Dispoñible o novo número de 'Cadernos de Lingua'

A paisaxe lingüística compostelá e o xeito de acentuar os neoloxismos incorporados ao galego son algúns dos temas tratados neste novo número, o 35 da colección.
Imaxes de anuncios en galego
Imaxes de anuncios comerciais incluídas na publicación


Sobre a paisaxe lingüística
Matthew Willings centra o seu artigo no estudo da paisaxe lingüística de Santiago de Compostela. Este concepto, o de paisaxe lingüística, refírese aos usos lingüísticos escritos no espazo público, tanto a aqueles de carácter institucional (nome das rúas, anuncios gobernamentais, etc); como privado (nomes de locais comerciais, bares, etc), co fin de analizar o fenómeno do multilingüísmo social e a diglosia.

No caso de Santiago de Compostela, a lingua empregada de xeito maioritario nos anuncios de carácter privado é o español, mentres que nos públicos, o galego é a lingua predominante. Así mesmo, a análise dos datos recollidos revela un maior do uso de carácter privado do galego na Zona Vella fronte á Zona Nova, se ben, en ambos casos, o seu emprego é moito menor ca o do español.

No capítulo de conclusións, o autor sostén que a paisaxe lingüística santiaguesa non reflicte a realidade lingüística social nesta cidade pois, segundo os datos fornecidos polo Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004, o emprego do galego entre a poboación compostelá é moito maior do reflectido nos anuncios comerciais, e aconsella reforzar, mediante medidas lexislativas, o uso do galego nos rótulos comerciais seguindo o exemplo catalán.

O profesor Takeshi Kikihara, da Universidade de Nanzan, recunca nesta temática, a da paisaxe lingüística compostelá, centrando o seu estudo unicamente no uso da lingua nos establecementos comerciais. O autor principia o seu artigo cunha visión pesimista dos resultados da Lei de Normalización Lingüística de 1983, así como do alcance do Estatuto galego do consumidor e usuario á hora de promover o galego no ámbito comercial.

Este estudoso incluíu na súa pescuda, alén dos letreiros dos comercios, tamén a "paisaxe lingüística de cada establecemento", é dicir, a que aparece reflectida nos escaparates, menús, etiquetaxe dos produtos, e outras indicacións por escrito.

No que atinxe aos seus resultados, a investigación revela, novamente, un uso maioritario do español nos establecementos comerciais desta cidade, así como unha importante variación por sector -cun emprego máis alto do galego na hostalaría, e menor no ramo do téxtil e a beleza- e por zonas, maior na Zona Vella que na Nova. O autor acha tamén no turismo un factor decisivo na escolla preferente do español fronte ao galego.

Sobre a tonicidade dos neoloxismos
O estudoso da Universidade de Vigo e da Real Academia Galega, Víctor Fresco Barbeito, examina no seu traballo os posibles xeitos de acentuar os neoloxismos incorporados ao galego empregando como criterio as formas de tonicidade máis frecuentes nesta lingua.

Partindo dos estudos feitos por Álvarez Cáccamo, Rodríguez Fer e Xosé Luís Regueira neste mesmo campo, Fresco Barbeito somete a un algoritmo o corpus léxico achegado polo VOLGa e a Biblioteca Virtual Galega co fin de detectar a relación entre a tonicidade das palabras analizadas e o seu grafema final, número de sílabas e categoría gramatical.

Os resultados da pescuda amosan a alta tendencia no galego á aparición de monosílabos e a unha tonicidade en posición maioritariamente paroxítona, así como a relación entre a tonicidade das palabras e o seu grafema final.

Documentos notariais do século XV
Raquel Vila Amado, estudosa do ILGa e da Universidade de Santiago de Compostela achega no seu traballo unha edición crítica de dous documentos notariais do século XV, en concreto, dous foros outorgados polo Mosteiro de San Martiño Pinario a Gómez Gago.

Os documentos editados, dous pergamiños en lingua galega conservados, un deles, no Arquivo Catedralicio de Santiago, e o outro no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, están escritos pola mesma man, e fan referencia a un feito semellante: o outorgamento dun foro do que levanta acta un mesmo notario, Gómez García.

O valego
Na derradeira sección do caderno, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela e membro de número da Academia, Francisco Fernández Rei, fai unha recensión do libro do profesor Xosé Henrique Costas González, O valego: As falas de orixe galega do val do Ellas (Cáceres-Estremadura).

Fernández Rei salienta a precisión e claridade coa que son expostas neste libro a onomástica e a historia do galego na zona, así como o interese da hipótese sobre a súa orixe que Costas González emparenta co galego sur-oriental.

O Caderno de Lingua 35 pódese descargar aquí.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 24 de xullo de 2017 / 11:00 h
Clausura dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar