina posan cos documentos autógrafos na RAG tras a sinatura da doazón. Fonte: RAG


O manuscrito, composto por medio cento de pregos, chega á RAG grazas á doazón dos fillos de Crisanto Sanmartín Beiroa (1914-2000), quen durante décadas foi responsable da imprenta da que saíu por primeira vez o dicionario de Valladares. El foi o encargado, seguramente, de salvar da destrución durante a posguerra os papeis que a partir de agora custodiará o Arquivo da Academia, explicou o seu fillo Crisanto. "Estamos seguros de que a ilusión do meu pai sería ver como doamos o que el gardou no seu día ao sitio adecuado", expresou. "Esta doazón é a forma de conservar esta documentación e de que chegue a toda a xente que queira estudala", engadiu a súa irmá María José Sanmartín. Na chegada deste importante material á RAG tivo tamén que ver o investigador Javier Jurado, estudoso do labor musical de Sanmartín Beiroa, directivo de Cantigas e Agarimos. "Pensamos que o seu sitio idóneo, o seu lugar natural, é a Academia", coincidiu.


Detalle dun dos pregos autógrafos de Marcial Valladares doados á RAG. Fonte: RAG


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceu pola súa banda esta doazón "que pon nas mans de toda Galicia, a través da Academia" un documento que permitirá afondar no coñecemento sobre o traballo lexicográfico de quen foi tamén o autor da primeira novela en lingua galega, Maxina ou a filla espúrea (1870), ao que á Academia lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1970, recordou. Tras traballar como funcionario e dedicarse á política, Valladares retirouse aos 45 anos no seu pazo familiar de Vilancosta para dedicarse por completo á recolleita de textos folclóricos, á literatura e á redacción do seu dicionario, o traballo de lexicografía galega máis importante do século XIX. "O dicionario de Valladares é unha obra na que xa hai moito traballo e ben feito. Con ela tiveron noticia do galego os grandes etimólogos da romanística. Estaba nas bibliotecas de Meyer-Lübke, de Wartbur, de Jud, de Piel e de Corominas", explica Antón Santamarina, coordinador do Dicionario de dicionarios, que inclúe a obra de Valladares xunto a outros vocabularios históricos da lingua galega, empezando polos traballos de Martín Sarmiento (1695-1772).

Un labor intenso de recollida e lecturas literarias da época
A diferenza dos seus predecesores neste labor, cando Valladares redactou o seu dicionario xa había unha ducia de obras literarias onde se documentar. Quizais foi por iso polo que tardou tanto en publicalo: a recolleita rematouna en 1869, segundo el mesmo declarou, e mentres preparaba o manuscrito definitivo foron aparecendo obras que seguramente lle pareceu imprescindible ter en conta, como a Gramática de Saco, O Tío Marcos, as Espiñas de Lamas, Aires de Curros ou Follas Novas de Rosalía. A maior novidade desta publicación foi que o seu vocabulario se centrou no galego actual, tanto o recollido por el mesmo e o extraído das obras literarias que lía como o que lle enviaban os seus correspondentes, ente eles Montenegro e Laverde Ruiz. Como fixeran xa antes outros lexicógrafos, Valladares marca ademais o timbre das vogais, pero faino con gran precisión e de xeito sistemático.

Tras a publicación do dicionario, Marcial Valladares continuou a traballar en varios apéndices que comprenden centos de voces novas, ata chegar ás 16.082 palabras. Un destes anexos asinouno con 72 anos, outros catro non levan data e o derradeiro, escrito xa con letra vacilante, é do ano 1902, pouco antes do seu pasamento. Nestes suplementos salienta a incorporación das voces do galego oriental, apenas presentes no Diccionario gallego-castellano, extraídas das súas novas lecturas e da correspondencia que mantivo con Leiras Pulpeiro. No derradeiro apéndice destaca tamén a incorporación de voces arcaicas que aparecen na Colección Diplomática de López Ferreiro.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar