Contádenos o voso Día das Letras premia os proxectos arredor de Carlos Casares de cinco colexios

Os colexios de infantil e primaria do Carballal (Marín), Antonio Fernández López (Oural, Sarria), Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) e Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene), e o Colexio rural agrupado (CRA) Amencer (Ribadavia), son os cinco gañadores dos premios Contádenos o voso Día das Letras, o novo espazo de participación escolar creado pola Real Academia Galega dentro do proxecto web Primavera das Letras. A iniciativa foi concibida co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade.

Nesta primeira edición participaron preto de 80 colexios de toda Galicia con proxectos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado, axente esencial, xunto ás familias, na transmisión ás novas xeracións da lingua e da cultura galegas. Todos eles recibirán un diploma por participaren nesta iniciativa, mentres que os cinco centros gañadores serán tamén agasallados cun lote de libros. A entrega celebrarase proximamente na sede da Real Academia Galega.

Versos de Carlos Casares a ritmo de 'reggaeton'
O CEIP O Carballal (Marín) participou no concurso co "Casares-tón", un vídeo no que se lle pon música de reggaeton e baile ao poema "Amemos" de Carlos Casares. A peza, instrumentada polo mestre de Música e con coreografía da mestra de Educación Física, involucrou boa parte do alumnado e todo o persoal do centro educativo.

O CEIP Antonio Fernández López, de Oural (Sarria), celebrou o Día das Letras Galegas de Carlos Casares cunha adaptación da súa obra teatral infantil, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, na que tampouco falta unha peza musical co retrouso "As letras galegas de festa están / Carlos Casares, escritor universal".

O CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu o seu fogar, tamén compartiu nesta iniciativa, xunto a outros materiais, unha peza audiovisual na que inclúe unha entrevista sobre el ao seu fillo Häkan Casares, antigo alumno do centro, unha representación teatral e lecturas dramatizadas.

Outros lote de libros serán para a Biblioteca Paula Carballeira, do CEIP Plurilingüe Os Casais de Maniños (Fene), onde o alumnado encheu o seu bosque de letras e música galegas. Neste espazo especial, vestido de festa para a ocasión, os nenos e nenas expuxeron textos propios sobre o autor e realizaron lecturas públicas.

O CRA Amencer de Ribadavia tamén traballou con entusiasmo arredor do 17 de maio. Nas tres escolas de San Cristovo, San Paio e Francelos que conforman este colexio rural agrupado, os cativos e cativas de 3 a 5 anos encheron as aulas de debuxos e murais sobre Carlos Casares e a súa obra e construíron "O tren da lingua", entre outras actividades.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar