Carlos Brandeiro e Jorge Mira, académicos correspondentes

O Pleno da Real Academia Galega acaba de aprobar o nomeamento de dous novos académicos correspondentes. Na xuntanza ordinaria celebrada onte na sede da institución, foron votadas favorablemente as propostas recibidas para outorgar este recoñecemento ao científico Jorge Mira Pérez e a Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro, director xeral do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires.

Pola esquerda, Jorge Mira e Carlos Brandeiro


Carlos Brandeiro (San Román de Cedeira, 1970) é na actualidade unha das principais figuras de referencia das colectividades galegas en Arxentina e Uruguai, e mesmo noutros ámbitos de América Latina. Co seu nomeamento como académico correspondente, a RAG afortala a súa rede de embaixadores no exterior cun referente entre as novas xeracións. Desde 2013 dirixe o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, da Fundación Galicia-América, do que previamente fora secretario técnico-educativo desde 2005. Neste centro, ao que se incorporou como docente de Lingua Galega no ano 2002, escolarízanse varios centos de nenos e nenas seguindo uns plans de estudos con fortes raiceiras en Galicia.

Varias promocións de fillos e netos de galegos emigrantes accederon ao coñecemento e á práctica da lingua e da cultura galegas da súa man tamén a través da docencia universitaria. Entre 2001 e 2013, impartiu clases no Instituto de Estudos Galegos da Universidade de Belgrano (Buenos Aires) e en 2002 traballou como profesor da Cátedra de Estudos Galegos da Universidad de Buenos Aires. É ademais coautor dun libro para a aprendizaxe da lingua galega e dirixe desde 2006 a revista cultural Gavieiro da nosa identidade, editada pola delegación arxentina da Fundación Galicia-América.

Jorge Mira (Baio, 1968) é catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela. Alén das liñas de investigación que mantén en eidos exclusivos das ciencias experimentais, traballa na modelización matemática de sistemas sociais aplicada ás dinámicas lingüísticas, campo no que creou un modelo que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán en Galicia. En relación con estes estudos, colabora desde 2014 co Seminario de Sociolingüística da RAG traballando nun proxecto de socioloxía da lingua, demografía e evolución.

Jorge Mira é tamén un recoñecido divulgador científico. É autor dos libros A ciencia no punto de mira (2010) e A que altura está o ceo? (2016), colabora desde finais dos anos noventa en varios medios de comunicación achegando a ciencia ao público xeral en lingua galega (RG, TVG, TVE-Galicia e La Voz de Galicia), é o responsable do programa Conciencia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), codirixe a colección de divulgación científica da editorial da USC, é responsable do primeiro nodo español da rede internacional Nerd Nite (sesións de charlas científicas breves) e imparte numerosas conferencias e accións formativas. É ademais membro do consello de redacción de Grial e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.

O seu labor divulgador mereceu, entre outros, o Premio Física en Acción da Real Sociedad Española de Física (2000), unha mención de honra do Premio Ciutat de lles arts i de lles ciencies de Valencia (2001), o Premio Nacional Ciencia en Acción do Ministerio de Educación e o EIROForum (2005), e Premio José María Savirón (2001). O compromiso que mantén coa lingua galega foille recoñecido coa concesión do XX Premio Lois Peña Novo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar