Catro protagonistas das Letras Galegas a través de Carlos Casares

Francisca Herrera Garrido atreveuse a escribir novelas cando este xénero apenas tiña tradición na literatura galega. E o resultado "non desmerece de canto no mesmo campo se publicara ata entón". "Con todas as reservas que nos poida inspirar o folletín romántico, do que Néveda é claramente debedora, hai non obstante nas páxinas desta novela elementos construtivos que supoñen un avance considerable respecto de cantas a precederon", escribía en 1987 Carlos Casares sobre a obra da escritora coruñesa. Estas liñas son parte do opúsculo editado pola RAG co gallo do Día das Letras Galegas dedicado á autora en 1987, do que Casares se fixo cargo. O escritor ourensán, protagonista da última edición desta celebración, tamén foi o responsable dos volumes centrados co mesmo motivo en Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey e Ánxel Fole.

Como membro de número que era desde 1978, Carlos Casares asinou estes catro volumes con cadansúa escolma de textos e unha introdución sobre a vida e a obra das figuras literarias homenaxeadas pola Real Academia Galega. O libro sobre Francisca Herrera Garrido, elixida membro de número da RAG en 1945, é o primeiro desta serie de achegas asinadas polo narrador. Nas súas páxinas, Carlos Casares salienta a contribución da autora ao desenvolvemento da prosa literaria galega, que "debe ser valorada, en primeiro lugar, polo esforzo que supuxo", mais tamén polas súas calidades.

"Integrada nunha tradición literaria fortemente dominada pola lírica, á cal, por outra parte parecían inclinala tanto a súa condición feminina como a devoción rosaliana, a escritora coruñesa tivo a coraxe de probar as súas forzas nun xénero de escasa tradición na literatura galega, para medirse no cal, ademais, non abundaban os modelos que puideran guiala tanto no plano das estruturas formais como no puramente lingüístico", explica Carlos Casares. "Pero ademais deste esforzo, que por si só xustificaría a elección da escritora para ocupar un sillón na Real Academia Galega, a obra narrativa de Francisca Herrera non desmerece de canto no mesmo campo se publicara ata entón. Con tódalas reservas que nos poida inspirar o folletín romántico, do que Néveda é claramente debedora, hai non obstante nas páxinas desta novela elementos construtivos que supoñen un avance considerable respecto de cantas a precederon. Pódese dicir que a novelista coñece a linguaxe como subxénero elixido e que dentro dese marco procede con corrección (…). Tal elegancia expresiva é nova nas letras galegas", analiza.

Francisca Herrera Garrido. Vida e obra. Escolma de textos inclúe tres exemplos da súa faceta como narradora, as noveliñas A y-alma de Mingos (Céltiga,1922), Martes de Antroido (Lar, 1925); e A neta naipeira (revista Nós, 1921); o ensaio A muller galega e unha selección da súa obra poética.

Otero Pedrayo
Un ano despois, en 1988, a Real Academia Galega publicou outro libriño similar, Ramón Otero Pedrayo. Vida e obra. Escolma de textos, dedicado ao novo protagonista do 17 de maio, sobre o que Carlos Casares xa publicara en 1981 un amplo estudo que concluíu a serie de biografías sobre persoeiros da cultura galega "Conciencia de Galicia" que escribira para Galaxia. Na publicación da RAG, Casares ofrece unha escolma da produción como articulista, ensaísta, narrador, dramaturgo e poeta do autor dunha "vastísima obra, a máis voluminosa que ningún outro escritor galego teña feito ata agora", que "non se pode desligar do compromiso" que adquirira en 1918, cando empezara a participar activamente no movemento político e cultural iniciado polas Irmandades da Fala. "Con moi raras excepcións, toda ela versa sobre Galicia", subliña do que foi "un dos fundadores da moderna prosa galega".

Na introdución biográfica Casares tampouco esquece a maxistral oratoria de Otero Pedrayo, que cultivou sobre todo nos derradeiros anos da súa vida. "Cun estilo torrencial, que esperta a admiración incondicional dos seus oíntes, o escritor vai deixando caer diante do seu auditorio unha mensaxe inequívoca, da que forma parte da fidelidade á tradición galeguista, a exaltación emocionada de Galicia, a súa historia e a súa cultura e a esperanza nas xeracións novas como protagonistas da recuperación da identidade da súa terra", engade sobre o "último dos superviventes dunha das xeracións máis fecundas de toda a historia de Galicia".

Fermín Bouza-Brey
No libro Fermín Bouza-Brey, dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas de 1992, Carlos Casares introduce lembranzas persoais sobre "un poeta transcendente", nas palabras que escolle para o limiar. "Recordo a Fermín Bouza Brey na Compostela dos anos sesenta, sempre relacionado con algúns escenarios moi concretos. Véxoo, por exemplo, na librería de Eduardo Hernández, na rúa do Vilar, case fronte da súa casa (…). Era bibliófilo e adquiría libros raros, sobre todo relacionados con Galicia. Alí escoiteille falar da edición de Rosalía de Castro que lle encargaran para conmemorar precisamente o primeiro Día das Letras Galegas", empeza. O biógrafo destaca da súa obra poética que, se ben é certo que se inscribe dentro da escola neotrobadoresca, os poemas que admiten esa filiación "rara vez se limitan a reproducir dun xeito máis ou menos habelencioso os recursos retóricos manexados polos trobadores", senón que se vale deles como de calquera outros recursos da época, cun propósito simplemente instrumental.

"Clasificar, polo tanto, a Fermín Bouza-Brey como poeta da escola neotrobadoresca significa condenalo a non ser comprendido. Para estudalo parece máis xusto partir da súa condición de poeta culto, que recentemente ten sinalado con acerto Ramiro Fonte. Esa circunstancia explica mellor os propósitos da súa poesía, que nada teñen que ver coa restauración do pasado, senón coa vontade de construír unha linguaxe poética coidada e esteticamente eficaz, posto ó servizo ademais dunha intención expresiva e literaria moderna", profunda.

Ánxel Fole
O derradeiro libro sobre un protagonista do Día das Letras Galegas que asina Carlos Casares para a RAG, Ánxel Fole. Escolma de textos, está dedicado a este mestre da narración curta, homenaxeado o 17 de maio de 1997. "Desde que se publicaron os seus primeiros libros na década dos anos cincuenta, Ánxel Fole pasou a ser un dos narradores galegos máis apreciados polos lectores. Os seus relatos, que el quixo que tiveran as maneiras e o estilo dos contos populares, situaron o seu autor nun lugar preminente na literatura do século XX", escribe sobre el na introdución biográfica que abre o volume.

Carlos Casares tamén coñeceu persoalmente a Ánxel Fole, outro autor ao que xa lle prestara especial atención: en 1984 publicou en Galaxia Conversas con Ánxel Fole, a reprodución en papel da longa charla mantida co escritor en Lugo un ano antes. Un retrato singular dun persoeiro que foi para moitos mozos e mozas dos anos setenta "un home exemplar, pois encarnaba moi ben a negación de moitos dos aspectos da vida moderna que rexeitaban", salienta o biógrafo na publicación da RAG. "Fole carecía de coche, de casa, vivía en pensións humildes, vestía de calquera maneira, ás veces un pouco estrafalaria, e non manifestaba apetencias por honores nin homenaxes. Tiña, no fondo, o aspecto dun marxinal", retrata.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar