Acto central do Día das Letras Galegas 2015

O pasado domingo 17 de maio, a Academia rendeulle homenaxe a Xosé Filgueira Valverde nun dos lugares máis estreitamente relacionados coa súa figura: o Museo de Pontevedra.
Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Alberto Núñez Feijoo, Xesús Alonso Montero,  Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga
Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Alberto Núñez Feijoo, Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga


Ao acto asistiron, entre outros, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo; o presidente do Consello da Cultura e membro de número da Academia, Ramón Villares; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, así como numerosos membros da Academia, familiares de Filgueira Valverde e figuras de relevo da cultura galega.

Alberto Núñez Feijoo e Xesús Alonso Montero
Alberto Núñez Feijoo e Xesús Alonso Montero


"Hoxe celebramos o San 17 de maio, un santo laico que nos sentimos orgullosos de honrar, o santo da palabra encarnado, este ano, por Filgueira Valverde", con estas palabras limiares introduciu o acto o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen, logo de agradecerlle á Deputación de Pontevedra a súa colaboración na organización do acto, engadiu: "En boa parte, a Pontevedra que hoxe coñecemos é unha creación de Xosé Filgueira Valverde, e o lugar no que hoxe nos reunimos para renderlle homenaxe, este Museo de Pontevedra foi a verdadeira meniña dos seus ollos, a empresa na que investiu os seus maiores esforzos. Era, pois, obrigatorio celebrar o Día das Letras Galegas dedicado á súa figura no lugar no que hoxe nos atopamos".

Víctor Freixanes
Víctor Freixanes


A seguir, tomou a palabra Víctor Freixanes, o primeiro dos tres membros de número da Academia -xunto con Díaz-Fierros e Barreiro Fernández- encargados de pronunciar un discurso ao redor da figura de Filgueira Valverde. O escritor e director da editorial Galaxia, quen foi alumno do Instituto Masculino de Ensino Medio de Pontevedra dirixido por Filgueira entre 1961 e 1968, centrou a súa alocución na análise da faceta como docente da figura homenaxeada, que deu comezo cunha cita do escritor valenciano e autor referente da literatura española no exilio Max Aub: "Un non é de onde nace, é de onde fai o bacharelato".

En palabras de Freixanes: "Filgueira foi sobre todo un profesor, un divulgador da cultura ao servizo de Galicia e, sobre todo, de Pontevedra". Logo de trazar unha cronoloxía do itinerario docente do Vello Profesor -quen ingresou no ensino medio en 1928, gañou a cátedra de instituto en 1935 e, tras pasar un ano destinado en Lugo, trasladouse en 1940 ao Instituto de Ensino Medio de Pontevedra, centro do que sería director entre 1946 e 1976- Freixanes evocou o estilo pedagóxico de Filgueira: "O seu programa non sempre cadraba co oficialmente establecido. Nas súas aulas falábanos de cousas como a Galicia de Rosalía, as jarchas, a pintura de Laxeiro, o ouro dos castros, Martin Codax ou mesmo dos Beatles. A súa concepción pedagóxica estaba fortemente influída polo Instituto Libre de Enseñanza, é dicir, na procura da multidisciplinariedade e do profesor como activador emocional e non só intelectual".

O autor d'O triángulo inscrito na circunferencia rematou a súa intervención lembrando un episodio especialmente significativo do labor docente de Filgueira: "Eu vivín nun mundo no que o galego estaba proscrito da cultura, que era unicamente patrimonio dos mariñeiros, dos labregos, das clases populares en definitiva. Un día Filgueira chegou a clase cun feixe de papeis, e explicounos que se trataba da Crónica Troiana, escrita en galego no século XIV e que estaba completamente fóra de programa. Imaxinade o impacto que tivo para nós aquela nova. Foi case unha revelación, unha epifanía: saber que a nosa lingua fora tamén un vehículo de alta cultura, un idioma na corte dos reis. Desde aquela data nunca cesei de facerme a mesma pregunta: Que catástrofe aconteceu na nosa historia para que aquela lingua fose descoñecida polos meus contemporáneos?".

Francisco Díaz-Fierros
Francisco Díaz-Fierros

O académico Francisco Díaz-Fierros Viqueira, pola súa parte, analizou a pegada do Seminario de Estudos Galegos no proxecto intelectual de Filgueira Valverde. Díaz-Fierros estableceu unha analoxía entre o comezo do emprego das linguas vulgares nos estudos científicos, unha tradición que inaugura Galileo Galilei no século XVI cando publica a súa obra en toscano, co uso do galego cos mesmos fins nos anos vinte do século pasado: "Nas súas xeiras, a mocidade universitaria do Seminario entra en contacto coa realidade galego do seu tempo e comeza a estudala cun claro propósito: conectar o local, Galicia, coas correntes de pensamento internacionais máis avanzadas". Díaz-Fierros lembrou, así mesmo, que Filgueira Valverde tivo un papel especialmente importante no achegamento do astrónomo Ramón María Aller Ulloa ao galego: "El é quen o anima e convence para que comece a publicar textos en galego da súa especialidade na revista Logos que el dirixía daquela. Grazas a Filgueira Valverde podemos dicir que se falou por vez primeira do quantum e do Principio de incerteza en lingua galega".

"Filgueira Valverde foi un home do Seminario", engadiu Díaz-Fierros, "aberto a todas as esferas do coñecemento, ao traballo multidisciplinar e cun claro obxectivo: superar a divisoria entre as dúas culturas: a científica e a humanística. Neste sentido, cómpre dicir que Filgueira Valverde amosou sempre, en contra da norma dos homes de letras do seu tempo, un gran interese polo saber científico e que era consciente, ademais, da necesidade de rescatar o coñecemento do ámbito culto e levalo a toda a sociedade ". Díaz-Fierros rematou o seu discurso salientando a faceta como divulgador do Vello Profesor: "Filgueira Valverde non tivo parangón como divulgador da nosa cultura: sabía escoller o que podía resultarlle máis relevante e interesante dos últimos estudos científicos ao gran público e transmitilo por todos os medios posibles, como, por exemplo, nos míticos Adral, unha serie de libros unificada por un feito, Galicia e o anceio de espallar o seu coñecemento e a súa cultura".

Xosé Ramón Barreiro Fernández
Xosé Ramón Barreiro Fernández


Por último, tomou a palabra o historiador e membro de número da Academia Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen revisou na súa quenda a concepción de Galicia como suxeito político en Filgueira Valverde. Segundo Barreiro Fernández, a concepción moderna de Galicia como nación ten o seu comezo na reacción dos provincialistas ao modelo centralista de estado imposto polos liberais españois na primeira metade do século XIX: "Os liberais desconfiaban das culturas periféricas, aínda a pesar de contar con numerosos aliados entre a intelectualidade provincialista. Na súa concepción, a división de España en reinos era un residuo do feudalismo que era preciso facer desaparecer". Contra esta concepción do estado fortemente centralista érguense os provincialistas liderados por Faraldo: "Estes eran fidalgos e, aínda que sabían que era imposible retornar ao Antigo Réxime, querían seguir gobernando o pais como fixeran os seus pais, e para iso era preciso combater o centralismo liberal, a súa división provincial do antigo Reino de Galicia e defender a súa unidade. Con este fin, Faraldo introduce termos como Nación, Patria e Independencia que nunca antes foran empregados entre nós co significado que el lle outorgaba". Unha concepción de Galicia como nación que tiña a súa orixe no mito dun celtismo primixenio abafado xa polo centralismo romano, e que será recollida e ampliada pola xeración posterior, a de Murguía.

"Murguía concibía Galicia como un "ser nacional", e era consciente da necesidade de que para darlle unha conciencia de si era necesario recrutar os intelectuais", proseguiu Barreiro Fernández, "era necesario construír unha historia de Galicia, unha música, unha literatura e unha pintura galega que bebese das únicas fontes dispoñibles: as populares".

Sobre esta concepción política de Galicia, Brañas introduce un novo elemento, o católico, que entende a rexión como unha obra da vontade divina, unha visión desde o catolicismo que será logo compartida por Filgueira Valverde, quen racha co Partido Galeguista por dúas razóns: a súa alianza con organizacións políticas de fóra de Galicia, e porque algunhas delas tiñan, ademais, entre os seus obxectivos "a destrución da Igrexa". En conclusión, segundo Barreiro Fernández, fronte ao paradigma celtista de Murguía, Filgueira Valverde defendeu unha concepción da identidade galega inserida na romanidade: "Na súa visión, a lingua e a arte galegas son herdeiras da cultura romana e, dado que a Igrexa católica era a depositaria do seu legado, Galicia debía manterse tamén baixo a súa influencia".

Interpretación musical que lle puxo fin á xornada

A interpretación da Cantiga 100 das Cantigas de Santa María e do Himno galego a cargo a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, púxolle o ramo á xornada.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar