"As obras de Carlos Casares foron unha ponte entre a tradición e a modernidade"

Tal día coma hoxe, o 9 de marzo de 2002, falecía Carlos Casares. As letras galegas perdían un narrador que soubo coma poucos escribir para un público amplo e popular, e que quixo tamén seguir contemplando todo coa ollada da infancia. O seu talento natural para "ese humor que funciona como curación e contrapunto para a violencia e os conflitos" é outro trazo da súa obra que destaca Antón Riveiro Coello, encargado de abrir a serie "Cuestinario Carlos Casares".

Antón Riveiro Coello. Autora: Lorena Riveiro


Antón Riveiro Coello, limiao como Carlos Casares, réndelle homenaxe ao escritor na súa última novela, A ferida do vento, na que se marcou o reto de facer súa a concepción literaria do protagonista do Día das Letras Galegas de 2017. Dese xeito de ver a literatura, e tamén do Casares como persoa que coñeceu en 1999, ou do xestor cultural, fala nas súas respostas ao cuestionario.

Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
O seu legado creativo é fantástico. Como escritor, era versátil, e del pódense destacar moitos aspectos, o principal era a súa individualidade, que el defendía, afastándose de grupos como o da Nova Narrativa onde estaban outros escritores como Méndez Ferrín, Mourullo ou María Xosé Queizán, máis decantados por unha liña de ton simbólico e experimental. Carlos gustaba de desmitificar o escritor e rexeitaba o elitismo hermético. Apostou claramente polo realismo. E a oralidade é un aspecto crucial na súa literatura, chea de naturalidade e dunha atmosfera coloquial. Carlos foi quen de trasladar toda esa frescura e espontaneidade da narración oral ao relato máis culto, é dicir, escolleu o realismo e vestiuno coas técnicas narrativas máis anovadoras do século XX.

Outra característica importante de Carlos é que escribe na procura dun público amplo e popular, talvez arrimándose á mesma preocupación de Cesare Pavese que non era outra que abrir a posibilidade de facer accesible a cultura a todas as capas sociais, unha cultura con raíces no pobo. "O contacto cos lectores para min debe ser sempre condición esencial á literatura", dicía Carlos. E era doado crelo porque a luminosa transparencia da súa prosa ía nesa procura de chegar ao lector. Unha depuración impecable, onde el mesmo rexeitaba a presenza do escritor e teimaba na idea de que o estilo non se debe notar. E, certamente, el acadábao coa súa prosa, aparentemente sinxela, sempre ao dispor da historia que contaba.

Outra particularidade do Carlos escritor sería esa reivindicación da inocencia, desa ollada infantil que bota sobre o mundo e que está presente na meirande parte da súa obra. Carlos no fondo era un neno grande, que quería seguir contemplando todo coa ollada da infancia. Salientar tamén o seu talento natural para ese humor que funciona como curación e contrapunto para a violencia e os conflitos.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Amais do seu legado creativo que o define coma un gran escritor que tocou todos os paus, cómpre ter en conta o de xestor cultural á fronte da Editorial Galaxia e do Consello da Cultura Galega. A editorial modernízaa e convértea nunha empresa competitiva, sen abandonar o seu espírito fundacional nin perder nada os seus principios galeguistas. Carlos sempre teimou na idea de que Galaxia non era unha empresa comercial, nin a súa finalidade a de gañar cartos. O que movía a editorial era o traballo pola cultura do país e reinvestir os beneficios na propia editorial. Con Carlos, os escritores comezaron a recibir un trato profesional, cobrando os seus dereitos de autor, e renovouse a colección literaria, mantendo as esixencias mínimas de calidade. Puxo a andar tamén coleccións como "Descuberta", para lles abrir as portas aos novos talentos, "Sete mares" e "Árbore", para ofrecer literatura aos máis cativos, "Costa Oeste", para o público xuvenil, así como "Ensaio", ou "Dombate", para a poesía, sen esquecer o importante mérito de "Obra Completa" que compila a literatura de autores clásicos como Dieste, Risco, Castelao ou Blanco-Amor.

Así mesmo, o seu labor como presidente do Consello da Cultura Galega tamén foi importante non só pola actualización e modernización, senón porque utilizou o diálogo e a convicción para resolver moitos problemas nunha institución ideoloxicamente plural. Ademais, Carlos foi un excelente embaixador da nosa cultura polo mundo adiante.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Poucas persoas concitaban tanto cariño e admiración en todos os eidos da sociedade como acontecía con Carlos."Estou seguro de que, se vivise, tratariamos de buscar nel unha resposta para a situación cultural tan alarmante en que nos atopamos neste intre" E ese respecto serviulle para atraer á causa galega persoas que, de primeiras, estaban en contra ou desconfiaban dela. Carlos, como home de altura que era, aceptou as teses de Ramón Piñeiro e tocou poder con fórmulas conciliadoras que axudaron a establecer puntos de encontro con sectores que estaban nos antípodas do que el pretendía. Non se puxo á contra, senón que mesmo emprestou a súa figura para a institución cultural do país. Sen el é imposible comprender todo o que se conseguiu. De feito, co paso do tempo e as circunstancias actuais, o seu valor non deixa de medrar na ausencia. Estou seguro de que, se vivise, tratariamos de buscar nel unha resposta para a situación cultural tan alarmante en que nos atopamos neste intre.

Que vixencia conserva a súa creación?
As obras de Carlos foron unha ponte entre a tradición e a modernidade, por iso, moitos dos seus libros teñen aínda esa aire novo e espontáneo que precisa calquera libro para se manter vivo no tempo.

Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Coñecino en 1999. Eu viña de ser finalista no Torrente Ballester de Narrativa coa novela A quinta de Saler e varias editoriais andaban detrás de min, non porque nacese un novo fenómeno literario, senón porque a Deputación da Coruña mercaba unha boa cantidade de exemplares. Carlos, enviou a Pedro Blanco para convencerme de que lle enviase un borrador da novela. Quería ver como eu trataba o tema do Couto Mixto. E leuna decorrido nunha fin de semana e convenceume para que fichase por Galaxia. Despois presentámola en Ourense e levou unha grande alegría cando soubo que a miña compañeira era sobriña del. A partir de entón, tomou un interese certo por min e polas miñas obras, que non deixou de as gabar sempre que puido. Por iso, o recordo que gardo del é o dun home xeneroso, amable, sensato, tolerante, que se multiplicaba nas distancias curtas. Estiven con el media ducia de veces e a verdade é que era un espectáculo compartir esas conversas nas que non paraba de contar historias reais ou inventadas, tanto tiña, porque o facía con tal engado que, xa podías morrer co sono, que ninguén marchaba para a cama se el non o facía.

Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares? Por que?
É moi difícil facer a escolla dunha soa, pero, aínda recoñecendo que non é a súa mellor obra, quedo con Os escuros soños de Clío, ese feixe de relatos nos que enreda coa Historia e ofrece a fermosura dunhas páxinas nas que está a ironía e esa finura premeditada que tanto distinguen a Carlos, teimudo na vontade de nos agasallar cunha prosa transparente, milimétrica, posta ao servicio dun enxeño e dunha imaxinación raiana co mellor Cunqueiro.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar