Da oralidade e a historia de Galicia ao propio Casares na súa obra

A visión da realidade social galega, o manexo "engaiolante" da oralidade que herdou dos avós e os elementos autobiográficos na obra de Carlos Casares foron tres temas destacados na segunda xornada do simposio que a Real Academia Galega lle está a dedicar ao protagonista do Día das Letras Galegas 2017. Para Marilar Aleixandre, son fíos de especial interese entre todos os que se "entretecen" na súa narrativa dando sempre lugar a "novelas dunha arquitectura narrativa impecable". A académica detívose na pegada da tradición oral nos textos do autor homenaxeado nunha mesa redonda na que tamén incidiu na oralidade Antón Riveiro Coello, para quen Casares é unha auténtica "ponte entre tradición e modernidade". Francisco Castro explicou que significou para el a lectura d'Os mortos daquel verán e María López Sández analizou a autoconciencia de Casares sobre a súa produción literaria.
Pola esquerda, Antón Riveiro Coello, María López Sández, Henrique Monteagudo, Francisco Castro e Marilar Aleixandre. Fonte: RAG


A segunda xornada do simposio organizado pola Real Academia Galega arrincou cunha conferencia de Henrique Monteagudo, unha ollada á lectura da historia de Galicia a través do "arco central" da súa novelística -Xoguetes para un tempo prohibido, Ilustrísima, Os mortos daquel verán e Deus sentado nun sillón azul-. O académico tratou de demostrar como nelas o autor ofrece "unha determinada lectura ideolóxica da historia de Galicia", malia as reticencias expresadas polo propio Casares en relación co papel sociopolítico do intelectual. "Deste xeito, na súa obra queda plasmada a propia visión do papel do escritor de ficción na sociedade contemporánea: ofrecer e ao tempo estimular unha visión crítica, non dogmática, das contraditorias forzas que operan na vida e na historia, sen escatimar os matices e claroescuros que colorean as complexas realidades humanas e sociais".

A frescura da narración oral no relato máis culto
Deseguido, Marilar Aleixandre abriu a mesa redonda que compartiu con outros tres escritores: Antón Riveiro Coello, o editor Francisco Castro e a profesora da USC María López Sández. A académica tamén se referiu á importancia da realidade social galega, tanto contemporánea como da historia recente, e mais ao autobiográfico como recursos destacados da súa narrativa, pero na exposición do seu relatorio -que se publicará xunto aos demais do Ano Carlos Casares no Boletín da RAG- centrouse na tradición oral. O Carlos Casares "máis engaiolante", o narrador oral, atopa ao seu xuízo, o mellor reflexo escrito nas páxinas de dúas obras curtas que deixou publicadas: O galo de Antioquía (1994) e Un polbo xigante (2000).

Ambos títulos, salienta Marilar Aleixandre, son historias orixinais pero modeladas na propia tradición oral non só polo xeito de contalas que herdou dalgún modo dos seus avós, senón polo que contan. O galo de Antioquía -recordou- entretece a lenda da cidade de Antioquía asolagada baixo a lagoa de Antela coa crítica á intolerancia, mentres que Un polbo xigante é un híbrido que sitúa o mito do Kraken, o mostro submarino, no contexto do cabo Udra e a ría de Aldán. A académica apunta ademais o manexo de Casares de referencias literarias e sinala a posible relación entre Un polbo xigante a Pericles e a balea (1984) de Xohana Torres.

Da "paixón pola oralidade" do autor homenaxeado e da súa capacidade para levala á escrita tamén falou Antón Riveiro Coello. "Casares foi quen de trasladar toda esa frescura e espontaneidade da narración oral ao relato máis culto, é dicir, escolleu o realismo e vestiuno coas técnicas narrativas máis anovadoras do século XX. Por iso é unha ponte entre a tradición e a modernidade", resumiu. O escritor limiao incidiu ademais na súa visión da literatura -malia tomala moi en serio- como "un xogo transparente na procura do pracer e da diversión"; e na reivindicación da inocencia con "esa ollada nena que bota sobre o mundo que está presente na meirande parte da súa obra". O mellor exemplo desta concepción "lúdica e desmitificadora" da literatura son, ao seu xuízo, Os escuros soños de Clío.

A novela que animou a Francisco Castro a ser escritor
O actual director xeral de Galaxia, Francisco Castro, achegou unha mirada máis íntima e explicou o que significou para el a lectura en 1986, con só vinte anos, d'Os mortos daquel verán. "Empezaba a soñar con ser escritor e esta novela axudoume a saber definitivamente que era isto ao que me quería dedicar, as 655 pesetas que gastei nela foron o mellor investimento da miña vida. Quedei fascinado coa súa estrutura, vendo que se podían contar cousas dunha maneira tan orixinal", dixo sobre unha obra anovadora que consiste en dez informes dun funcionario arredor da morte supostamente en accidente dun boticario ao empezar a guerra civil.

Os mortos daquel verán é ademais un boa mostra -coincidiu Francisco Castro con Henrique Monteagudo- de como acceder á memoria histórica a través da literatura, xurdida nun momento en que este tema apenas fora abordado desde a ficción escrita. "É unha novela moi arriscada pero á súa vez exitosa: chéganos a mensaxe que Casares quere que nos chegue: a verdade. Quere pasar revista a episodios de represión. É unha obra moi valente", asegurou.

"Casares é un dos autores que máis reflexionaron sobre a súa propia escrita"
A escritora profesora da USC María López Sández achegou un relatorio dedicado á ollada de Carlos Casares sobre a súa propia obra -a chamada autopoética-, unha reflexión moi habitual na poesía pero moito menos frecuente na narrativa. "Na literatura galega, o limiar co que Rafael Dieste prologa Dos arquivos do trasno constitúe un exemplo senlleiro de autopoética inserida nunha obra narrativa. Dun xeito semellante, Carlos Casares é, nas nosas letras, un dos narradores que revela unha maior autoconciencia, un dos autores que máis reflexionaron sobre a súa escrita e sobre o acto de escribir", apunta.

A autopoética casariana, formulada dun xeito explícito, pon énfase na descrición cunha visión desta que conecta coa antiga retórica, que vía nesta modalidade "un xeito especial de mover os afectos, de apelar ás emocións", considera a experta en teoría da literatura. "Neste xeito particular e persoal de concibir o texto e a descrición atópase unha clave, talvez a esencial, para comprender os mecanismos narrativos de construción de mundos na obra de Carlos Casares", propón. Volvendo ao herdo familiar, a profesora referiuse á reflexión que fai Casares sobre o seu xeito de escribir en "Os meus avós e a literatura", parte do libro Un país de palabras, onde presenta dous réximes de narración: o xeito de contar do seu avó, por unha banda, e da súa avoa, por outra.

A tarde rematou cun coloquio no que se incidiu de novo na proxección autobiográfica de Casares nas súas obras. Mesmo hai trazos propios no protagonista de Deus sentado nun sillón azul, inspirado sen dúbida, coincidiron Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, en Vicente Risco. Para ambos os académicos está é a mellor novela de Casares. 

  

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar