"Coido que, literalmente, Manuel María conseguiu quedar na paisaxe, ser un con ela"

"Para min non só foi un mestre da literatura, senón tamén un catedrático de amor á terra e de coñecemento do noso país", di Marica Campo nas súas respostas ao "Cuestionario Manuel María". A escritora, amiga persoal do poeta, salienta a importancia que a obra do autor chairego tivo para distintas xeracións de galegos e galegas, para as que foi a proba "de que non todos os poetas estaban mortos". Pero Marica Campo tamén reivindica a vixencia de todo seu legado literario, mesmo aquilo que escribiu para un conflito concreto.
A escritora Marica Campo

Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
A primeira, é obvio, a extensión. Non teño noticia de ningún autor galego que escribise tantos libros de poemas. E, como é sabido, aínda que este fose o xénero que cultivou en maior medida, ten tamén unha significativa obra teatral, xornalística, narrativa e mesmo de ensaio. En segundo lugar, e tomando o título dun libro de Gloria Fuertes, foi un poeta de garda, é dicir, sempre dispoñíbel, ao servizo de Galiza, das causas humanas, e da nosa lingua. A terceira, a multiplicidade de rexistros. Por exemplo, o mesmo podemos achar poemas filosóficos, existencialistas, de gran beleza e fondura, que ler outros de intención satírica, con ripios buscados adrede para facer máis eficaz a burla. E por último, aínda que podería estenderme moito máis, a sinxeleza, cousa ben difícil de conseguir, a carencia de hermetismo, o que lle permite, ademais de expresarse, comunicar.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Para min iso que non me atrevo a chamar panteísmo nin falacia patética (proxección dos propios sentimentos sobre as cousas), senón comuñón coa terra. Hai un verso del no que declara querer quedar na paisaxe, ser un con ela. Coido que, literariamente, o conseguiu. Quen teña conversado con el un camiño, un lugar, unha comida ou unha copa de viño "competente", seguirá a velo nesas cousas.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
A maior de todas foi, precisamente, a súa pegada ou, máis propiamente, as súas pegadas ao percorrer o noso país, para chegar a onde se reclamase a súa presenza. El foi a proba durante moitos anos para a infancia e a mocidade de que non todos os poetas estaban mortos. Doutra banda, o feito de seren musicados moitos textos del fíxoos populares no dobre sentido: coñecidos e de todos. De todos, esquecido case o nome do autor mentres se cantan, xa patrimonio do pobo.

Que vixencia conserva a súa creación?
Toda, mesmo os conxunturais, de protesta e de intervención, escritos para un conflito concreto. Moitos serven para ilustrar a nosa historia próxima. Os relativos á lingua teñen cada vez máis vixencia, a medida que a situación do galego é máis precaria pola perda continua de falantes. E, finalmente, todos os demais, porque xiran arredor dos grandes temas da poesía de sempre: o amor, a vida, a morte, a terra e o paso do tempo.

Manuel María nun xantar na carballeira do Teso
Manuel María, primeiro á dereita da imaxe, nun xantar na carballeira do Teso, no val do Mao, acompañado de Francisco Pillado e a súa dona Noli, Saleta Goy, Marica Campo (de pé), Rosario Comesaña, María Pastora Domínguez Maseda (nai de Marica Campo), José Platero Campo, Fonso Castro e Inés Pallares, Pura Campo, Manuel Platero Campo e Teresa Campo. Imaxe cortesía de Marica Campo

 

Manuel María con Ana e Ester Torres Campo
Manuel María con Ana e Ester Torres Campo, sobriñas de Marica Campo, e Francisco Pillado. Imaxe cortesía de Marica Campo


Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
Coido que mo deu a coñecer miña irmá Teresa, que traballaba e vivía en Monforte a mediados dos sesenta. A partir de aí xa me interesei pola súa obra. Despois acudín a conferencias súas organizadas pola asociación cultural Sementeira, de Viveiro, e presentáronnos Xulia Canoura e Francisco Luís R. Guerreiro, un matrimonio de mestres moi implicados na cultura e a política galegas. Máis tarde chameino para que lle falase ao alumnado do C.P. de Xove e ficaron el e mais Saleta na miña casa do Torrillón. Ao día seguinte era o Pilar, o meu santo, e fomos celebralo a Estaca de Bares. Desde aquela, sempre o festexamos xuntos. O 1 de xaneiro, onomástica dos chamados Manuel, tamén eu acudía a cear na súa casa xunto cuns poucos amigos e amigas. Era, como se sabe, un gran conversador e coñecía moita xente. Eu fiquei moi sorprendida de que soubese máis ca min dunha rama da familia de miña nai, os Maseda. Nun seu artigo de "Andando a terra" relata unha anécdota dun deles, alcumado O Tranquilo, que eu descoñecía. Para min foi, non só un mestre de literatura, senón un catedrático de amor á terra e coñecemento do noso país. Prologou, xunto con Pilar Pallarés, a miña primeira antoloxía persoal. Manuel María era, sobre todas as cousas, un home bo. Podería relatar situación vividas con el que evidencian a súa carencia de rancor e a ausencia total de autopropaganda, mostra da súa humanidade e humildade.

Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
Non é doado escoller dentro dunha produción tan ampla, mais vou dicir un libro que me toca especialmente, Advento. Porque, como xa se ten dito, "combina vangarda e reivindicación da identidade con doses de existencialismo". Vexo como aboia a nostalxia na loita por conquistar a alegría e viceversa, a alegría entre a nostalxia, aínda que esta acuda sen que a chamen. Formalmente, gusto do uso que fai do verso libre. Paréceme un libro redondo, que tiña que existir e ser así.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar