As páxinas de Carlos Casares soben ao escenario

En 1973 Carlos Casares publicou a súa primeira e única obra teatral, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Hoxe esta peza dirixida ao público infantil segue a ser representada por nenos e nenas das escolas de toda Galicia, nas que tamén son frecuentes as versións dramatúrxicas d'A galiña azul. O ano dedicado ao autor deixa tamén, entre outras, a adaptación deste último clásico a cargo da compañía Ubú Teatro, de xira por todo o país desde o mes de abril. E para o público adulto, a aproximación escénica á novela Os mortos daquel verán, nunha coprodución de Talía Teatro e o Centro Dramático Galego.

Ubú Teatro nunha representación d'A galiña azul. Fonte: Editorial Galaxia


A galiña azul, un dos primeiros libros infantís publicados en galego, saíu do prelo por primeira vez en 1968. Ese mesmo ano nacía a actriz Ana Carreira, convertida sobre os escenarios na rapaciña do mesmo nome á que Carlos Casares lle dedicou os contos desta obra, chea de elementos fantásticos que seguen a cativar o público máis miúdo. Pero A galiña azul é ademais un libro comprometido coa diversidade, a tolerancia e a lingua galega.

"Á parte de contar as historias, recreamos moito a súa parte máis rebelde e reivindicativa. É interesantísima, sobre todo tendo en conta a época na que se escribiu. Carlos Casares non emprega a palabra manifestación, pero describe unha. Intentamos que os nenos entendan que aquilo estaba prohibido, que o pobo tiña medo e que, a pesar diso, foi valente", conta a actriz de Ubú Teatro. "É unha obra que non perdeu actualidade porque, aínda que podemos dicir cousas que Casares tiña que expresar veladamente, segue habendo problemas coas diferenzas e segue habendo problemas coa lingua", reflexiona.

Narración oral, diálogos, bonecos ou o clown son parte dos elementos empregados nesta versión teatralizada do libro a cargo de dous actores. A mediados de xuño chegará ás case sesenta representacións, vinte e unha das cales realizáronse dentro do programa FalaRedes. Nas medio cento feitas ata o momento, Ana Carreira constata o bo coñecemento por parte do público infantil da obra que deixou o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017: "todos os nenos e nenas de Galicia coñecen A galiña azul; e as súas outras historias, tamén. Cando estamos rematando a obra, fálolles do Can Rin e o lobo Crispín ou de Toribio, preguntámoslles por elas e as respostas son inmediatas, vese que nas escolas traballaron cos seus libros".

'Os mortos daquel verán'

Co reto de levar á escena este ano algún título de Casares para o público adulto, a compañía Talía Teatro, en coprodución co Centro Dramático Galego, adaptou Os mortos daquel verán, a historia que xira arredor da aparición do cadáver do boticario dunha pequena vila, Modesto Vilariño, no verán de 1936, no inicio da guerra civil. "É a obra de Casares que de entrada ten unha teatralidade máis evidente", indica Artur Trillo, director da proposta. A novela está escrita a xeito de informes xudiciais que recollen os testemuños de distintos personaxes, unha fórmula complexa, imitadora da linguaxe administrativa, que "requiriu un exercicio literario bastante esixente" para levala ao teatro. "O que fai a linguaxe destes informes, e o estilo indirecto, é igualar todos os personaxes. Houbo que facer un exercicio importante para subir ou baixar o nivel da lingua de cada un deles, e darlle un pouco de vida, para que non houbese unha mera sucesión de preguntas e respostas", detalla.

O director sinala que foi preciso ir "á columna vertebral" do libro e prescindir de bastante información para evitar unha obra de teatro demasiado longa. Tamén se perdeu quizais un chisco "dese humor negro que encerra a novela, moi próximo a Cunqueiro", para obter unha historia máis áxil. "A nosa idea era facer unha versión pero que ao mesmo tempo fora moi respectuosa coa idea da novela que tiña Casares", resume. A peza, con nove actores sobre o escenario, estreouse o pasado 12 de maio no auditorio municipal de Ourense, a vila natal do escritor, e na semana das Letras Galegas representouse en cinco sesións no Salón Teatro. Malia estar contento co resultado artístico, o director lamenta que a distribución do espectáculo non permitise ata o momento que chegase a máis escenarios.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar